O Concello fomenta o uso do galego entre os nenos mecos

O Concello fomenta o uso do galego entre os nenos mecos
laura besada e alexandre aguín acompañaron ós cativos

Os nenos da Escola Infantil Galiña Azul de Rons participaron onte pola tarde nunha xornada promovida polo Concello do Grove con motivo da conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna.

Os cativos estiveron acompañados polos concelleiros de Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, e de Educación, Laura Besada, por ser os responsables das áreas que organizaron este acto que pretende fomentar o uso da lingua galega entre os máis pequenos.

Baixo o lema “O galego medra connosco, nós medramos co galego”, os concelleiros entregaron a todos os nenos un folleto no que se explica a orixe da conmemoración deste día, pero os cativos tamén levaron para a casa uns adhesivos para colocar no coche co lema “Mequiño a bordo”, unha adaptación da tradicional pegatina de “Bebé a bordo” ó estilo grovense.

Desde xeito, os concelleiros explicaron ós nenos a importancia de falar a súa lingua materna e animáronos a seguir aprendendo galego, xa que a diversidade lingüística humana é unha vantaxe que contribúe á riqueza cultural e ó desenvolvemento dos pobos, tal e como se contempla no manifesto elaborado con motivo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna.

Nese mesmo documento dende o Concello do Grove animan ás familias galegofalantes a educar os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós.

Por outra banda, no documento tamén se recolle que esta defensa do galego non exclúe o respecto e o interese polo resto. Así, especifícase que “o galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, como o castelán ou o inglés”.

 

O Concello fomenta o uso do galego entre os nenos mecos

Te puede interesar