Marta Giráldez | “A primeira sorpresa foi que o presuposto de todo o ano acabouse en maio”

Marta Giráldez | “A primeira sorpresa foi que o  presuposto de todo o ano acabouse en maio”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-947380c8

Marta Giráldez recíbenos no despacho da Alcaldía que ata non hai tanto parecía imposible de acadar para os socialistas de Meis. A nova alcaldesa gobernará en minoría con apoios do BNG e compromete un executivo “transparente” e tamén “dialogante” cos veciños e coa oposición, incluído o PP. Cobrará só media xornada, porque compatibilizará a o cargo de rexedora co seu traballo de avogada. 

A primeira vez que se presentou foi en 2007. Imaxinaba daquela chegar a este despacho?

Pois non. Entón eu era unha rapaza nova, de 27 anos, e tiñamos un só concelleiro, que pasaron a ser tres cando cheguei eu. Todo foi froito de moita constancia e dun traballo serio que a xente valorou. 

Cal foi o mellor momento para vostede? O día das eleccións ou o da investidura?

O das eleccións foi duro, cun reconto moi tenso. Coido que foi máis de celebración o da investidura. Pero tamén foi unha xornada de moito respecto e cortesía porque, evidentemente, estaban presentes os concelleiros do PP. 

E a primeira medida foi colgar no Concello a bandeira LGTBIQ+. 

Si. Foi algo que pensei aos dous ou tres días das eleccións, ao coincidir neste mes e para que a xente vira que a primeira medida deste goberno non era en contra de ninguén, senón todo o contrario: Unha bandeira de diversidade, de respecto e de inclusión. 

Como foi aterrar no Concello? 

Con moito traballo. Ademais coa circunstancia de que temos a Festa dos Callos en apenas tres semanas, a ruta BTT, a Andaina... e de atender a veciños a calquera hora. Non para de vir xente, o cal  entendo perfectamente: Houbo un cambio no Concello e os veciños queren saber e queren que se lles escoite. Así que incluso houbo días que habilitei tardes, porque hai veces que non dá tempo a recibir a tantas persoas pola mañá. A miña idea logo é ir organizándoo xa un pouco, poñendo días de atención ao público. 

Atoparon algunha sorpresa nestes primeiros días? Boa? Mala?

Si. Malas, malas. O primeiro día a interventora díxonos que non había cartos, porque o anterior goberno gastara en maio o presuposto de todo o ano. Ademáis, imos ter que convocar outro Pleno extraordinario para ver que medidas se toman, porque o ano pasado gastáronse 160.000 euros máis dos que se ingresaron. Co cal, ese Concello saneado que vendía o PP era unha falacia. E a terceira sorpresa é isto (amosa unha carpeta chea de papeis): Facturas pendentes de pagar. Algunha, como esta: Por máis de 16.000 euros polo arranxo do parque infantil de A Armenteira, que se fixo hai máis de dous anos, sen contrato, de palabra e coa factura que se presenta o venres previo á nosa investidura. 

Investidura que o BNG dixo xa en campaña que apoiaría se estaba da súa man, como así foi. Pero, chegou a contemplarse a súa posible inclusión o goberno?

Non. Tras as eleccións falamos e o representante do BNG comentounos que non ía entrar no goberno. Si deixou claro que ía apoiar a toma de posesión e, de feito, firmouse un pacto de investidura, cunhas medidas moi concretiñas, pero moi importantes: Fundamentalmente participación, organización dos plenos, transparencia e actualización da web municipal...

O parque acuático. O anterior alcalde dixo o último día de campaña que as obras ían comezar. Pero non foi así. En que situación se está? 

O PP errou na estratexia, porque a xente xa non cría máis isto. Ese desembarco do último día de campaña, con cargos do PP, resultou ridículo... O parque acuático tamén vai nese pacto de investidura. O edil do BNG solicitou estar presente na primeira reunión que eu mantivera con representantes da empresa. Por motivos persoais, Xoan Manuel (Vázquez, BNG) non está aquí ata comezos de xullo e será entón cando nos reunamos todos. Iso si, o empresario veu xa ao Concello, un día que eu non estaba, porque lle faltaba un permiso da Deputación, que agora si recibiu. Entón: É mentira o que dicía o PP de que daquela estaba todo listo e non se podía empezar pola nosa culpa. 

O novo goberno daralle para adiante ao parque acuático? 

Se todo está correcto e están todos os permisos, si. 

Que vai ser o primeiro, a prioridade deste executivo?

As novas medidas de transparencia e participación. Imos publicar os datos patrimoniais dos concelleiros na web, algo que marca a lei pero que aquí nunca se fixo. Imos gravar os Plenos e que a xente os poida ver por Internet, establecer a concesión de subvencións a través dun regulamento... Logo imos volcarnos coas escolas unitarias. E Servizos Sociais: Levamos no programa un sistema de préstamos de camas e guindastres para coidar aos maiores e queremos levalo a cabo canto antes. Tamén tiven reunións cos técnicos da concentración parcelaria. Para nós é algo fundamental, porque de aí saen outros proxectos, como o camping ou campamento en A Armenteira para fomentar o turismo. Algo que os peregrinos demandan xa que as prazas do albergue non chegan e non todos poden pagar a Pousada. Pero para iso precisamos terreos e, para telos, precisamos da parcelaria. E logo, Meis necesita un centro de día e un centro de saúde acordes coas necesidades do século XXI. Creo que, para catro anos, temos bastante no que traballar.

Marta Giráldez | “A primeira sorpresa foi que o presuposto de todo o ano acabouse en maio”

Te puede interesar