Novos tempos para as visitas a exposicións e para os préstamos de libros

Novos tempos para as visitas a exposicións e para os préstamos de libros
Diario de Arousa-2019-12-01-018-bd976228

A Consellería de Cultura e Turismo presentou onte no Culturgal en Pontevedra un avance da programación de inverno da Cidade da Cultura, na que a exposición Galicia, un relato no mundo terá un papel destacado, cun programa especial de visitas comentadas con especialistas. A través do ciclo Historias na encrucillada, todos os sábados pola mañá a partir do 14 de decembro o público poderá mergullarse na mostra dun xeito diferente, afondando nunha etapa histórica ou temática concreta da man de grandes expertos nesa materia. Aspectos como a II Guerra Mundial, as invasións vikingas, a Galicia galaicorromana ou a Idade Media e o Camiño de Santiago serán protagonistas deste programa de visitas, todas elas de balde, que desenvolverá a Cidade da Cultura de aquí ata a clausura da exposición o 12 de abril.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de dar a coñecer esta nova actividade para dinamizar a primeira grande exposición da Xunta de Galicia para o Xacobeo 2021. 

O sábado 14 de decembro terá lugar a inauguración deste programa de visitas, cun percorrido polas pezas imprescindibles e as grandes liñas e fitos da mostra. A seguinte quenda será o 21 de decembro da man da historiadora Pilar Cagiao Vila, que guiará aos asistentes coa diáspora galega como pano de fondo. As seguintes citas, guiadas por persoas integrantes do comité científico e colaboradoras do catálogo da mostra, iranse anunciando nos vindeiros meses. Ademais, o comisario da exposición guiará un total de tres visitas ademais da que abre o ciclo. Serán o 25 de xaneiro –baixo o título A viaxe dos símbolos–, o 7 de marzo –centrada no tema Aventuras e conflitos–  e o 4 de abril –neste caso unha visita xeral, a poucos días de que se clausure Galicia, un relato no mundo–.

Todas as visitas son de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario rexistrarse previamente en cidadedacultura.gal. Están xa dispoñibles as inscricións para as quendas de decembro, mentres que as seguintes iranse abrindo cada mes a través da mesma web.

“Escenas do cambio”
Tamén onte se presentou no Culturgal o festival de inverno de teatro e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do cambio 2020, cuxas entradas saen á venda en www.escenasdocambio.orge cuxa programación tamén se inclúe nas accións culturais de cara ao vindeiro Ano Santo. 

Nesta presentación, Anxo Lorenzo estivo acompañado polos integrantes de Pálido Domingo, que xunto a Los Bravú e Quico Cadaval & Celso Sanmartín & ‘Guti’ conforman a representación galega neste festival escénico internacional, no que participan figuras de renome da escena europea como Ula Sickle, Gisèle Vienne, Dorothée Munyaneza ou Eszter Salamon. Precisamente, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta puxo en valor que estas tres compañías galegas aposten por facer estreas absolutas en Escenas do cambio. 

E incidiu na proxección internacional do mesmo, xa que artistas internacionais de prestixio como Ula Sickle, Eszter Salamon ou Dorothée escollen este festival para presentar por vez primeira en España obras como Relay, M/others e Samedi Détende que están a ter éxito de crítica e público nas súas representacións por Europa.

Todas elas forman parte cartel de dez pezas escénicas, de danza e arte en movemento que poderá verse do 31 de xaneiro ao 8 de febreiro na Cidade da Cultura, e tamén no Salón Teatro e Teatro Principal de Santiago de Compostela, na liña aberta polo festival de seguir estendendo a súa programación por toda a cidade de Compostela.

Mantendo a súa aposta por obras que apelen á conciencia crítica do espectador, neste festival o público poderá converterse en xurado popular nun xuízo ao mesmo Hamlet, no que o xuíz, avogado e fiscal serán profesionais en activo e non actores; enfrontarse ao cruento xenocidio de Ruanda escoitando o relato en primeira persoa dunha sobrevivente; ou afondar na psique dun asasino a través dun espectáculo con ventrílocuo e monicreques.

Extratexia da Cultura Galega
No Culturgal, a Xunta tamén detallou outras políticas e proxectos no sector. Así, para afrontar os retos da cultura galega nos próximos anos, a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a Estratexia da Cultura Galega, folla de ruta coas principais liñas de actuación e as prioridades da política cultural da nosa comunidade autónoma.  

Os seus principais obxectivos son fortalecer a industria cultural, para que cree máis riqueza e postos de traballo; estender a produción e distribución cultural de base por todo o territorio de Galicia para favorecer a inclusión e a participación na cultura de toda a sociedade; asegurar os servizos públicos culturais: bibliotecarios, museísticos ou arquivísticos, así como propiciar canles estables que favorezan unha maior colaboración entre as administracións públicas nas políticas culturais e unha maior participación da sociedade e das entidades privadas na cultura. 

GaliciaLe
Tamén se abordou o programa GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.

Este proxecto proporciona un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todos os lectores terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar. Haberá dous catálogos: Un que contén o “Catálogo galego” e outro que aloxa o “Catálogo en castelán”. As obras incluídas nestas dúas contornas poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: Tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.

Contra a violencia
E coa campaña da Xunta de Galicia “Nós contra a violencia” quérese promover o uso do galego e sensibilizar contra a violencia de xénero, os micromachismos e a desigualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Desde a súa posta en marcha este ano, o programa ofrece numerosas propostas escénicas e materiais para traballar en dinamización lingüística e sensibilizar conta a violencia de xénero. Entre elas, a proposta teatral O rueiro das liortas, da Compañía do Elefante Elegante; os espectáculos Mai Mai, de Baobab Teatro; Cinco minutos sen respirar, de Ítaca Teatro, ou O país dos mandóns e Irina Bailarina, de Teatro dos Ghazafellos. Complétase con obradoiros para pais e nais no marco do proxecto Igual-Son, con música, danza e contacontos, guías educativas sobre prevención da violencia de xénero na mocidade e outros materiais centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais e un manual práctico de ferramentas para prever a violencia contra as mulleres.

Novos tempos para as visitas a exposicións e para os préstamos de libros

Te puede interesar