Luis Aragunde | “En marketing son mellores, pero se os veciños souberan a verdade votarían ao PP”

Luis Aragunde | “En marketing son mellores, pero se os veciños souberan a verdade votarían ao PP”
Diario de Arousa-2019-05-24-011-e60b140a

Luis Aragunde logrou históricos resultados para o seu partido e en 2015 quedou ás portas da maioría. Con todo, ten a confianza de recuperar a Alcaldía ante catro anos de “parálise e retroceso”, con “liortas internas” e “escándalos xudiciais da alcaldesa”. Unha das súas prioridades será ampliar o polígono para crear emprego e sobre pactos, non ten moitas esperanzas porque ve como únicas opcións a Ciudadanos e Pode e “tiran máis para a esquerda”, di. Non obstante, confía no criterio dos veciños e “están cansos do cuatripartito”.  

Como definiría este mandato?

De parálise e retroceso. Foron incapaces de traer novas inversións e rematar o que deixamos e os servizos dexeneraron moitísimo. Tino Cordal pide firmas polas esperas en sanidade é ten dous meses de demora en Servizos Sociais, é incongruente. O centro está morrendo e queren acabar coa Festa do Albariño. Van contra o que lle daba repercusión mediática, relevancia e diferenciación: os concertos internacionais e o Capítulo e os seus convidados. Outras vilas están aproveitando a debilidade. 

Está satisfeito co traballo feito na oposición?

Foi difícil, non tes tanto altavoz como o goberno, pero fixemos unha oposición moderada e educada; criticamos a Fátima Abal con documentación por diante e porque é un escándalo que saia nos medios cada dous por tres por temas turbios. Foi seria, votamos a favor de mocións que levaron contra o noso partido, pero eles rexeitaban as nosas sistematicamente. Fomos coherentes e no Albariño participamos de maneira positiva e activa, pero cando gobernabamos, sempre inventaban unha película contra a inauguración.

Falaron moito da “empresa pantasma” da alcaldesa, pero hai quen pensa que o PP ten que calar porque un dos donos da súa sede é o contrabandista “Terito”

Non é o mesmo. Eu son presidente do PP e atópome que hai 40 anos –eu tiña seis–, era un dos donos, que din era contrabandista, que daquela non era delito e que saiba non estivo non cárcere. Eu nunca tiven que ver con iso, pero ela, xusto cando se converteu en secretaria do PSOE, o seu home dase de baixa como xerente da empresa tras 12 anos. Faise a asombrada, pero foi unha manobra premeditada; deuse de conta do que tiña na casa e que lle podía prexudicar. 

Nas xerais os resultado para o PP non foron bos e en Cambados están a perder concelleiros, parece difícil lograr a maioría absoluta

En Cambados “salvamos os mobles” e se extrapolamos, o centro dereita tería maioría. Traballamos con esa ilusión porque as enquisas din que un puñado de votos decidirá o goberno e estamos preto. Cremos que imos ter a confianza dos veciños porque recuperamos moitos votantes, fixemos a renovación máis grande feita nunha candidatura e é a mellor. E tamén porque están cansos de que gasten máis enerxías en liortas que en atendelos e de Xurxo Charlín, o xefe do Concello. 

Está disposto a pactar?

Si, pero a única posibilidade é Ciudadanos e Sergio Abal non vai pactar con nós. A familia Abal só quere fastidiar ao PP.

Pero a súa irmá foi nunha lista do PP. Non acabou ben?

Non, lévome con ela, pero eles tiran máis para a esquerda.

Tampouco o ve posible con Pode?

É moi difícil. Teño claro que votar a Ciudadanos ou a Pode é consolidar a esquerda. 

Houbo contactos para unha moción de censura con Pode?

Si e non prosperou porque os Abal non teñen pensado pactar co PP.

Se recupera a Alcaldía manterá a peonalización de Fefiñáns?

Si, pero seguindo un modelo consensuado cunha comisión formada por veciños, hostaleiros, comerciantes, a Policía e un experto técnico. Cada vez haberá que peonalizar máis zonas, pero hai que crear aparcamentos no entorno –imos crear outras 300 prazas no centro–, darlle actividade á praza porque se non morre e, de feito, os empresarios están a facturar un 50% menos. O único que fixo José Ramón Abal foi unha limpeza agresiva; unha barbaridade. Quería ser o campión que pechara a praza, puxo unha valla e dúas macetas e  iso é unha chapuza.

Volvería a escultura de Fraga?

Xa estudiaremos o que faríamos con ela.

Os proxectos deixados polo PP están, polo menos, encamiñados. Que novas propostas teñen?

Bueno, a praza hai que construila e con Zona Centro imos desenvolver un proxecto para dinamizala cunha zona de ocio pola parte exterior e abríndoa incluso as fins de semana, que sexa visitable e turística. 

Unha das grandes apostas é transformar as parroquias...

Dotarémolas dun servizo diario de ludotecas infantís e de centros para maiores con actividades. En canto a obras, en Oubiña faremos unha praia fluvial; en Castrelo, unha área recreativa nas Saíñas; en Corvillón acondicionaremos Suarosas e cubriremos a pista do colexio; e pecharemos o campo da festa de Vilariño. E a ampliación do polígono será o primeiro que traballaremos, crear emprego é prioritario. Hai empresas cos días contados porque non poden expandirse e, de feito, unha díxome que se o faciamos, construiría a nova fábrica en Sete Pías.

E como foron estes anos como deputado provincial?

Unha honra defender os intereses da comarca, pero quedoume a mágoa das enormes cantidades de cartos que se levaron para Vigo e Pontevedra en detrimento dos nosos concellos. Tamén o conformismo do PSOE e do BNG porque non lle sacaron un euro máis do que lle correspondía a Cambados. En seis anos como alcalde o meu equipo conseguiu 25 millóns de euros. Parálise total, nunca houbo tantos escándalos, a alcaldesa con dúas investigacións (imputacións)–neste mandato quedará inhabilitada–, o da praza do oficial é un escándalo... En resumidas contas, en “marketing” son mellores, e bueno, tamén distorsionaban os temas polémicos, pero se os veciños souberan realmente e en profundidade como funciona o Concello, como se levan entre eles, etc. Teño claro que votarían ao Partido Popular.

Luis Aragunde | “En marketing son mellores, pero se os veciños souberan a verdade votarían ao PP”

Te puede interesar