José Aspérez: “Nesta vila hai quen quere influir en política sen estar en ningunha candidatura”

José Aspérez: “Nesta vila hai quen quere influir en política sen estar en ningunha candidatura”
_MG_3076_13550331

José Aspérez preséntase por segunda ocasión á Alcaldía, liderando Meaño Independente (MI), forza nova en 2015 que conseguiu ser segunda na Corporación fronte a un PP que logrou a maioría absoluta por un concelleiro. Veciño de Simes, de 47 anos, asesor fiscal e contable, pide publicamente que se perda o medo ao debate, lamentando que só el acudise por Meaño ao organizado en televisión. 

Non sei se a palabra que flota no aire en Meaño é nerviosismo. Tal vez cálculo electoral?

É que neste concello hai xente que, sen formar parte de ningunha candidatura, semella que ten intereses extraordinarios en formar parte da política e en influir nela. Hai grupos en que se sentan dúas persoas e deciden. E logo trasladan as súas decisións, incluso, ao candidato. 

Xente de Meaño? De fóra?

Todo o mundo aquí o sabe. 

Está nun momento convulso a política na vila? Dígoo en vista disto, das enquisas políticas que ningún partido se atribuía, a unha alcaldesa que dixo que se ía presentar pero logo deu un paso atrás e incluso pola agresión a un edil popular. 

Creo que a política pode estar convulsa no PP de Meaño, pero non é algo que a nós nos atinxa. En canto á agresión a un concelleiro, é inconcibible. E condenable, así o fixemos, porque iso non pode ocorrer nunca. Pero foi unha agresión entre un veciño e un edil do PP. Ademais, hai uns días déronse a man na prensa. Polo tanto aqueles que dicían que nós tiñamos algo que ver, cando menos é ridículo. Incluso o candidato popular, cando insinuaba que podería haber alguén detrás, se se refería a nós, debería desculparse. E sobre esas enquisas, primeiro: Fainas quen ten cartos.  E a intención das preguntas estaba clara: Sondear as posibilidades de certos candidatos para o PP. 

Cando xurdiu MI vostede explicaba que unha das causas de presentarse era o xeito de Lourdes Ucha de facer política, acusándoa de falta de proximidade. Agora que ela non se presenta, valorouse a integración de MI no PP? Houbo contactos?

Antes de iniciarse a campaña, cara ao final do mandato, con nós falaron diferentes forzas e nós falamos con todas. Pero nunca coa intención de abandonar este proxecto antes de concurrir, polo menos, a unhas segundas eleccións.  

E se non hai ningunha maioría absoluta, vostedes o día 27 mirarán cara o PP ou cara a esquerda?

Nós miraremos cara aos veciños. É moi dificil, si, que haxa unha maioría absoluta, pero nós traballaremos para conseguila. 

Pero descartan un goberno co PP?

Nós non descartamos nada. E dentro diso, no que confiamos é no sétimo concelleiro (maioría absoluta).

Como valoran este mandato?

A alcaldesa fixo unha xestión, que acabou coa súa renuncia. Pero toca ser crítico coa xente que vai estar nas próximas eleccións. Por exemplo, o número 2 do PP: Un edil que leva máis de dez anos representando a Dena e co que os veciños da parroquia se senten pouco respaldados. En canto a nós: O mandato no Concello serviume de experiencia e de aprendizaxe.

E tras esta apredizaxe, que ofrece MI se goberna?

Os nosos piares serán os servizos sociais, os maiores e os nenos. O centro social polivalente ten que mellorarse, ao igual que as actividades extraescolares, os colexios, que a gardería non peche en agosto... Logo axudar a asociacións como a Banda, gaiteiros, equipos deportivos nos que tamén está a mocidade. E despois, obras imprescindibles.

Por exemplo?

A famosa plaza de Dena, que está sen facer, pese a que o PP xa a prometera na pasada campaña. Nós xa a levabamos tamén no programa de 2015 pero a diferenza é que temos practicamente un acordo pechado. Tamén son imprescindibles as instalacións para a Banda.

Pero é posible? Porque ese é un proxecto do que sempre se fala pero nunca se concreta.

É que hai quen xa prometeu un auditorio dúas ou tres veces. E non entendo como nesta campaña esa xente advirte de “ollo con quen promete un auditorio, que igual non se pode facer”. Ou nos tomaron o pelo a todo Meaño, ou por parvos. Agora hai candidaturas que propoñen acristalar o palco e tirar unha parede: Un parche. Nós non estamos para iso. Imos traballar por un multiusos, para a Banda, os gaiteiros, os grupos de acordeonistas, o teatro... 

Nalgún lugar xa pensado?

Si, pero polo de agora non o diremos. Na política hai que ser ambiciosos, pero tamén é preciso que os técnicos avalen a túa ambición. Xa falamos coa Banda: Nós, ao día seguinte das eleccións, explicamos a idea con todos os detalles e, se corroboran que gusta, adiante.

Na pizarra

O valor elixido non é novo para MI. “Xa na campaña anterior era unha das nosas prioridades: Cercanía, á totalidade dos veciños, ás asociacións, aos clubes deportivos”. Esa proximidade, defende, “segue a ser o primordial para esta campaña e para o mandato se conseguimos gobernar”. Afirma que é algo fundamental, xa que “canto máis preto estamos dos veciños, máis e mellor coñecemos as súas necesidades e máis e mellor serán atendidos”. De feito, cre que foi a eiva fundamental do executivo actual: Pouca proximidade coa veciñanza, “o cal non permitiu atender todas as necesidades e demandas que realmente hai na rúa”. 

Mañá en O Salnés, entrevista a: Carlos Viéitez, candidato do PP de Meaño

José Aspérez: “Nesta vila hai quen quere influir en política sen estar en ningunha candidatura”

Te puede interesar