Jesús López | “Os que formamos En Común temos claro que non estamos en política para facer dela a nosa profesión”

Jesús López | “Os que formamos En Común temos claro que non estamos en política para facer dela a nosa profesión”
Jesús López, candidato de En Común á Alcaldía de Vilagarcía | gonzalo salgado

Hai catro anos Jesús López daba por primeira vez un paso adiante para situarse na primeira liña da política local. Facíao como cabeza de lista de Esquerda Unida e conseguindo un dos mellores resultados da formación nuns comicios municipais. Crises internas, díscolos na propia formación e catro anos de voceiro da oposición non o frean para liderar agora a confluencia Vilagarcía En Común, un proxecto que di, “nace para quedar”.

O nacemento de En Común non foi sinxelo...
En Común é froito dun traballo de moito tempo. É certo que inicialmente ese traballo foi encamiñado para desembocar no espazo confluínte de Marea da Vila, pero ao final non puido ser. O certo é que houbo sempre moi boa sintonía co voceiro de Somos Maioría e iso deunos un resultado bastante bo. Presentamos iniciativas conxuntas e estas foron aprobadas e por iso reivindicamos que o traballo conxunto é importantísimo nunha cidade como Vilagarcía.

Daí o de usar a palabra “común” no nome da confluencia...
Exacto. O traballo en común significa que se van facer as cousas que a veciñanza precisa e non só aquelo no que ti cres. Nós non queremos deixar máis pegada no Concello que a de que a xente entenda que a política é outra cousa diferente do que están acostumados a ver. A esencia da política debe ser sempre buscar solucións para a cidadanía.

Hai catro anos desembarcaba en política por vez primeira e non foi un mandato sinxelo. Foi meditada a decisión de volver encabezar unha lista electoral?
Recoñezo que houbo días en que o pensei moito, pero cando ves o trato coas persoas paga a pena sentir o feito de que podes aportar algo para que a xente mellore a súa vida. Transmitir que cando facemos cousas xuntos pois nos facemos máis fortes. Sempre poño de exemplo o asociacionismo. Teriamos que ter asociacións como modelo de presión. O que está claro é que nós non estamos en política para facer dela a nosa profesión, senón porque cremos isto e cremos que podemos conseguir que a vida dos nosos veciños sexa mellor.

Foron catro anos con oposición dentro da propia formación.
Foron momentos difíciles cando se deu a ruptura porque non nos gustaron as formas. Sumouse a iso a nosa inexperiencia. Cremos que agora xa nos enfrontamos a este novo proxecto con máis experiencia nestes ámbitos.

Falar de ruptura é falar tamén da ruptura con Podemos na proposta de Marea da Vila. Eles falaban de que había intereses e “guerras de sillóns”.
Non é certo. Marea da Vila dotouse duns prazos para propoñer candidaturas, uns prazos que algúns non acababan de aceptar. Os tempos incumpríronse e nós pensabamos que había que poñer xa un candidato sobre a mesa e empezar a traballar coa cidadanía. A disensión non se dou con Podemos no global, senón só con algunhas persoas. Dende logo non fun eu o que motivou esa problemática e o tema non se restrinxe a unha loita polos sillóns. O único interese que tiñamos é que o espazo funcionase.

O fracaso desa confluencia non pode ser interpretado pola cidadanía como un fracaso de entendemento da esquerda e dar unha imaxe nada desexable?
Parece que a esquerda está condeada a non entenderse cando o xusto sería que ocorrese todo o contrario. Recoñezo que a título persoal foi un fracaso non ter conseguido esa unidade.

En Común nace cun equipo plural no que incluso figuran nomes de ex socialistas ou de persoas que foron edís ou incluso deputados. Non podería interpretarse iso como a volta da “vella política”?
Isto ten a súa parte boa e a súa parte mala. Todo o mundo ten un pasado e todos podemos rectificar ou cambiar co paso do tempo e apostar por diferentes motivacións. Evidentemente pode parecer que os de sempre queren seguir figurando, pero tamen é certo que son os que acumulan a experiencia. Polo tanto iso suma. Nós somos transversais e iso implica que toda a xente que teña ganas pode unirse e participar. Non imos mirar as siglas que tiveron antes. Parécenos que sobre as siglas hai tarefas máis importantes como facer unha Vilagarcía mellor e máis humana. E cando falo de humanizar non falo só de quitar o asfalto e poñer formigón.

É cedo para falar de posibles pactos tras as eleccións, pero tendo en conta a oposición que tivo o goberno de Alberto Varela con EU e Somos estes catro anos non sería un pacto a calquera prezo...
Nós imos apoiar sempre a un goberno de esquerdas, pero non a calquera prezo, está claro. O goberno de Varela cometeu erros dende o principio como foi o de descartar interlocutores dicindo que eran “antinatura” e logo precisar deles para un Pacto de Cidade que consistiu só en poñer pasta para repartir salarios. É verdade que se atopou en nós cunhas imposicións que lles foron moi duras, pero nós non entendemos salarios tan altos para un alcalde.

O salario sería de novo unha liña vermella?
Si. Nós entendemos que a política ten que estar ben retribuída porque aínda que sexa algo vocacional implica moita dedicación. Aínda así os 51.000 euros parecíannos excesivos para un alcalde de Vilagarcía. Os xestos foron complicados, poucos e ao final optaron por pactar co PP. Ninguén debe chegar á política coa intención de gañar aquilo que non gaña na súa vida privada. O que pretendía era excesivo. Gañar 3.000 euros sitúaos nunhas circunstancias vitais que o resto dos cidadáns non teñen e polo tanto a súa visión pode estar moi alonxada das necesidades reais.

Hai xusto unha semana que En Común se presentou en sociedade. Xa se achegou xente a vós para unirse ao proxecto?
Moita, a verdade. Recibimos moitas mensaxes de apoio. O da semana pasada foi un acto gratamente moi concorrido. Nas tarxetas que repartimos deixaron moitas ideas reflexadas. Queremos seguir repetindo este esquema. De feito unha das nosas ideas é crear un consello veciñal que funcione de verdade, donde estean representantes de todos os barrios e parroquias e que se reúna cada seis meses. Que cada zona teña potestade ademais de decidir a donde van parar parte dos impostos que pagan. Ese é o modelo que queremos.

Jesús López | “Os que formamos En Común temos claro que non estamos en política para facer dela a nosa profesión”

Te puede interesar