Juan José González: “Carlos Iglesias é bo rapaz, pero con iso non chega. Faltan os feitos”

Juan José González: “Carlos Iglesias é bo rapaz, pero con iso non chega. Faltan os feitos”
Diario de Arousa-2019-05-18-013-c6ab2c8b

Juan José González tentará facerse coa Alcaldía de A Illa por quinta vez. Faino despois de ter anunciado que o deixaba, pero presentándose finalmente ás urnas ante a falta de relevo no grupo, que se volcou para convencelo en volver lideralo. Veciño de A Salga, administrativo, de 65 anos, está molesto pola comparativa que fixo o PSOE das inversións na vila por administracións populares e socialistas, como a Deputación de Louzán e a de Silva. 

Non lle sentou ben a comparativa, entendo. 

É que non ten nin cor, nin comparación posible. Rafael Louzán era unha persoa moito máis interesada pola realidade de A Illa. Hai cousas que a xente non debería esquecer. Hai doce anos aproximadamente, Touriño, presidente do bipartito, veu presentar a O Xufre un porto deportivo. Se se tivera feito, a onde ían os mariñeiros? Hoxe, coa administración popular na Xunta, a transformación do porto vese que vai respondendo ás necesidades dos mariñeiros: Dique flotante, ampliación da lonxa, pantaláns para mariscadores e bateeiros...  A Illa precisa un goberno que siga nesa liña, preocupándose pola xente. 

Tan mal valora a xestión socialista?

Carlos (Iglesias) paréceme bo rapaz. Pero é que iso non chega. Nós neste mandato puxemos moito da nosa parte, con propostas moi asumibles: Rematar algún enlace, facer algún tramo de beirarrúa, accesibilidade... No grupo de goberno atopamos moita comprensión cara estas demandas, pero non feitos. Todo o mandato foi así: Catro anos de parálise total. E logo, o problema do PSOE é que sempre andou con moitos paxaros na cabeza. Hai proxectos que son practicamente inviables: Xa sería impensable un parking subterráneo en O Cantiño e, non, xa prometían un alí e outro en O Regueiro. Isto son pantasmadas que se din nas campañas. E hai que ir un poquiño máis ao práctico e ao realista.  

Cre que a veciñanza quere cambio?

Coido que, maioritariamente a xente pensa que si. Pero ao final, por amizade, por antepoñer consideracións persoais ás necesidades do pobo ou por afección ás siglas do PSOE, hai continuismo.

Falaba de propostas máis “realistas”. Cales serían as súas?

O fundamental é un centro de ocio, o pavillón de deportes e a mellora da Praza de O Regueiro. Os rapaces precisan ter un sitio no que, cando chegue o inverno, non anden tirados polos camiños. Por iso queremos ese centro de ocio para eles. E coido que o mellor que poden ter é o Museo da Conserva, un lugar que está desaproveitado, ao que nós dariámoslle outro contido: Xogos para os rapaces, mesas de ping-pong, de futbolín, ordenadores... 

Pero compatibilizando ese uso co de museo conserveiro?

Non, non. O da conserva suprimiriámolo e deixariámolo para mellor momento. Sopesando as prioridades, agora mesmo este museo pode pospoñerse. 

E en canto ao pavillón e a reforma de O Regueiro, cales son as ideas?

En O Regueiro hai que pór bancos, con sombras, un parque infantil axeitado, un vial de saída para desconxestionar o tráfico e poder peatonalizar algún tramo e, co tempo, prolongar o paseo marítimo ata a Abilleira. E co pavillón houbo cartos da Deputación, pero o Concello non puxo os terreos, creo que porque non teñen capacidade para negocialos. A min non me parece moi difícil. O noso lema é “compromiso de lealdade”: Eu se son alcalde e non fago un pavillón de deportes, xa me vou pero na directa. Non podo dicirlle unha cousa á xente de A Illa e logo facer outra. 

Criticaron vostedes en Pleno a financiación municipal para o Atlantic Fest. Considérano prescindible?

O Atlantic Fest eu non digo que sobre, pero a aportación do Concello ao festival non pode ser superior á que se fai para os propios veciños, nas festas, por exemplo. Paréceme un agravio comparativo.

Hai quen comeza a ver o turismo en A Illa como un problema, por exemplo, cos atascos na ponte. Comparten esa preocupación?

Con iso hai que actuar nas zonas de aparcamento, para ter certo control sobre o tráfico e evitar a masificación de vehículos. En canto ao turismo en si, coido que non está ben orientado como está, pero non ten fácil solución se as áreas de reparto non se desenrolan debidamente e se comenza a facer algún complexo hoteleiro. Porque o turismo aquí é de segunda residencia, o que está directamente relacionado co desenrolo desas áreas de reparto. Moitas pensáronse como zona preferentemente hoteleira, pero o resultado que deron foi especulación: Ser mercadas por un construtor e facer vivendas canto máis pequenas, mellor, para vender máis.

Juan José González: “Carlos Iglesias é bo rapaz, pero con iso non chega. Faltan os feitos”

Te puede interesar