Os Bolechas chegan á Pousada de Ribadumia

Os Bolechas chegan á Pousada de Ribadumia
os bolechas no momento da súa entrada ao colexio de ribadumia e seren recibidos polos nenos.

Cos ánimos desatados, como recibirían a unha gran estrela de rock mundial os seus fans, así vibraron onte os cativos do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia ao seren visitados polos protagonistas dos contos de Os Bolechas, un verdadeiro fenómeno editorial infantil.

E para máis se, a maiores das personaxes, alí tamén estiveran o seu creador, o debuxante Pepe Carreiro, e inda por riba para presentar unha aventura destas súas creacións que ten lugar nada máis e nada menos que en Ribadumia e no resto de concellos veciños do interior de O Salnés.

Os Bolechas na Ruta da Pedra e da Auga, que así se chama este novo volume, fai un percorrido polas principais localizacións e atractivos do municipio: A propia senda rural, os muíños, o xacemento do Monte do Castro e ata a Pousada provincial. Porque, de feito, trátase dunha edición de 5.000 exemplares para o seu reparto en colexios en toda a provincia que ve a luz a través da Deputación de Pontevedra e do proxecto Pousadas, cunha inversión de 15.000 euros dos seus fondos europeos.

A idea é que o libro poida converterse nunha guía didáctica infantil. Nela, os pequenos poden aprender dende como funcionan os muíños ata a lenda do Mosteiro de A Armenteira, as fontes e lavadoiros, o oficio dos canteiros e a historia castreña, entre outros.

Ademais do autor da serie editorial, na presentación de onte estiveron presentes a alcaldesa do municipio, Salomé Peña, e o deputado provincial e rexedor meisino, José Luis Pérez. Peña subliñou que que mellor ocasión que a de onte para presentar este libro, escrito en galego, na xornada na que se celebraba o Día Internacional da Lingua Materna.

Pola súa banda, Pérez valorou esta iniciativa como unha grande oportunidade para avanzar na divulgación dos atractivos da comarca, como a Ruta da Pedra e da Auga, entre os máis mozos, mentres se estuda a posibilidade de presentar unha proposta similar no veciño Concello de Meis.

 

Os Bolechas chegan á Pousada de Ribadumia

Te puede interesar