domingo 1/11/20

J. Luiz Oubiña | “Os fotógrafos miran como nenos: Coa mirada inocente, pero buscando algo”

fotógrafo, expón desde hoxe en exposalnés A mostra “Sempre @ Mar” inaugúrase este serán ás 20:30. Trátase dunha homenaxe ao mundo do mar, cunha mirada pouco vista.
unha das imaxes expostas dende hoxe | josé luiz oubiña

José Luiz Oubiña veu de Brasil, pero non hai recuncho de Arousa onde non o coñezan. A pesares de levar tres décadas poñendo o son do obturador a todo canto acontece, cando se refire aos fotógrafos sigue falando en terceira persoa. As súas imaxes sitúanse hoxe, de novo, no centro das miradas, coa inauguración (20:30, Exposalnés, Cambados) da súa nova exposición.

Como xurde esta mostra?

Chamou Tino Cordal (edil de Cultura), que ían clausurar a sala de exposición de Exposalnés por mor dunhas melloras. Quería que a última exposición antes diso fora miña e preguntou se tiña algo preparado.

E un sempre garda...

Claro. Decidín facer unha pequena homenaxe a Cambados, xa que fun moi ben acollido no Proxecta. E tamén para as mulleres do mar, a toda a súa xente. De aí o nome da exposición, “Sempre @ Mar”, un xogo de palabras.

Son fotos tomadas en Cambados?

Si, a maioría, marisqueo en Santo Tomé, en San Sadurniño. Aínda que hai tres partes. A primeira é unha homenaxe ao mar e á Ría. Son detalles que se crean cando os barcos están atracados e reflicten todas as súas cores na auga. Esta parte da mostra é unha serie deses reflexos, que abordan tamén todos os tipos de embarcacións: De marisqueo, barcos bateeiros... dan imaxes moi bonitas. A segunda parte son instrumentos de traballo: Detalles de cordas, raños... A terceira céntrase na xente, nas persoas. Grazas a elas temos o que temos, o produto nas nosas casas. É tamén un xeito de honrar o modo de traballar deste sector, sen esquilmar, preservando os recursos... A xente que marisquea, faino con moito respecto, con moito agarimo.

Ou sexa, que onde a cotío en Arousa a maioría ve barcos de traballo e raños, un fotógrafo ve arte nos pequenos detalles.

-É a beleza que pasa desapercibida, é unha mirada desde o sentimento. Cartier-Bresson dicía que fotografar é conectar os ollos, o corazón e a alma. Todo vén por aí. Por iso, os fotógrafos están moi atentos ao detalle, teñen outra mirada, a curiosidade dun neno. Os fotográfos miran como nenos, coa mirada inocente, pero buscando algo ao mesmo tempo.

Son fotos pre ou post-Covid?

Todo pre-pandemia. Son imaxes con máis de cinco de anos comigo. Cando arquivo, sempre poño entre paréntese “boas fotos” naquelas que son excelentes para min. Así que son fotografías rescatadas.

Canto hai de material inédito, que o público poderá ver por primeira vez?

Os reflexos son bastante inéditos. Pode que unha ou dúas puideran verse nalguna feira ou mostra. Das do marisqueo, practicamente máis dun tercio son inéditas. E as do instrumental, son totalmente novas para o público.

Desfruta José Luiz Oubiña detrás do obxectivo?

É que creo que os traballos sempre hai que facelos desde o corazón. Se estás metido nun traballo, hai que tentar que sexa algo que che guste facer. Os empregos ao final, son toda unha vida e se non che gusta, se estás incómodo... paréceme complicadísimo levar unha vida así, oito horas por día, todos os días... E si, a fotografía, realmente, gústame. A miña primeira cámara regaláronma meus pais con 10 anos. O primeiro laboratorio, estou falando da época do revelado químico, monteino no baño da miña casa con 18 anos. Logo chegou a universidade e a formación en Brasil (é mestre de Arte). Alí xa tiven a asignatura de fotografía, logo traballei como axudante de profesores deste campo na universidade... E aí comezou a sair o profesional: A xente empezou a pedirme fotos, por exemplo, cando facían teatro. E pagaban algo.

E aí xa viu que podía un gañar a vida con iso.

Claro. Díxenme: “Isto gústame e podes gañar algo de diñeiro”. Así que decidín ser fotógrafo. Agora cúmprense trinta anos xa desde que chegamos do Brasil, a miña muller, psicóloga, e eu, fotógrafo. Chegamos así e facemos o que nos gusta. E iso tamén é parte do xogo de palabras da exposición: Amar o que fas é fundamental. l

Comentarios