Mary Camiña | “A nosa liña vermella son as formacións co estilo político de Telmo Martín. Nunca pactariamos con elas”

Mary Camiña | “A nosa liña vermella son as formacións co estilo político de Telmo Martín. Nunca pactariamos con elas”
Marya Camiña, candidata de Somos En Marea Sanxenxo | d.a.

Mary Camiña (Vilalonga, 1975) concurre, por primeira vez, as eleccións municipais de Sanxenxo e faino baixo as siglas de Somos En Marea Sanxenxo. É coñecida polo seu papel activo na Plataforma Veciñal de Sanxenxo e como participante en distintos movementos sociais levados a cabo no municipio.

Tras varios anos liderando a Plataforma Veciñal de Sanxenxo, que a animou a dar o salto á política?
Dinme conta despois de varios anos e despois de ir a varias institucións e administracións por distintas cuestións que considerabamos inxustas que a única forma de mudar as cousas é dende dentro.

Algúns cren que utilizou a plataforma como trampolín para dar este paso.
Nun primeiro momento, a Plataforma Veciñal de Sanxenxo creouse para apoiar a un grupo político que logo se dividiu e, entón, decidiuse adicar a fins sociais e a partir dese momento foi totalmente apartidista. De feito, sempre nos reunimos con representantes das distintas formacións políticas. Pero, claro que as reivindicacións e movementos sociais teñen tamén moito que ver coa política. Dende hai un ano deixei a plataforma porque decidin que tiña que dar un paso máis.

Por que o fai baixo as siglas de En Marea?
Porque foi a xente que me atopaba nas concentracións e protestas tanto polo catastrazo, como pola situación da sanidade ou as pensións.

Cales son as liñas de actuación do seu programa?
O que buscamos co noso programa e defender aqueles dereitos que lle foron coartados ás persoas. Por exemplo agora existe Asuntos Sociais, pero non está a funcionar ben. Recibimos numerosas queixas pola falta de información dende o departamento municipal. Aprobouse recentemente un decreto de axudas a dependentes do que moitos se enteraron polos medios de comunicación. Iso non pode ser. Por suposto, tamén instarei á Xunta a que resolva as deficiencias no centro de sáude de Baltar. Hai moitas liñas e frentes abertos que hai que solucionar. A nivel medioambiental é preciso facer un estudo completo do saneamento das rías de Pontevedra e Arousa e tamén das súas praias. Creo tamén que é preciso facilitarlles a todas as asociacións do municipio un espazo onde poder reunirse.

Se os veciños a sitúan no goberno o vindeiro 26 de maio. Cal sería a primeira medida que tomaría?
Aplicar as bonificacións do IBI. É a primeira reivindicación coa que empecei e sería esa, sen dúbida, a primeira medida.

Os resultados de En Marea nas últimas eleccións municipais non foron bos, afecta isto a moral do grupo municipal?
Non, son procesos totalmente distintos. Alégranos, aínda que o noso resultado non fose bo, que a esquerda vencese ao trifachito.

A estas eleccións municipais tamén se presenta a formación Podemos-Anova para Sanxenxo, unha formación que xurde da marea cidadá, que é o que vos pode diferenciar á hora de elexir a papeleta?
A moitos dos integrantes desa formación nunca os vin en ningún dos movementos sociais da plataforma nin a asociacións polo estilo. Non sei ata que punto se pode considerar un movemento social. Son as mesmas persoas que primeiro rexistaron Sanxenxo Pode, logo Marea Sanxenxo e agora Podemos-Anova para Sanxenxo, pois non sei.

Ten algunha liña vermella Somos En Marea Sanxenxo algunha liña vermella para posibles pactos de goberno?
Si, a nosa liña vermella son as políticas ao estilo Telmo Martín. Non pactaremos con formacións que teñan ese tipo de política. Non me refiro á persoa, senón a súa forma de xestionar as administracións públicas.

Cal sería un bo resultado electoral para Somos En Marea Sanxenxo?
Chegar a formar parte do goberno de Sanxenxo.

Mary Camiña | “A nosa liña vermella son as formacións co estilo político de Telmo Martín. Nunca pactariamos con elas”

Te puede interesar