José Ramón Abal: “Traballamos duro para liderar o goberno non para ser a chave de ninguén”

José Ramón Abal: “Traballamos duro para liderar o goberno non para ser a chave de ninguén”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-bccdcddf

José Ramón Abal Varela preséntase por segunda vez á Alcaldía tras unha experiencia “irrepetible”. Foi a chave de goberno en 2015 e estivo no centro de todas as crises do cuatripartito, pero asegura que o “traballo duro” lexitima ao seu partido, Cambados Pode, a “liderar o próximo goberno” porque, vista a actual tendencia, os pactos están enriba da mesa e ademais defende que a coalición “funcionou ben”. De feito, non ten reparo en recoñecer o traballo dos seus socios. Síntese forte e orgulloso da súa candidatura, que gaña unha representante en Oubiña e presenza do centro urbano. Xunto a ela sométese ao “exame” das urnas porque quere un mandato máis para rematar o seu proxecto.

Ten dito que as sensacións na rúa son boas. Cre que lograrán un segundo concelleiro?

Terán que decidilo os veciños, pero creo que haberá un bo resultado. Estamos satisfeitos, avanzamos en todas as áreas e somos a única plataforma local, centrada en Cambados; iso é un valor engadido e marca a diferenza con respecto aos outros.

Estas eleccións tamén van ser diferentes no aspecto persoal porque o seu irmán é un dos seus contrincantes á Alcaldía. Como afronta esta situación?

É unha situación dolorosa para a miña familia, pero nunca vou dicir nin facer nada en contra dela. A situación é complicada; unha marca política decidiu levar ao terreo político un conflito familiar, pero os veciños pídennos que sigamos adiante e estamos lexitimados para continuar o proxecto iniciado como rematar o asfaltado dos camiños rurais, mellorar e ampliar os servizos básicos e tamén iniciar outros como abrir as rúas Eduardo Blanco Amor e Otero Pedrayo, nos xulgados, cara a Avenida do Salnés, para dar fluidez ao tráfico e crear aparcamentos; rematar a tramitación da prolongación da Rúa Pacheca e facer a obra, pero ademais queremos humanizar todo o entorno de Santa Mariña; ou implantar wifi pública, e máis cando traballamos pola internacionalización de Cambados. 

Seguramente non haberá maiorías. Unha condición irrenunciable de Pode para volver a pactar?

Hai varios puntos fundamentais. Todo o relacionado coa defensa do sector do viño, incluíndo a nosa proposta de aumentar os cupos, e co enoturismo, como manter o Plan Estratéxico. Son 12 puntos vitais como vinculalo máis ao mar, con máis actividades e conseguindo, por exemplo, que a Festa da Vieira sexa de Interese Nacional. Goberne quen goberne, sería un grave erro que non continuara a Concellería de Enoturismo. E con respecto á sede do Consello Regulador, non vale prometer que o imos intentar, nós a imos traer. E outra cuestión irrenunciable sería blindar o rural: por cada euro investido na mellora de infraestruturas no casco urbano que outro se destine ao conxunto das parroquias.

Se volvera ser chave de goberno, miraría a esquerda ou a dereita?

Esforzámonos en todas ás áreas para ter a oportunidade, como único partido de ámbito local, de liderar o próximo goberno e pode ser un tripartito ou un cuatripartito, seguramente, pero non traballamos duro para ser a chave de goberno de ninguén. 

Durante este mandato ameazou varias veces con romper. Houbo un risco real de moción de censura?

Non empregaría esa nomenclatura. Foron tres desavenencias, pero en ningún momento houbo risco de ruptura. Somos catro partidos e foi preciso arranxar desaxustes, pero seguiu funcionando ben e a proba é que esgotamos o mandato cumprindo unha moi boa parte do pacto. Baixamos impostos, hai máis transparencia e agora o veciño é atendido polo departamento correspondente para ter unha solución concreta ao su problema. Antes todo estaba moi centralizado na figura do alcalde.

Entón repetería cos seus socios?

Cando me elixiron para representar a Pode xa dixen que o cuatripartito funcionou ben. Quizáis temos que madurar e traballar máis cohesionadamente, pero tamén é a primeira experiencia deste tipo en Cambados. Noutros lugares, como Sanxenxo, fracasou. Penso que se acabará estudando nas universidades de Ciencias Políticas.  

Que cambiou para que o seu non á peonalización de Fefiñáns case puxera en risco a firma do pacto a ser unha realidade?

Había un problema de seguridade que non tiñamos diagnosticado cando chegamos ao goberno e tras producirse varios incidentes e accidentes pedimos un informe á Policía Local onde se contemplaba que incluso podería ser unha neglixencia non pechala na época estival. E o fixemos, porque para nós a seguridade é fundamental, como o demostran outras accións feitas neste mandato. Ademais as experiencias piloto previas (fins de semana do verán) funcionaron ben. Logo o peche prolongouse polas obras e vimos que os veciños foron posicionándose a favor e non había consecuencias negativas para comerciantes e hostaleiros, a pesar das críticas. Cumprimos todas las demandas que nos plantexaron e coas reordenacións de tráfico do entorno, está funcionando perfectamente. 

Pode resumir as liñas xerais do seu programa electoral?

Non hai grandes sorpresas, é continuista, consecuencia do traballo deste mandato; seguir cos proxectos iniciados e políticas como a moderación de impostos, a aposta polos servizos sociais, a loita polo centro de saúde... E tamén outros encauzados e algún novo como crear unha Escola de Enoturismo, traer a Cambados unha sección da Escola de Idiomas, crear unha comisión organizadora da Festa do Albariño e un modo para que os mozos, por exemplo, poidan elexir un dos concertos. Tamén apostamos por un plan integral de mobilidade peonil e intentar poñer en marcha un transporte interparroquial. Non hai ningunha ocurrencia ou obra faraónica, temos que seguir mellorando as infraestruturas e atender as demandas dos veciños viables técnica e económicamente, que son a maioría. A administración ten os seus tempos, lentos, e faise necesaria unha segunda lexislatura. Pido a confianza dos veciños para finalizar os proxectos, para min sería suficiente. Isto é unha etapa e non me gustan os políticos que botan 30 ou 40 anos.

José Ramón Abal: “Traballamos duro para liderar o goberno non para ser a chave de ninguén”

Te puede interesar