martes 10.12.2019

O Plambe da Xunta dinamiza bibliotecas e espazos de lectura en varios centros escolares do Salnés

O Plan de Mellora de Bibliotecas da Consellería de Educación permite, coa súa liña de axudas, dinamizar espazos de lectura e bibliotecas en diferentes centros escolares da comarca.
O alumnado do Centro de Educación Especial de Vilagarcía acode ás instalacións da súa biblioteca para viaxar a través da literatura | gonzalo salgado
O alumnado do Centro de Educación Especial de Vilagarcía acode ás instalacións da súa biblioteca para viaxar a través da literatura | gonzalo salgado

Entrar na biblioteca do Centro de Educación Especial de Vilagarcía é entrar nun mundo cheo de experiencias e, sobre todo de moitas ganas de aprender e imaxinar. A directora do centro, Alba Paredes, e a coordinadora da biblioteca, Isabel Meda, son as encargadas de facer unha visita guiada a través dunhas instalacións que puideron ser dinamizadas grazas ao Plan de Melloras de Bibliotecas (Plambe) da Consellería de Educación.

“Hai a concepción, errada, de que os centros de educación especial non teñen a necesidade de ter unha biblioteca”, explican dende o centro vilagarcián. Ao mesmo tempo apuntan a que o que buscaban tanto Alba Paredes como Isabel Meda era rachar con esas falsas crenzas. Grazas inicialmente ao Plan Lía e máis tarde ao Plambe dous cuartos espaciosos deste centro ubicado no Parque Doutor Fleming de Vilagarcía abríronse á maxia da literatura e dos contos. “A biblioteca empezou a funcionar no curso 2016-2017. Foi outra profesora a que puxo en marcha a iniciativa nun espazo moi pequeno. Despois dan man dos diferentes plans puidemos chegar ao que somos hoxe. E seguimos medrando”, explican as dúas responsables do centro.

De feito o Plan de Mellora de Bibliotecas e o traballo realizado dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares permitiu a este colexio podar dotar de contido a dúas aulas. Unha é unha biblioteca como as que se poden ver noutros centros escolares. “Grazas aos fondos que se nos deron fomos adquirindo libros. Primeiro de todo tivemos que facer unha purga dalgúns dos contos ou libros que tiñamos para evitar que tivesen connotacións sexistas ou denigrantes”, manifestan as responsables do Centro de Educación Especial. 

E é que dende o colexio de Vilagarcía tiñan ben claro que as bibliotecas “non só son espazosp ara o estudo, senón tamén para crear e aprender”. 

Numerosas actividades
O certo é que a biblioteca foi para o alumnado do centro todo un descubrimento. Nas súas dependencias realízanse actividades variadas. Destacan as contadas. “Son como a representación dos libros, das historias que se contan”, explica Isabel Meda. A directora do centro recoñece que “moitos dos nosos alumnos non len, daí que teñamos que buscar alternativas, pero que non lean non quere dicir que non poidan gozar dos libros”.

Na biblioteca do centro tamén teñen dous clubes de lectura propios: O Frida Kallas (fridakallas.wordpress.com), para os prelectores e rapaces con problemas na linguaxe e “O labirinto”, para o alumnado que le. A maiores tamén participan nun club de lectura externo coa asociación Con Eles e co IES Castro Alobre.

O segundo cuarto co que conta a biblioteca está concebido como espacio sensorial para o uso e disfrute do alumnado. “Son dous cuartos que están abertos sempre e tanto para os rapaces coma para o profesorado”, sinalan. A biblioteca do centro tivo unha gran acollida entre os rapaces. “Teñen o seu carné de lector, levan libros para a casa, como unha biblioteca absolutamente normal”, explican. “Co plan compráronse máis libros e púxose máis atractivo o espazo para darlle unha forma impactante á biblioteca”, explican.

O Plambe é unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, que serve para potenciar e dinamizar o funcionamento de bibliotecas en centros escolares. De feito desta proposta benefícianse na comarca non só o Centro de Educación Especial de Vilagarcía, senón tamén outros dous de Vilanova.

Comentarios