“No BNG temos feridas. Pero se as temos é por estar sempre na loita xunto aos veciños”

“No BNG temos feridas. Pero se as temos é por estar sempre na loita xunto aos veciños”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-24ba2933

Vanessa Fariña é veciña de Lois, ten 33 anos, é diplomada en Estatística e técnico superior en Administración e Finanzas e traballa neste eido nunha adega. É a nova alcaldable do BNG de Ribadumia, relevando como cara visible do grupo a Xoán Allegue, portavoz durante a segunda metade da lexislatura.

A súa primeira vez como alcaldable, pero non a súa primera vez en política.
Non. Levo doce anos no BNG e é a terceira vez que vou nunha candidatura. A primeira vez foi hai máis dunha década e houbo un parón por medio ata agora, por estar a estudar fóra.

Como decide dar o paso neste intre para ser a candidata?
Porque chega un momento no que ves que as cousas están tan, tan mal que decides dar ese paso para tentar que as cousas vaian a mellor.  Alguén o ten que facer. E coido que o BNG é quen pode facelo. Os compañeiros cren que eu son a persoa que pode reprensentar a todo o equipo asambleario e por iso dou a cara.

O BNG de Ribadumia foi dos últimos en facer pública a lista e a alcaldable. Houbo dificultades para elaborar a candidatura?
A dificultade, que nin sequera foi tal, foi a de como organizar os postos. Porque todos temos as nosas vidas e ocupacións e non dispoñemos de moito tempo libre.

Hai catro anos o BNG colleitou un dos seus mellores resultados con dous edís. Pero pouco despois, quen fora candidato, Enrique Oubiña, abandonou o grupo e negouse a devolverlles a acta de concelleiro. Agora el preséntase con outro proxecto, Somos. Todo isto pode restarlle representación ao BNG?
Enrique Oubiña decidiu marchar porque no BNG, todo aquel que estea de acordo coas nosas ideas pode entrar, pero ao igual que entra, é libre de marchar. No Bloque temos feridas, iso está claro. Pero se as temos é porque sempre estivemos aí, na loita, dándoo todo, apoiando aos veciños e defendéndoos naquilo que fora preciso. Estivemos a pé de rúa coas mulleres de Alfageme, cos emigrantes retornados, cos estudantes contra a reforma educativa, cos preferentistas... Sempre a pé de rúa.

Pero de ter conseguido unha lista única con esta corrente, terían máis forza?
Pode ser. Pero verase no tempo.

O feito de que se pase das tres listas de 2011 ás cinco de agora pode prexudicar ao Bloque?
Eu creo que, máis ben, vaille quitar votos ao PP. Para o Concello pode ser positivo tanta variedade porque xa non vai ser o PP facendo o que el diga, como el diga e cando el diga. Vai haber máis voces críticas dicindo: “Non estamos de acordo”. Por iso creo que a nós non nos vai prexudicar. Realmente, a oposición que se fai é ao PP, que é quen goberna.

E nun escenario de posibles apoios para tumbar un goberno popular, con quen está o BNG disposto a pactar?
Iso habería que velo. Tanto a situación como as diferentes propostas.

Que fixo ben e que fixo mal o goberno municipal?
Aparte de que se fixeron cousas mal, o que aconteceu foi que se elixiron mal as prioridades. O primeiro tería que ser a educación e a sanidade, a base dunha boa cultura e de que un pobo vaia ben. En lugar diso, deixáronse              desatendidas e defendéronse máis campos de fútbol, pousadas... Sempre tirando máis cara ao turismo e cara a facer bonito na foto, en lugar de centrarse nos veciños, en quen vive aquí. Por iso cada vez máis mozos teñen que emigrar.

Cambiarían esas dúas obras por que outras melloras, entón?
Medio millón de euros nun terreo para un campo de fútbol e estando o centro de saúde nun estado lamentable é un despilfarro e un gasto innecesario. Nós vemos prioritario un ambulatorio decente, porque está desatendido e precisa unha reforma, dado o mal que está o edificio. E tamén é urxente un colexio en condicións, porque o que temos quédase pequeno e antigo. Despois de conseguir isto, co tempo, poderíase facer o campo de fútbol. Porque non dicimos que non sexa necesario, pero si que non é momento.

Que outras actuacións leva o BNG no seu programa?
En Barrantes hai un gran problema, que é o acceso ao colexio, que ás veces supón un perigo para os alumnos. Por iso propoñemos poñer a rúa en sentido único para que sexa máis cómodo e máis seguro.

“No BNG temos feridas. Pero se as temos é por estar sempre na loita xunto aos veciños”

Te puede interesar