Martín Vázquez | “Presentarte ás eleccións non che cambia, pero hai quen xa me ve opositor ao réxime”

Martín Vázquez | “Presentarte ás eleccións non che cambia, pero hai quen xa me ve opositor ao réxime”
Vázquez, co seu valor en política elixido para esta conversa | d. a.

Martín Vázquez renova a cabeza de lista do PP de Ribadumia. De 52 anos, oficial no Rexistro da Propiedade de Cambados e membro do Consello Reitor de Condes de Albarei, sorprendeuse a si mesmo cando tras saberse da súa elección como candidato un amigo lle recordou que aló nos noventa pechara a lista como suplente do PP. “Nin me lembraba”, comenta rindo. Veciño de Sisán, o azar quixo que durante esta entrevista se tropezase co alcaldable e co número dous do BNG, saudándose cordialmente. “Lévome perfectamente con todos os opoñentes políticos. Ou con practicamente todos”.

Practicamente?
Si, porque logo hai certos personaxes que non teñen a suficiente dignididade para dirixirse a min coa naturalidade que fan os demais. Presentarse a unhas eleccións non che fai cambiar con respecto á xente, pero hai quen me ve como un opositor ao réxime, inexplicablemente. E nin eu son así, nin a xente que vai comigo tampouco.

Retiráronlle o saúdo tras dar o salto á primeira liña política?
Non exactamente iso, pero si tratarme con certa prepotencia por meterme nisto. O cal me parece estraño. Para min non significa un problema, o problema é para eles. Eu en canto me volvan sorrir, volverei sorrilles e a saudalos a todos coma antes. Coido que hai xente que parece que me dá un pouco de lado. Pero é a miña percepción, ao mellor estou equivocado

E como decide dar ese salto a alcaldable popular?
Foi unha cuestión que eu non busquei. Viñeron propoñermo e, a verdade, ao comezo dubidei. Porque, racionalmente, eu teño a vida resolta, cun traballo estable, ben pagado, desfruto de tempo libre que podo adicar ás viñas... Non tiña por que terme metido nisto. Ao final gañou o corazón á cabeza, porque sempre me preocupou implicarme en algo social, que non como un reto persoal: Non son nada vanidoso.

Iso non é de rara avis en política?
É que non me interesa a notoriedade. De feito, preocúpame, porque nunca busquei o protagonismo.

En 2015 perderon a maioría absoluta e nas últimas Xerais o PSOE quedou tan só a dez votos do PP. Vense con posibilidades de recuperar a maioría absoluta ou de gobernar?
Coido que si. Nas locais, a cuestión cambia: Vótase máis á persoa, ás listas e, sobre todo, aos programas.

Se ben semella que en Ribadumia estase nun momento de todos contra o PP, se o 26-M non hai unha maioría absoluta, tentarán falar e negociar con outras forzas?
Ben, iso acontece en Ribadumia e en todas partes. Pero eu non me plantexo outra situación que non sexa ter a maioría absoluta. Porque sendo a lista máis votada hai catro anos, quedando a uns 139 votos de conseguir o sétimo concelleiro (maioría absoluta), que non houbera un acordo para facilitar un goberno do PP indica moito de con quen estamos a falar: A ambición por gobernar aínda sen gañar levounos a ter este tripartito.

E como valora ese mandato?
Unha parálise de progreso total. Non se lle viron ideas nin iniciativa. O que si se veu é que gardaron un cartucho para estes catro últimos meses: Carteis de obras por aquí e por alá. E todo son o mesmo: Pequenas actuacións, sen os grandes retos que precisa Ribadumia.

Que serian cales? Que propoñen vostedes?
Temos un programa de 69 puntos, comezando pola Educación: O colexio é do ano 66, coma min: É tempo de renovalo. Por outra banda, é importantísimo explotar o potencial de Ribadumia no turismo, apoiándonos no Tinto, nos recursos naturais, etnográficos, no Monte do Castro... O centro de saúde ten que estar á última en infraestruturas e persoal. E para iso hai que presionar e presionar. E para o comercio local, emprendedores e empresas, incentivos: En Ribadumia non existe unha triste tenda na que comprar un paquete de lentellas ou un bote de salsa de tomate. Estamos en precario.

E rematar coa Pousada?
Segundo o goberno local, está legalizada: Sen moverse nin un ladrillo nin cortarlle a herba en catro anos, pasou de cero a mil nun día. O que se puido facer en medio mes, tardouse catro anos. Nós cremos que a Pousada é fundamental, axudará a traer turismo e riqueza e temos pensado tamén un proxecto con Servizos Sociais para que, en tempada baixa, os maiores e persoas con discapacidade poidan utilizar as súas instalacións adaptadas.

Martín Vázquez | “Presentarte ás eleccións non che cambia, pero hai quen xa me ve opositor ao réxime”

Te puede interesar