Heladio Outeiro | “Nada me impediría pactar co PP se cambiara moitas das súas políticas e atendera á cidadanía”

Heladio Outeiro | “Nada me impediría pactar co PP se cambiara moitas das súas políticas e atendera á cidadanía”
Diario de Arousa-2019-05-16-015-bd5ce435

O nacionalista Heladio Outeiro (Virxe das Mareas, 1973) concurrirá ás vindeiras eleccións do 26 de maio para facerse coa Alcaldía do Grove. Faino tras un mandato de catro anos “perdidos” e confía en que este catro anos “foran un mal soño e que O Grove volva a renacer cun goberno coas ideas claras”.

Que o balance fai deste mandato? 
Para O Grove foron catro anos perdidos despois dun resultado esperanzador no últimos comicios no que houbo un volco á esquerda. O PSOE atribuiuse o cambio político e as cousas se empezaron a torcer cando quixo aprobar os orzamentos e os soldos dos concelleiros co apoio do PP. Non respetou os acordos que condicionaron o noso apoio aos orzamentos. Tras o engano, démonos conta que o noso lugar estaba na oposición cun alcalde prepotente e despota que quixo impoñer os seus criterios. Non hai PXOM e seguimos sen infraestruturas claves para O Grove. Por primeira vez, o pobo conta cun endebedamento inaudito de catro millóns de euros para unha soa obra.
 
Cales son as prioridades que ten O Grove nestes momentos para o BNG? 
No ámbito portuario, darlle seguridade á flota tanto en porto Meloxo como no Grove. Pescamos os mellores recursos e estamos nas peores condicións a nivel de infraestruturas. O outro obxectivo son as persoas débiles que son a infancia, os enfermos e as persoas maiores. O Grove precisa de garderías, un Centro de Día e un Centro de Saúde.

Outra das asignaturas pendentes para o vindeiro goberno será o PXOM.
Cacabelos nunca estivo polo PXOM. A primeira vez que gobernou deixouno no caixón e a segunda aproveitouse del para conseguir a Alcaldía. Se o quixera sacar nos tería reunido e nos tería consensuado e non o fixo. Non é posible que pasen periodos de seis meses sen que fale do PXOM coa oposición e que resolva os problemas dos veciños no seu despacho a modo de urbanismo siciliano e sen técnicos de por medio.

Cal é a proposta do BNG para sacar adiante o PXOM? 
Ser transparentes. Sabemos que é moi difícil que todo o mundo saia beneficiado, pero tamén que é moi dificil perxudicar a todo o mundo como fixo o PP. A nosa proposta é coller os técnicos e adicarlle cada semana a unha zona para que os veciños poidan coñecelo e tamén a normativa que o regula. Recoller todas as propostas e automaticamente aprobar o PXOM porque o que está claro é que O Grove precisa urxentemente o documento.

Cre que a relación do goberno con distintos departamentos da Xunta puido afectar a O Grove? 
Si. Cacabelos actuou como acicate contra Portos de Galicia sen manter un respeto institucional e unha educación. Tentando victimizar O Grove fíxolle moito dano ao sector do mar que o vai ter moi difícil mentras siga Cacabelos como alcalde. Na Consellería de Sanidade e en Urbanismo pasa o mesmo porque na Xunta non o poden ver. Utiliza este xogo político no seu beneficio, pero en perxuízo do Grove.

Comparte o modelo urbano que se están a aplicar en distintas rúas?
Cacabelos o que está a facer e copiar, pero malamente o modelo do BNG. Copia unha das patas, a peonalización, pero falla na creación de aparcamentos e na reordenación do tráfico. O Grove é un caos no tema circulatorio e cando sexa o verán e veñan os visitantes será peor porque non hai unha idea clara do que se quere facer. É un laberinto circulatorio.

Ten o BNG algunha liña vermella para un posible pacto de goberno? 
Liñas vermellas ningunha, nós o que queremos son liñas verdes que sexan o progreso da economía e do turismo. Poñer ao Grove no lugar que se merece que  é ser o referente turístico nas Rías Baixas tanto polo seu entorno como pola gastronomía e a súa calidade de vida.

Podería chegar a formar goberno co Partido Popular? 
Tería que cambiar moito o PP para chegar a pactar con eles. Terían que cambiar a súa relación co idioma, a súa política e a súa relación coas privatizacións. Se o PP cambiara tanto e aetndera as demandas da cidadanía pois eu non tería impedimento en pactar con eles. Nada me impide pactar co Partido Popular sempre que defenda ao noso pobo e atenda as necesidades que lle plantexa a cidadanía.

Heladio Outeiro | “Nada me impediría pactar co PP se cambiara moitas das súas políticas e atendera á cidadanía”

Te puede interesar