domingo 15.09.2019

Noelia Valle: “Á miña avoa roubáronlle os cartos do pan e deixáronlle sal e sangue na bolsa, a raíz de ser eu alcaldable”

Candidata do BNG de Vilanova

Asegura que o primeiro que escoitou ao anunciar no seu entorno que ía presentarse ás eleccións na vila foi un “non sabes as presións que vas sufrir”. Decidiu seguir, convencida de que a política só debe ser cuestión de candidatos e ideas e coa promesa de que o Bloque tratará a todos por igual, “dá igual a ideoloxía”.

A nacionalista Noelia Valle | mónica ferreirós
A nacionalista Noelia Valle | mónica ferreirós

Noelia Valle continúa a xa longa tradición de mulleres á fronte do BNG de Vilanova. Veciña de Tremoedo, comercial, de 31 anos, percibiu certas presións desde que decidiu liderar a candidatura nacionalista, incluso máis alá do bloqueo que sufriron as redes sociais do Bloque na comarca. 

Aconteceron entón cousas no seu entorno persoal, segundo publicou incluso en redes sociais. 

Pois si. Eu vivo coa miña avoa. É unha tontería, pero acostuma a deixar a bolsa do pan na porta, cos cartos dentro para o panadeiro e dúas pedras para que non voe a bolsa de tea. Aí atrás, desapareceu a bolsa. Pensamos que ao mellor saíra voando, aínda que eran todo moedas e as pedras. Pesaban. En todo caso, tivo que volverlle pagar ao panadeiro. E ocorreu outra vez: Desa volta deixaron ademais dentro na bolsa do pan outra con sal gorda, a típica na que podes traer algún peixe e que aínda tiña restos, manchada de sangue... Nunca en 25 anos que leva a vivir nesa casa lle pasou nada parecido. Todo apunta a unha gamberrada un pouco parva, pero moléstame que a miña avoa, de 84 anos, teña que aturar estas cousas, desde que eu estou como alcaldable.

Porque o vincula á súa condición de candidata?

Non sei se directa ou indirectamente... En todo caso, eu penso que os candidatos dos diferentes partidos estamos facendo unha labor social presentándonos. É algo de Lei e todos os veciños teñen tamén dereito a escoller. Paréceme un pouco patético que se empreguen estas prácticas, a verdade. 

Fala de certas presións no persoal. E en cinco anos, o BNG de Vilanova tivo catro caras diferentes á fronte. É difícil a labor na oposición?

A última candidata tivo que deixalo por asuntos persoais, non por presións. Pero si, é moi difícil. Sinceramente, cando comecei a comentar entre familia e amigos que me presentaba como alcaldable para Vilanova, o primeiro comentario que escoitei foi ‘pero como te vas meter aí?’ ‘Iso é unha loucura, non sabes a presión que vas sufrir’. 

E por que decidiu, entón, dar o paso e ser candidata polo BNG?

Coido que eses comentarios me abocaron a dicir: ‘Pois entón, si: Estamos no século XXI, que problema hai? É tan heavy o tema?’ Estou vendo que non son os tempos de Franco, de momento non estou fusilada nin enterrada, pero si me parece un pouco ridículo nesta época que alguén se teña que plantexar isto e se vexan estas cousas tan absurdas. É algo polo que tamén que me presentei: Debería haber unicamente uns candidatos, unhas propostas e punto. Que é o que é a política, nada máis. Logo, os compañeiros tamán me animaron a dar o paso, con apoio e confianza. 

Vilanova vota maioritariamente dereita. Que lle diría a quen nunca pensou en apoiar ao BNG?

Que nós tratamos de poñer os asuntos de Vilanova á altura das persoas, independentemente de que sexan ou non afíns á nosa ideoloxía política. Hai moitísimos veciños que se senten esquecidos, sobre todo no rural. Queremos que todos se sintan máis orgullosos e felices de vivir aquí e non que os mozos se vaian para outros núcleos; respectar e potenciar os nosos recursos primarios, pero tamén o medio ambiente,  algo vital. E darlle moitísimo valor á xente que vive do mar e do agro. Nós dámoslle valor ás mesmas cousas que eles, independentemente das ideoloxías.

Que é prioritario en Vilanova para o seu grupo?

Sen lugar a dúbidas, o centro de día para os maiores, que coido que hoxe por hoxe son os máis desprotexidos en Vilanova. Logo, na Educación Infantil hai que limar moitas cousas, comezando por crear unha escola en Tremoedo. 

Teñen algunha idea de como se pode reducir a débeda municipal que, na mellor das cifras ofrecidas, é duns nove millóns de euros?

Iso sería o primeiro que habería que facer: Un estudo das contas. Sabemos que hai máis de mil euros por habitante de débeda e habería que acudir a políticas de recuperación e aproveitar moitísimo o que xa temos, en lugar de prometer construccións faraónicas, porque non nolo podemos permitir. Hai formas de recuperar a situación económica, porque en todas as vilas están entrando cartos para servizos, a pesares de que aquí non chegan a todas partes. Pódese saír do pozo económico: Cun goberno coherente e que respecte as prioridades.

Comentarios