martes 22.10.2019

Marta Giráldez: “Do parque acuático falábase hai catro e hai oito anos. A xente non é parva”

Candidata do PSOE de Meis 

Crítica con todas as promesas sen feitos detrás, a socialista está convencida de que o traballo feito dende a oposición fructificará nestas municipais. Para iso, para un eventual goberno do cambio, non dubida en confirmar que negociará co resto de alternativas ao PP, incluido IM. 

A alcaldable amosa o seu valor clave en política | gonzalo salgado
A alcaldable amosa o seu valor clave en política | gonzalo salgado

Avogada, de 42 anos e no seu cuarto intento por acadar a Alcaldía de Meis, Marta Giráldez veu nas Xerais como o PSOE gañaba por primeira na vez na mesa na que ela vota, Paradela. Semella que haberá partido nestas municipais e está convencida de que o cambio é posible. 

Voulle ler o titular da entrevista que faciamos hai catro anos: “O PP xoga coa xente e promete emprego nun parque acuático para o que non hai un céntimo”. Podería ser o titular da súa entrevista de hoxe?

A verdade, dame moita pena estar falando disto catro anos máis tarde. Pero agora, se cabe, a situación é máis surrealista: Entón non había nin un céntimo, logo estivemos tres anos e medio sen falar deste parque acuático e nestes últimos meses vendeuse que ía estar aberto ao público en xuño. Outra vez se volve xogar coa necesidade dun posto de traballo. 

O goberno popular insiste en que non estará en xuño por culpa das alegacións do PSOE. 

Para nada: Grazas a esas alegacións, construtivas, non estamos facendo unha obra ilegal. O parque está parado, primeiro, porque faltan os informes sectoriais pertinentes, os permisos e o impacto ambiental, o que provocou serias dúbidas entre os técnicos. E, segundo, nalgúns papeis aparece como promotor o Concello e noutros, a empresa, o cal xera inseguridade xurídica. Ademáis, non hai depuradora ou bombeo. Nós estamos a favor deste proxecto, firmemente. O que non pode ser é que sabendo todo isto o Concello se adique a facer de oficina de emprego antes das eleccións. 

A situación deste proxecto, sumaralle votos ao PP ou restarallos?

Creo que a xente en Meis está moi cansa. Hai catro anos estabamos a falar disto, si; pero hai oito, estabamos a falar dun parque acuático noutra parroquia. E a xente non é parva. 
 
En 2015 quedou nunha das mesas clave, A Armenteira, a uns sesenta votos para formar un goberno de esquerda. Agora o seu número dous é o presidente da asociación de veciños e do clube de fútbol da parroquia. Non semella casual.

Armenteira é unha parroquia difícil, porque é fundamentalmente de voto de dereitas. Pero o panorama nestas eleccións é diferente, porque se presenta ademáis un cuarto partido, os Independentes, con peso específico nesta parroquia. Visto o acontecido nas Xerais, vemos que a esquerda ten serias posibilidades de gobernar en Meis. Pero non só porque na nosa lista vaian persoas de tanta valía e traballo como a que comentas, senón porque levamos catro anos moi centrados en todo o concello e tamén en A Armenteira. Por exemplo, cando foi o conflito dos traballadores do campo de golf, que vían perigar o seu futuro laboral, chamáronme a min porque o alcalde non lles collía o teléfono. E alá fun, unha semana despois de parir, para escoitalos e mobilizar a todo o meu partido para conseguir cambios.

No caso de que o PP perda a maioría, pactará co BNG?

Nós falamos con todo o mundo. Xa o fixen co BNG e cos Independentes (IM). O que queremos é cambiar Meis. E se para iso hai que sentarse a negociar, claro que o faremos. 

Meis perdeu poboación e baixou de categoría, co descenso no número de edís. Cre que houbo algo de cálculo electoral neste feito?

Foi un pouco raro, si. Pero segundo os nosos cálculos o reparto  de concelleiros podería ser similar. O problema é que a única xestión do PP para atraer poboación a Meis foi censar a xente na casa do alcalde antes das eleccións. E por culpa desta baixada agora, o Concello perderá ingresos.  

Que lle fai falta a Meis?

As nosas prioridades son un centro de saúde acorde coas nosas necesidades e un centro de día, nos terreos sobrantes da Autovía e o macronudo. Tamén é fundamental aumentar un 30 % o gasto social, apoiar ao comercio local, con financiación municipal como fixo A Illa; sacar a parcelaria adiante e a bonificación de impostos para empresas que se instalen en Meis. Porque o anuncio do alcalde sobre o polígono é unha tomadura de pelo:  En que cabeza cabe que as empresas van pagar a urbanización dun parque cando ao lado teñen parcelas listas en Barro? Tamén propoñemos unha empresa municipal para a biomasa. E  transparencia:  Faremos pública a declaración de bens dos concelleiros porque agora queda sempre no caixón do alcalde. Ademais, regularemos as subvencións municipais, con reparto a través de bases e baremos: Non se poden dar subvencións a clubes co criterio de se lle caen ben ao rexedor.

Na pizarra

A única candidata muller en Meis e a secretaria provincial de Igualdade do PSOE tiña claro que esta tiña que ser a súa escolla como valor en política. Primeiro, igualdade “entre homes e mulleres”. Porque segue a ver “machismos” en que áreas de peso como Obras e Urbanismo sigan vetadas para elas. Tamén o ve na configuración da lista do PP. Giráldez está convencida de que “o futuro en política escríbese con nome de muller” e pon como exemplo o xiro electoral das Xerais, atribuíndoo a que elas foron en masa a votar. E segundo: “Neste Concello hai importantes desigualdades entre persoas, en función de onde residen”, polo que a “igualdade vivan onde vivan” será “un eixo da nosa campaña”.

Mañá en O Salnés, entrevista a: José Luis Pérez, candidato do PP á reelección en Meis

Comentarios