Javier Dios: “O Concello ten que ser un servizo aos veciños e non un punto de venda de favores”

Javier Dios: “O Concello ten que ser un servizo aos veciños e non un punto de venda de favores”
_MG_5556_13371599

Javier Dios preséntase ás eleccións por segunda vez. Veciño de Vilanova, de 48 anos, conta con experiencia na asesoría, na banca e, desde hai catro anos, tamén coma deputado provincial. “E como concelleiro”, engade: “Non sei se me formou máis iso, porque catro anos neste Concello son como unha carreira acelerada”. 

Tan particular é a política na vila?

Curte moito. Non me esperaba que fora tan duro. Eu pensaba que a oposición era eu e, en cambio, a oposición era el (Gonzalo Durán). Iso é bastante fastidiado, sobre todo cando empezas en política. Pero estes catro anos formáronme bastante. Incluso me dicían que aquí se xogaba noutra división: É todo moi rudo, xógase sucio... O que a min me molesta moito é a mentira, a manipulación... Eu, ao estar na Deputación, coñezo a verdade e sei que os xuízos que ten contra a institución provincial vainos perder todos. Pero el conta con que a sentenza saia despois das eleccións. 

Durán acusouno de ter unha causa aberta por unha estafa a un seguro. O que propiciou o anuncio dunha querela do PSOE contra o rexedor. É, pois, unha acusación falsa?

De todo falsa. Xamais estafei a ninguén. Son unha persoa honrada que quere competir pola Alcaldía, como fixeron outros aos que Durán sempre tentou manchar. Non teño nin tiven nunca ningunha causa por estafa, polo que o acusador responderá ante a Xustiza por terme imputado publicamente un delito tan grave: Non vale estar na Alcaldía querendo vulnerar o honor de ninguén. Durán é o que perdeu o honor e, se se perde, xa non se recupera. 

A súa posición coa piscina na Deputación valeulle tamén os calificativos do popular de “Judas” ou “Roma non paga traidores”. Está o PSOE en contra da piscina para Vilanova?

Non, para nada. Aquí había un cartel que levaba quince anos en O Terrón, pero non se daba feito. Así que fomos nós os que levamos o proxecto a Pleno. Ao cal votaron que non. A Deputación ten fondos destinados a cada concello, repartidos con criterios obxectivos. Durán o que quería era poñerme contra as cordas pedindo a piscina por fóra deses fondos. Fondos (Plan Concellos) cos que Vilanova nunca recibiu tanto: Entre 5,3 e 5,5 millóns.

Pero a Deputación  denegou cartos para a piscina cando o Concello os solicitou noutra liña de axudas. 

Xogo torticeiro e falso. Porque Durán presentou, non o proxecto da piscina, senón do bar e dos vestiarios do campo de fútbol: Cousas que xa estaban feitas e pagadas pola Deputación. Aparte de fóra de prazo. Quedou fóra, pois, por decisión técnica, pero iso deulle a el máis munición para denunciar, esperando que se resolvera xudicialmente despois das eleccións. O que pasa é que se resolveu antes e o xuíz foi contundente: O goberno de Vilanova actuara en ‘fraude de lei’. 

Con respecto á débeda, hai un baile de cifras: Entre os 9 millóns que di o goberno local e os 15 que afirmou algún outro partido da oposición. En todo caso, son saneables as arcas?

Como economista vou dicir que o dato real non é nin un, nin o outro. A débeda real é o pasivo esixible, as obligacións, que son 11 millóns. Cifra á que aínda habería que sumar as facturas que aparecen Pleno tras Pleno, que estaban no caixón. Cando ao Concello se lle acaba o presuposto, a metade de ano, ía aos proveedores e dicíalles que lle suministrasen pero que facturaran ao ano seguinte. Unha falsidade tremenda, que ademais complica a vida aos pequenos empresarios: Vilanova estalles a pagar a 385 días, cando o máximo legal son 30. Logo hai outro problema: Os préstamos. Tiñan carencia, pero remata no 2020, co cal vai haber que comezar a devolver débeda, non só pagar intereses. Hai que atallar esta situación con seriedade, porque tal e como está levando o Concello este home (Durán), só pode ir a peor. 

Ten o PSOE algunha idea para reconducir a situación económica? 

Se o alcalde non a atalla é porque non quere. Porque a Deputación tamén habilita fondos para amortizar débeda. E aquí non se empregaron para iso, senón para duplicar gastos, malgastar e para pagar actuación superfluas, como eventos musicais que trouxeron o mesmo día que o Rockin’ Vila, restándolle xente e metendo nun problema económico á organización do festival. 

Ademais da corrección da débeda, que máis propostas teñen? 

Medidas económicas, emprego e igualdade: O Concello ten que ser un servizo aos veciños e non un punto de venda de favores. O caciquismo é o que ten: Unha intención de clientelismo para que os vilanoveses sintan toda a vida que deben favores. E iso débese tamén en parte á inexistencia dun PXOM, que regularía o que pode facer cada un no seu e co que se evitarían logo os ‘ollo, mira: Se non me votas, a túa casiña sabes na situación na que está...’.

Na pizarra

O candidato recoñece que dubidou en elixir o seu valor entre dúas opcións. Estaba a de “feminismo”, unha das apostas da Deputación de Carmela Silva, defende. E que tamén está presente no PSOE local, cunha lista “onde hai máis mulleres que homes”. Finalmente decantouse pola escolla aquí reflectida na pizarra, porque “o feminismo é unha parte da igualdade e por iso eliximos esta”. É un concepto máis amplo, no que tamén cabe a “igualdade no trato, independentemente das ideas políticas que cada quen teña. Abarca moito máis e debe ser a bandeira que debemos levar os socialistas”. 

Mañá en O Salnés, entrevista a: Gonzalo Durán, candidato do PP á reelección en Vilanova de Arousa

Javier Dios: “O Concello ten que ser un servizo aos veciños e non un punto de venda de favores”

Te puede interesar