“O modelo do Plan Revitaliza da Deputación pode funcionar en todo o mundo”

“O modelo do Plan Revitaliza da Deputación pode funcionar en todo o mundo”
Xuehua Zhang destaca que a Deputación de Pontevedra impulse a compostaxe para garantir o seu éxito

Xuehua Zhang é a directora científica do Instituto de Investigación Ecolóxica Lishui da Universidade de Nainjin en China. Formada na universidade norteamericana de Standfor, investiga habitualmente sobre políticas ambientais, e dende hai dous anos está interesada na xestión de residuos, particularmente na compostaxe comunitaria dos residuos orgánicos. Nestes momentos traballa nun proxecto nacional chinés financiado pola Vanke Foundation, unha investigación que a trouxo esta semana a Pontevedra para coñecer in situ o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación xunto ao resto da delegación chinesa formada por membros do goberno, outros científicos, consultoras, ong e freelance. A súa intención é recoller as mellores prácticas do mundo en xestión de lixo e aplicalas no seu país adaptándoas ao seu contexto. A súa viaxe de traballo tamén terá parada estes días en Italia (Milán e Roma), e no País Vasco e Navarra.

Pontevedra é un dos destinos da delegación chinesa por Europa na busca de modelos de xestión. Que foi o que lles trouxo da outra parte do mundo a coñecer o Plan Revitaliza de compostaxe?

O persoal técnico co que conta a Vanke Foundation é do máximo nivel e púxonos en contacto con expertos europeos de grande valía como Ramón Plana, que é o responsable dos contactos e da viaxe da delegación en España. Queriamos ver exemplos de compostaxe descentralizada, as mellores prácticas, e o Revitaliza foi o modelo que nos propuxeron.

Nos dous días que estivo en Pontevedra visitando centros de compostaxe e coñecendo o proxecto, que opinión lle merecen?

Para min, o que estou a ver do Revitaliza é representativo do modelo a seguir, é unha grande achega, e coñecelo directamente é un dos mellores ensinos. Estiven noutros países e o que aprendín, por exemplo en India, é un enfoque de abaixo cara arriba. O que estamos a facer en China tamén é un enfoque de abaixo cara arriba. Aquí o que estou a aprender é como os expertos que traballan co goberno teñen un enfoque de empuxe dende arriba cara abaixo, cara a xente, e traballan coa comunidade e as persoas que desexan participar. Atopo este proxecto fascinante, porque o que eu coñezo sobre o compostaxe, particularmente sobre a compostaxe comunitaria, é que normalmente está potenciado por ONG ou cidadáns que despois forzan ou involucran aos gobernos a deseñar políticas públicas para implementalas nas cidades. Penso que é o único exemplo que coñezo no que o programa está impulsado dende arriba abaixo polo goberno e por expertos. Nós non avanzamos niso aínda.

Que outros países están a servir de inspiración para buscar o modelo definitivo?

Hai moitos países que están a traballar nisto, pero esta vez, cando a fundación Vanke organizou a viaxe a Italia e España e me convidaron vin que era unha oportunidade. Se o modelo Pontevedra se compara con outros proxectos en Europa, vemos que a compostaxe que se plantexa en Alemania, onde estiven este ano por exemplo, é a maior escala, con modelos centralizados e outros que eles chaman descentralizados. Este, o Revitaliza, é un plan de compostaxe comunitaria. Alá vimos grandes compostadores, pero aquí vós realmente tedes compostaxe descentralizada, comunitaria e incluso domiciliaria, individual, e penso que é moi interesante focalizar no pequeno e conseguir que a xente se involucre de maneira directa e íntima no proceso, aprendendo o que pode facer cos seus desperdicios. Penso que é un modelo único nese sentido en Europa.

Que é o máis destacable do plantexamento do modelo Revitaliza dende a súa visión externa?

Pois que hai líderes e funcionarios do goberno interesados ​​nun enfoque que, á marxe da incineración e do enfoque centralizado, pretende facer algo co desperdicio de alimentos. O que aprendín do vicepresidente César Mosquera é que acudiu a expertos e decidiu facer isto. Así que iso é o que me parece incrible… Baseándome na miña investigación nunca atopara noutras cidades un enfoque superior, isto é, comezar a actuar dende o goberno, iniciando o plan cos funcionarios do goberno, e logo implementándoo na cidade, traballando con expertos e lentamente involucrando aos cidadáns, á comunidade, facendo que teñan un compromiso para compostar. Finalmente compróbase que así hai unha participación activa, e creo que é moi impresionante.

Pode ser aplicable o modelo pontevedrés na China?

Estamos aprendendo de diferentes países como investigadores. Este debería ser un bo modelo para nós, porque China é un goberno forte e unha parte principal do seu investimento está baseada na investigación de moitos anos. Como investigadora estou traballando co goberno e adoptando ese novo enfoque, tratando de implementalo desde arriba abaixo, pero en cambio alí hai outra visión tamén: en China moitos dos investimentos do Goberno están centrados na incineración. Agora estamos a tratar de facer ver ao goberno que os residuos orgánicos non son un desperdicio, son recursos desaproveitados. Moitas cidades e mesmo en países xa están indo cara a esa filosofía. A pregunta é, como podemos persuadir ao noso goberno chinés? Pois estamos a traballar nese suposto. Estamos a tratar de aprender as experiencias de diferentes países e tratar de implementalas en China tendo en conta a situación propia co fin de crear un modelo exitoso. Temos que crear un modelo adaptado ás súas condicións, á súa comida, á súa contorna, á súa política. Ata entón, nós estamos a traballar en España, India… e o noso goberno está a apoiar esa investigación e desexa probar. Estamos traballando na corte… Pero a vosa política, o voso programa, funciona e continúa no tempo, polo que é un exemplo do que temos que aprender.

Proxectos como o Revitaliza necesarios para o medio ambiente?

Este tipo de proxectos son moi necesarios para os investigadores, para o medio ambiente e para os políticos, porque a clave non está na tecnoloxía. A maior parte dos problemas ambientais e do desenvolvemento ambiental non teñen que ver coa tecnoloxía, senón con cambiar a conciencia das persoas, os seus hábitos. E penso que a compostaxe é unha das vías coas que se pode facer que a xente se involucre no proceso, no obxectivo de ‘cero residuos’, e que se conciencie de que os seus actos teñen consecuencias, e de que o seu comportamento pode supoñer un cambio. Levo investigando sobre políticas ambientais moitos anos e valorando moitas cuestións, e penso que podo dicir que cada un ten a súa propia parte no puzle, cada un actúa como quere: a xente ve a contaminación como un problema e cada un xera a súa propia contaminación. Partindo da base individual hai unha maneira na que se pode involucrar á xente para acadar a solución, polo que penso que o modelo dos composteiros pode funcionar, non só na China, senón noutras partes do mundo. É algo que pode facer sentir á xente involucrada na solución ambiental.

“O modelo do Plan Revitaliza da Deputación pode funcionar en todo o mundo”

Te puede interesar