Mariña Varela é a directora do CIM da Mancomunidade do Salnés. Leva dende 2004 traballando man a man coas mulleres para axudalas en moi diversos ámbitos. Hoxe cóntanos cales son os máis habituais e como cambiaron ó longo dos anos.
Para que tipo de consultas pode unha muller acudir ó CIM?
Poden acudir a calquera tipo de asesoramento. Porque ás veces a xente asocia o CIM con violencia de xénero e en realidade iso é o 10% do noso traballo soamente.
Entón a maioría das consultas sobre que serían?
Sobre dereito de familia é a maior parte. Ás veces detéctase vencellado a iso violencia de xénero, pero xa digo que hai moitas consultas sobre dereito civil, sucesións, herdanzas... Dereito laboral tamén, e penal. Tamén administrativo, por resolucións que chegan. Hai consulta xurídica e psicolóxica moi ampla, e non exclusivamente a vítimas.
E todo gratuito...
Por suposto. Confidencial e gratuito. Son principios que rixen o Centro de Información á Muller, que somos 81 en Galicia.
Que pasa se vai unha muller e detectan que é vítima de violencia de xénero. Como actuan?
A maioría de vítimas de violencia de xénero que atendemos son con carácter posterior á denuncia. Pero cando detectamos esa situación, eu son especialmente cautelosa á hora de respectar a vontade da vítima. Se non denunciaron e non o contaron, é porque non o queren contar. Tamén se lles asesora na importancia de denunciar e informar en que consiste o proceso. Eu estou especialmente empeñada en que pasa co uso de dereito da vivenda, que moitas veces as vítimas abandonan e cando se dan de conta están na casa dunha veciña ou un familiar, cos problemas que iso conleva. Non é fácil, pero denunciar é imprescindible.
Nota algún cambio nese sentido nestes máis de 20 anos?
Cónstame que se denuncia máis. Sigue habendo casos, sobre todo en persoas maiores, que non queren denunciar porque é un mal trago. Pero tamen hai moita xente maior que decide presentar demanda de divorcio incluso sen denuncia.
"A xente nova é altamente propensa a sufrir algún tipo de violencia dixital. O control e o dominio que se exercen é tremendo"
E na xente nova, que detectan?
A violencia en competencias dixitais é imparable e dá medo. A xente nova é altamente propensa a sufrir algún tipo de violencia sexual ou dixital. O control e o dominio a través das aplicacións é tremendo. Nós temos algún caso, e tamén de acoso escolar. Todo derivado das tecnoloxías. Non sabe un se é bo falar de máis ou se fai efecto chamada. Pero si creo que basear a ensinanza exclusivamente nas pantallas é prexudicial.
Que temas novos lle plantexan hoxe en día as mulleres?
Un tema moi en debate é a custodia compartida. Cando eu empecei non as había e estou detectando moita problemática, como violencia vicaria a través dos fillos. Parece que a custodia compartida se ten que impoñer, pero cada caso debería ser cada caso, non considerar ideal a custodia compartida sen máis. Sigo empeñada en revertir un pouco a situación, porque a custodia compartida require unha relación estable, cordial, e iso non existe. No teño un caso no CIM no que haxa boa relación. Eu detecto moitísimos menores expostos a unha inestabilidade emocional moi indesexable. E tamén hai violencia económica, porque coa custodia compartida non hai pensión, e a eles interésalles non ter que pagar. E violencia vicaria tamén, porque os nenos van a berros, e van igual. Non fai falta matalos. Hai moitas violencias previas a iso.
Cantas mulleres atenden e que perfil teñen?
Nós traballamos cunha subvención da Xunta, entón o periodo é de 1 de abril a 31 de marzo do ano seguinte. Aí, atendemos case 300 mulleres. Esas son as vulnerables, as que nos deixan xustificar. Pode ser que teñan ingresos baixos, que sexan inmigrantes, exreclusas... E a parte atedemos bastante máis xente, igual 150 que non podemos xustificar. A maioría están entre os 25 e os 55 anos, aínda que aumentou o número de persoas maiores. E de situación laboral, case todas son desempregadas ou inactivas.
Ademais de atender no CIM, que outras actividades fan?
Temos programación todo o ano. Hai área de igualdade e de dinamización. A de dinamización trata de que as mulleres se incorporen ó mercado laboral. O programa chámase “Cinco retos”, e trata de capacitación persoal para desenvolver unha entrevista de traballo e un traballo. Notamos moita xente moi desarraigada laboralmente e desmotivada. E na área de igualdade, a maiores do 25N e o 8M, temos un foro de emprendemento, “Emprende con M”, que son proxectos de mulleres para mulleres. Tamén facemos unha serie de almorzos con emprendedoras.
Que é o mellor e o peor de traballar no CIM?
Eu son unha persoa inasequible ó desalento. Non vexo nada negativo. Para min o CIM é como un fillo meu. Progresou en persoal, en concellos, temos acceso a moita xente... Eu estou moi ilusionada. Por dicir algo malo: Gustaríame ter máis medios, persoal administrativo... porque ás veces estamos moi desbordadas e non chegamos á xente como nos gustaría chegar. Pero como proxecto é fantástico e unha pequena victoria e unha pequena axuda, para min é un logro tremendo.