Marta Giráldez | “Descoñezo que pasou en Meaño, pero non hai pacto; se houbera conlevaría que o alcalde me votara, e non o fixo”

Marta Giráldez | “Descoñezo que pasou en Meaño, pero non hai pacto; se houbera conlevaría que o alcalde me votara, e non o fixo”
Diario de Arousa-2020-01-05-012-71ed016b

A alcaldesa socialista de Meis, Marta Giráldez, preside a Mancomunidade do Salnés dende o pasado 16 de decembro, converténdose na primeira muller en liderar a entidade comarcal que agrupa aos nove municipios da comarca e xestiona servizos básicos fundamentais como o abastecemento de auga, o Centro de Información á Muller (CIM), a loita contra a velutina, o mantemento de viais municipais –a través da cesión de maquinaria do seu parque– ademais da promoción turística con accións centradas en mercados emerxentes como o ruso e o asiático e á creación das variantes do Camiño de Santiago.

Colle o relevo do vilanovés Gonzalo Durán coa finalidade de darlle un “cambio de imaxe e de facer as cousas” na entidade supramunicipal tras anos de hexemonía popular. De feito, nos seus case 34 anos de historia, os socialistas só ocuparon a Presidencia nunha ocasión, co isleño Sito Vázquez. E o fai nun momento crítico: o PP decidiu ausentarse do pleno de constitución e non participar da xestión comarcal ao considerar que a sesión na que foi investida é ilegal e incluso teñen anunciado a interposición dun recurso. Non obstante, Giráldez e o seu partido manteñen todo o contrario sustentados nun informe da Secretaría e a nova presidenta está convencida de que “máis pronto que tarde” os populares volverán ao órgano saliniense. 

Queda aínda por resolver o asunto dos recursos xudiciais presentados polo partido Meaño Independiente (MI) contra a elección de vogais no seu concello, ao considerar que non foi legal e, de feito, Durán amparouse nesta sitaución para retrasar a constitución do novo pleno comarcal, que debería terse formado tras as eleccións de maio. No seu caso, os motivos son diferentes, alega un pacto entre o PP e o PSOE meañeses para darlle aos socialistas un representante na entidad que non lles correspondería por votos nas urnas. Giráldez asegura “descoñecer” como puido suceder, pero está convencida de que non existe tal pacto. 

Por que decidiu dar o paso de asumir a Presidencia da Mancomunidade do Salnés?

Non foi unha decisión persoal, foi de equipo. Tras as eleccións municipais reunímonos os representantes do meu partido e decidimos que como tiñamos opción de presidila queriamos darlle ademais dun cambio político un cambio de imaxe e se falou de que o ideal sería que fose unha muller. Todos os alcaldes e alcaldadesas estabamos capacitados e, bueno, pensouse que podía ser eu e o vexo como un recoñecemento por parte dos meus compañeiros e que lles agradezo. Foi aprobado por unanimidade e tamén había membros de todas as agrupacións da comarca do Salnés. 

Consideramos que era preciso un cambio de imaxe e na forma de facer as cousas. Un investigado por eses comentarios desafortunados non podía presidir esta entidade

Fala de darlle un cambio de imaxe. Como se vai notar a presenza da esquerda na maioría do pleno comarcal?

Na Mancomunidade víñase facendo un traballo importante por parte dos traballadores e desde a xerencia. Estes días estoume poñendo ao día. Viñemos dunha fase na que o PSOE levabamos sen ir case oito ou nove meses porque considerabamos que non podía presidir un ente que representa aos veciños da comarca unha persoa que actualmente está investigada por eses comentarios tan desafortunados –refírese a cando Gonzalo Durán chamou ‘chacha para todo’ a presidenta da Deputación, Carmela Silva– que, ademais, todos podemos cometer erros, pero temos a oportunidade de rectificar pero el, lonxe diso, ratificou o que dixo. Non queriamos sentarnos na mesma mesa coa esa persoa, entón consideramos que era preciso un cambio de imaxe e na forma de facer as cousas e o que estamos agora a estudar e a analizar, unha forma de seguir traballando nos mesmos aspectos –hai catro eixos fundamentais na entidade–, e avanzando nese traballo que se viña facendo

Que futuro lle augura á entidade supramunicipal coa ausencia do PP, o partido máis votado e con sete vogais, aínda que só hai dous alcaldes na comisión executiva?

Eu creo que é unha situación transitoria. Estou convencida de que o PP vai formar parte da Mancomunidade do Salnés máis pronto que tarde, que os seus representantes van ir tomando posesión porque é o que lle pediron os seus veciños cando lles votaron. Estou segura de que van dar uso do dereito que lle conferiron os votos. É unha pataleta transitoria coa que, obviamente, non estou de acordo, pero tamén é certo que o silencio, por exemplo, do outro alcalde nese tema canto menos vén a evidenciar que non está metido niso. O Concello de Sanxenxo se xoga moito en materia de turismo. E obviamente estaremos de acordo con que o fagan.

No pleno de investidura tendeulle a man ao PP a que volvera... 

(Interrompe) E o dicía con total honestidade e crendo fielmente no que estaba dicindo porque debe ser así. No seu día, cando decidimos non ir á Mancomunidade do Salnés, o problema era co seu presidente non coa entidade, diciamos que se elexira a outra persoa e creo que o PP non pode estar ausente porque é bo que todas as decisións que tomemos nos próximos catro anos en temas tan importantes deben estar, e sobre todo os alcaldes que faltan do PP ou en quen eles deleguen.

O alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, que é o que máis resistencia está poñendo, asegura que non vai regresar porque hai un obstáculo insalvable, un acordo entre o PP de Meaño e o PSOE polo que se roubaron votos ao seu partido. Realmente houbo un pacto?

Sempre o dixen: descoñezo o que pasou en Meaño, pero en todo caso o que hai é un problema grave do PP e é que, dende o meu punto de vista, humildemente, vexo que con esta actitude Gonzalo Durán veu a dinamitar ao PP de Meaño, que xa non existe. Fala de roubo de votos e transfuguismo cando agora vemos que o seu partido puxo a presidir á xestora a unha persoa doutro partido do Concello de Sanxenxo, que deixou a súa acta de concelleiro para ir presidila... Obviamente, falar de transfuguismo e logo continuar con esta xestión do PP é soprendente, pero dende logo é un problema do seu partido no que non me vou meter e, en todo caso, se houbese un acordo entre PP e PSOE naquel momento estou convencida de que o alcalde Carlos Viéitez tivera votado a favor da miña presidencia, e non o fixo.

O do PP é unha pataleta transitoria  e o silencio, por exemplo, do outro alcalde, evidencia que non está metido niso. Estou segura de que tomarán posesión máis pronto que tarde

Entón nega a existencia dun acordo que explique que o Partido Socialista lograra un vogal que non lle correspondía? 

Desde logo, non hai ningún tipo de acordo. Descoñezo os pormenores do que pasou en Meaño e dende logo eu non vin ningún pacto e se o houbera estou convencida de que conlevaría o voto do alcalde, que estaba alí no pleno de investidura. Realmente en algún momento o voceiro de Meaño Independiente (MI), José Aspérez, falou conmigo e díxome esas cousas e xa lle dixen que eu non sabía o que pasou, eu era a alcaldesa do meu concello, de Meis.Que houbo roubo de votos? Houbo unha votación voluntaria e a xente fixo o que lle deu a gana, non teño nin idea. Eu chamei ao alcalde de Meaño, como chamei a todos os demais representantes da Mancomunidade antes do pleno de investidura, e díxome que ía absterse e o respetei. Se dependeramos dos votos de Meaño... Menos mal que xa tiñamos os votos da esquerda. 

Os socialistas fixeron un xesto xeneroso e cederon vogalías que lle correspondían no Grove e na Illa. A que se debe?

É un acto de xenerosidade e é moi habitual. Polo que me dixeron na Illa xa se facía e no O Grove non sei porqué. En Vilagarcía puideron facelo e non o fixeron, imaxino que os seus motivos terían. Cando eu estaba na oposición en Meis –non estes últimos anos que xa tiñamos representación– sempre o pedín: tendes tres, cedédenos un, pero o PP nunca quixo facelo. Para o  PSOE é algo habitual como cando se cede un posto na mesa do parlamento. 

No pleno de investidura Meaño Independiente tendeu a man ao PSOE para “falar” do que pasou e retirar a demanda que mantivo bloqueada a entidade durante meses. Houbo algún contacto neste sentido?

Non. Falei con seu voceiro, José Aspérez, dúas veces. Nunha ocasión chamoume para ter unha reunión e me falaba da súa versión do que pasa no seu concello e díxome que estaría encantado de apoiarme e, de feito, cando se convocou o pleno da Mancomunidade do Salnés chameino, como fixen con todos, pero explicoume que se ía abster. Eu collo o teléfono a todo o mundo.

Queremos implicar no acordo coa cidade de Dongguan á Deputación, Xunta e concellos grandes

A nova presidenta, Marta Giráldez, estase a poñer ao día de todos os asuntos comarcais coa axuda do vicepresidente, o alcalde de A Illa, Carlos Iglesias, e o xerente comarcal. Entre os temas prioritarios están a Feira Fitur e proxectos como a ampliación da ETAP de auga e a novo tubo do Grove. 

Cal é a cuestión máis inmediata na que están a traballar?

O tempo apremia e de feito en xaneiro temos a Feira de Turismo Fitur, que é moi importante. Xa estamos preparando a axenda e o calendario e este ano, debido a situación atípica vivida, será diferente; haberá menos concellos que van a expoñer. Non faltará a presentación da Mancomunidade que falará de todos os concellos e haberá unha propia de Cambados e, por primeira vez, unha de Meis, que xa era algo planeado antes de ser eu presidenta. Tamén participaremos no acto da Deputación e estaremos coa Xunta e están previstas xuntanzas e comidas de traballo con turoperadores rusos e chinos para seguir avanzando en todo o que se leva acadado. Outra decisión que tivemos que adoptar é sobre o acordo asinado coa cidade china de Dongguan, onde hai 45.000 empresas tecnolóxicas, queremos facer partícipes á Xunta, a Deputación e a concellos grandes para que nos acompañen nunha visita prevista para entre xuño e novembro. Precisamente había un requerimento feito por parte dos representantes desta cidade convidándonos a ir, pero estaba sen contestar dada a situación da entidade.

Non se entende que houbera cuestións pendentes ou paralizadas como esta porque o expresidente estaba en funcións e levaba así catro anos. Había algún impedimento legal para que adoptara esas decisións?

Imaxino que habería cousas sen firmar destas últimas semanas, cando a situación tensouse un pouco, e digo imaxino porque non preguntei. Ao mellor non ía a Mancomunidade con tanta frecuencia porque foron semanas de tensión e imaxino que os traballadores tamén o vivirían con certa tensión, pero se fixeron entrevistas de traballo e se seguiu traballando porque hai cousas nas que imperan os prazos e había que sacalas adiante, e sei que o fixeron.

Agora comeza un novo exercizo, seguirán con iniciativas como os obradoiros, o plan de emprego... 

Si e co plan de emprego xa firmei contratos de prácticas para diferentes empresas... É dicir, a Mancomunidade segue funcionando e xa se están empezando a tomar decisións que non se podían parar, aínda que me estou poñendo ao día noutras cousas. 

E na xerencia, seguirá ao frente José Ramón García Guinarte?

Si bueno agora mesmo é a persoa que está como xerente; acabamos de aterrar e estame axudando o vicepresidente, o alcalde da Illa Carlos Iglesias, porque esta foi unha decisión colectiva e xa lles comentei aos meus compañeiros que ía precisar axuda ao principio e entre os dous o estamos facendo e, bueno, Ramón Guinarte é a persoa que nos está poñendo ao día de todo o feito; pasounos un dossier con información do que todo o que se fixo no ano. 

Hai temas urxentes como a ETAP e o tubo do Grove. Serán prioritarios?

Si e de feito imos solicitar unha nova reunión coa Xunta. O tema da auga é fundamente porque no verán vívense situacións límite. Este ano xa houbo restriccións e é un tema prioritario que imos empezar a traballar esta semana.

Marta Giráldez | “Descoñezo que pasou en Meaño, pero non hai pacto; se houbera conlevaría que o alcalde me votara, e non o fixo”

Te puede interesar