Miércoles 19.06.2019

José Ramón Abal Varela | “Goberne quen goberne tras o 26-M sería un grave erro eliminar a Concellería de Enoturismo”

concelleiro de enoturismo de Cambados, José Ramón Abal Varela, valora os beneficios que obterá Cambados e a comarca do Salnés coa recente declaración da Festa do Albariño como de Interese Turístico Internacional e que hai uns días quedou plasmado coa colocación dunha placa conmemorativa na Calzada

O concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal Varela | gonzalo salgado
O concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal Varela | gonzalo salgado

Dende hai uns días Cambados luce con orgullo no mítico Paseo da Calzada a placa coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional para o Albariño, pechando un exercicio redondo en materia de galardóns para a promoción enoturística da vila e o sector vinícola. Cando o concelleiro José Ramón Abal Varela e os seus socios chegaron ao goberno faltaban requisitos por cumplir e está convencido de que ser Cidade Europea do Viño no 2017 ofreceu a proxección necesaria para lograr este selo e outros que o colocaron entre os cincos principais destinos vinícolas de España. Non obstante, o edil considera que agora queda algo importantísimo: Manterse na cima. De feito, xa se está aplicando un Plan Estratéxico e considera que sería un “erro” non manter este departamento en futuros mandatos.

En que se vai traducir o recoñecemento de Festa Internacional?
É unha declaración histórica que temos que aproveitar no beneficio de Cambados e do sector; apoia o traballo de internacionalización das adegas da DO Rías Baixas e para desestacionalizar o turismo. Sobre todo é un gancho promocional para os nosos recursos e os da comarca porque non se pode concebir como algo localista, hai que traballar en equipo. A Mancomunidade sempre foi colaboradora, tamén a Deputación e a Xunta, aínda que certo que algunhas administracións foron máis reticentes que outras, como quedou patente coa Cidade.

Hai datos que respalden o beneficio de ser Cidade do Viño?
Ese 2017 aumentou un 25% o número de turistas e estou convencido, e os datos o avalan, de que contribuíu significativamente á promoción nacional e internacional dos Rías Baixas. Obviamente tamén hai que dar a noraboa aos adegueiros, ao Consello Regulador e as administracións, pero hai que destacar actividades como a Caravana do Viño coa que percorremos case a metade da Península e a copiaron en varios territorios vinícolas.

Tamén xurdiron outras iniciativas como o Enobús, que chegou para quedarse. Haberá novidades este ano?
Participa practicamente o mesmo número de adegas, unhas 25, a única novidade é que este ano non colabora a Fundación Manolo Paz e imos sustituila por unha visita guiada ao conxunto histórico, aproveitando tamén que está peonalizado.

A Festa do Albariño será este ano especial, xa está inmersa a concellería na súa organización?
Encargámonos da loxística (seguridade, ordenación do tráfico, limpeza, etc.), o programa musical e cultural é da Concellería de Cultura, e ao acabar a festa xa empezamos coa seguinte, recollendo posibles melloras nun documento guía. Veñen as eleccións de maio pero, independentemente do que pase, consideramos urxente e prioritario, e así o recolle o Plan Estratéxico de Enoturístico presentado en xaneiro, convocar unha comisión organizadora similar á da Cidade do Viño; un órgano consultivo e non vinculante. Agora que temos o selo internacional é imprescindible que todos os partidos, administracións, asociacións, o sector, comerciantes, etc. estean nun equipo de traballo para quitarlle o máximo partido porque é un motor económico, tamén para a comarca.

Nese plan tamén se contempla a revitalización do Museo do Viño. En que queren convertilo?
Basicamente poñelo a disposición do sector do viño porque hai adegas que precisan espazos para facer presentacións e catas. É unha infraestrutura moi importante e temos que sacarlle o máximo partido, non pode abrir só no verán para tres cursos e incluso por necesidades de espazo do Concello; penso na biblioteca, que ás veces quédase pequena, habería que falalo. Foi o primeiro museo do viño de Galicia e o seu contido non se renovou nos últimos 15 anos, así que imos adaptalo aos novos tempos, tamén en novas tecnoloxía, e dotalo de actividades durante todo o ano. De feito, nesta Semana Santa ofreceremos catas de viños.

Cales son os retos de futuro da Concellería de Enoturismo, a primeira creada en España, se dixo. Quedou constado que é así?
Si, nolo confirmaron en Acevin e foi un gran acerto por parte de todos cando se firmou o pacto de goberno ter en conta que era preciso un departamento específico polo peso do sector en Cambados e no Salnés. A partir de aí viñeron todos os logros, como tamén foi o de Mellor Municipio Enoturístico de España froito do esforzo do sector e de todos os traballadores que en todos os recoñecementos conseguidos fixeron un sobreesforzo.

Xa non quedan recoñecementos por conseguir. Cal é o próximo obxectivo?
Algo enormemente importante: manter a aposta polo enoturismo e o nivel. Non vai ser doado tras chegar ao cumio do enoturismo mundial. Temos esa enorme resposansibilidade e por iso os 12 puntos recollidos no Plan Estratéxico son moi importantes –todos traballados nestes catro anos– e irá no noso programa electoral. Ademais creo que hai que reforzar a vinculación do sector do viño co do mar; intensificar a nosa presenza nas rutas xacobeas e os irmanamentos que nestes anos, ademais de recuperar os esquecidos, aumentamos co de Cigales (Valladolid) e Campania (Italia). Tamén manter a nosa posición firme na xunta directiva de Acevin e no consello de administración de Recevin; seguir con actividades deste mandato como a Festa da Vendima, a promoción en Mallorca, á que se lle deu un impulso importante e vese a evolución, a presenza do albariño crece grazas tamén a organización de Antonio Seijas; repetir a festa de Alemania tras o éxito da primeira edición, seguir asistindo ás feiras Fitur e Ardoaraba, cada vez recibimos máis turísticas do País Vasco. Independentemente de quen goberne tras o 26 de maio, o Plan que ser un pilar fundamental e debe manterse a concellería, sería un grave erro eliminala e haberá que facer esforzos nun futuro para aumentar os medios técnicos e económicos.

Ademais da promoción, tamén hai preocupación polas condicións do sector e de feito o seu grupo, Cambados Pode, presentou una moción sobre o aumento dos cupos de uva.
Non falamos de aumentalos sempre que haxa unha colleita forte senón que sería recomendable cando se dan unhas circunstancias moi concretas e por suposto a decisión é do Consello, non queremos presionalo, só que coñeza o posicionamento da cámara plenaria de Cambados. Sería adecuado en determinados momentos como os que vivimos: os stocks son baixísimos, vimos de dúas colleitas moi abundantes, as vendas aumentan (as exportacións o fixeron nun 10%) e moitas adegas me comentan que o viño non lles chega á próxima colleita. Polo tanto, trátase de xestionar ese excedente que queda nas parras e vai para autoconsumo, ou a un mercado a baixos prezos, para non afectar aos plans de exportación e que repercuta na economía local porque estamos falando de entre cinco ou seis millóns de euros máis do que se factura habitualmente na comarca. Conseguir un cliente internacional leva anos e pódese dar o risco de non poder suministralo. E ademáis, sempre garantindo a calidade, non está reñida unha cousa coa outra, de feito, na Denominación de La Rioja faise.

Comentarios