“Jorge Domínguez dábache a razón se a tiñas. Lourdes Ucha non”

“Jorge Domínguez  dábache a razón se a  tiñas. Lourdes Ucha non”
Copia de Diario de Arousa-9999-99-99-999-0f373bbc

Icía García é veciña de Dena, graduada en Comercio. Aos seus 23 anos afronta as primeiras eleccións como candidata do PSOE en Meaño, aínda que en 2011, con 18, xa fora de número 2 na lista de Félix Sineiro. Aparece coa puntualidade de a quen lle preocupa cumprila.

Con 23 anos é a candidata máis moza de O Salnés.
E coido que de toda Galicia.

É importante a idade na política?
Creo que si. A veces é un handicap e a veces un plus. Moitos poden pensar que pola miña idade non estou capacitada. Pero eu penso que si. Quenes me coñecen saben que a idade que teño non se corresponde coa miña mentalidade. As diferentes cousas que me pasaron na vida fixéronme madurar máis rápido.

Non vou preguntar polo persoal, pero si canto leva en política.
Como quen di, toda a vida. Ademais, a miña familia sempre foi de esquerdas: Meu avó era republicano. E iso vai marcando.

E nun momento en que, sobre todo moita xente moza, sente desapego polos partidos chamados tradicionais, a vostede que é o que a atraeu do PSOE?
Pois que todos os avances sociais que se lograron neste país foron grazas ao Partido Socialista.

Está, porén, en horas baixas?
Sei que as medidas que se aprobaron en maio de 2010 (redución do salario a funcionarios, conxelación de pensións e supresión do “cheque-bebé”) foron prexudiciais para o partido. Coido que foi un ano negro para nós, pero que agora só nos toca subir e mirar polos veciños.

O seu nomeamento como candidata foi o primeiro en facerse oficial na comarca, xa a finais de 2014. Tan claro o tiñan?
Eu levaba dous anos como portavoz do partido no Concello, os meus compañeiros víanme capacitada, con ganas e crían que era a mellor persoa para representalos. Simplemente, oficializámolo.

Pensara antes en ser candidata?
Creo que isto non se medita nin se propón, senón que as oportunidades aparecen e podes collelas ou deixalas.

Preséntanse cinco listas nun intre en que todo pode pasar tras máis de dúas décadas de victorias de Jorge Domínguez. A irrupción dos dous novos partidos pode restar votos á que viña sendo oposición?
Penso que non. Que restará moitos máis votos ao PP. O PSOE e o BNG de Meaño teñen unha historia e votos conseguidos, que agora hai que tratar de incrementar.

Nun escenario de pactos, a quen si se apoiaría e a quen non?
É complicado. Non me gusta facer suposicións por anticipado e ata o momento do reconto de votos non sabes o que vai pasar. A partir de aí, o que hai que facer é falar. Son unha persoa á que lle gusta o diálogo e estou aquí para axudar, non para incordiar. Iso sí, non me gusta como está a levar Lourdes Ucha o Concello e con ela véxoo un pouco complicado.

Con Lourdes Ucha ou co PP?
Nos plenos vese que o PP é Lourdes Ucha: É a que ten a voz e o mando.

Cambiou a forma de facer política no Concello?
Con Jorge Domínguez, cando sabía que tiñas a razón, dábacha. Lourdes Ucha non. Ten que ser o que ela diga e punto, porque venos como cores políticas en lugar de como persoas que tratan de mellorar a vida dos veciños.

Que botou en falla en Meaño neste mandato?
Aínda falta o saneamento en moitas casas, o comercio non se apoia, as asociacións están perdidas e os clubes deportivos abandonados da man do Concello. Piden cousas, pero a resposta sempre é un non.

Un dos arietes clásicos das forzas contrarias á do goberno é a Economía. Aquí que hai superávit, é máis difícil facer oposición?
Pois non. Levo catro anos dicindo que os presupostos fanse mal. Comezan o ano con tres millóns, pero cando acaba, auméntanse case noutro. Por que? Porque cada certo tempo danse conta de que as partidas que se asignaron para unha obra ou servizo non chegan e hai que aumentalas. Existe un superávit, pero non saben administralo.

Déixase de invetir?
Si. Está todo moi parado. Non avanzamos.

E o PSOE que propón?
Poñer en valor as asociacións e darlle un sitio para poder facer as súas actuacións. Temos tres pavillóns no Concello e o que queremos é facer obras nun deles para convertelo nun multiusos. E crear rutas de sendeirismo e de BTT, para dinamizar o turismo, pero o turismo activo.

“Jorge Domínguez dábache a razón se a tiñas. Lourdes Ucha non”

Te puede interesar