“O PP comete un delito co censo, nós denunciámolo e cúlpannos a nós por iso”

“O PP comete un delito co censo, nós denunciámolo e cúlpannos a nós por iso”
Copia de Diario de Arousa-2015-04-24-013-e75d1340

Pilar Xiráldez afronta as súas segundas eleccións municipais como candidata do BNG en Meis. Mestra de profesión, de 47 anos, é veciña de San Vicente. “Nogueira, prefiro que lle chames Nogueira, que é o nome oficial”, corrixe.

O BNG denuncia o censo, a Oficina Electoral dalle a razón e ábrese a caixa de Pandora...
Montouse a “marimorena” porque  no goberno non están afeitos. Non a que o BNG denuncie, que  xa o levamos advertindo dende hai tempo, senón que agora foi posible facelo ante a Xunta Electoral, que conclúe que 38 persoas estaban ilegalmente censadas en Meis. No PP están afeitos a facer cacicadas, non a que llas denuncien e a que a Xunta Electoral estime o recurso.

Porén, ao BNG tamén lle choveron críticas. As máis feroces do propio goberno, por ir contra os intereses dos veciños.
Que van dicir! Para nada.

Pero é certo que ao baixar de 5.000 habitantes o Concello recibirá menos ingresos do Estado.
Non é certo que vaiamos perder 600.000 euros como din no PP. No tema das categorías de municipios e ingresos inflúen outros factores, por exemplo a recadación por IRPF, por IVE... Ademais, se imos perder 600.000 euros como din eles, que non é certo, a onde ían eses cartos ata o de agora? Porque nestes anos en Meis non se fixo absolutamente nada.

Bueno, a Pousada de A Armenteira antes non estaba.
Foi o único. Pero non a fixo o Concello. Nós sempre estivemos en contra porque, enriba, sabiamos que era para darlla a un empresario amigo de Rajoy. Non deron nin a posibilidade de que pequenos hostaleiros de O Salnés puideran xestionar alomenos un destes establecementos.

O tema do censo promete servir de arma electoral para uns e para outros nesta campaña. Esta denuncia vaille dar ou restar votos ao BNG?
O BNG non traballa vendo intereses electoralistas. Co tema do censo, na rúa todo o mundo dicía “o alcalde fai tal”, pero a valentía de denunciar, impugnar o censo e arriscarnos foi nosa. Presumimos de ser unha forza transformadora e de querer que se cambien as cousas, por iso sería incongruente non denunciar ante un delito.

É un risco político, con todo.
Si, pero a nós quen nos culpabiliza é o alcalde. Pillárono coas mans na masa e ten que buscar explicacións. Pero el recoñéceo, di que moitos outros concellos inflan o censo. E culpabilízanos a nós de denuncialo. Estamos denunciando un delito e os culpables somos nós!

Foi a súa primera lexislatura na Corporación. Era como se esperaba ou houbo sorpresas?
Non fora edil ata 2011, si, pero bueno, asistía aos plenos como responsable local do Bloque. Así que, sorprenderme? Non moito.

Con menudo ton di isto... Nada positivo.
Claro, é que non me sorprendeu moito porque o comportamento do Partido Popular xa levamos anos vendo como é.

Tan malo foi o goberno dende a súa opinión, entón?
Para nós foi unha lexislatura perdida, catro anos nos que o único que se fixo foi iso, a Pousada, e subir as taxas. E co Concello intervido. Vou falar outra vez do saneamento e igual xa nos tildan de aburridos por sacar sempre o mesmo, pero é que nas depuradoras de Meis gastáronse millóns de euros e non funcionan, están aí para velas: A de San Martiño é un monumento da mala xestión do PP. Nunca chegou a funcionar.

Que leva o BNG no seu programa?
Cinco ideas forza: A primera é transparencia. A xente ten que saber en que se empregan os cartos públicos e imos publicalo todo na web. Segundo, conectar Meis. Queremos un servizo de microbús municipal que enlace as parroquias e nos una coa comarca. Terceiro, impulsar os nosos sectores produtivos, como a horta, o viño, o monte... co apoio ao cooperativismo. Cuarto, redución de taxas, que son bestiais para os servizos que temos. Ata o propio alcalde di que a xente cénsase noutros municipios buscando servizos que non atopa aquí. E quinto, xestión do lixo. Hai que ir a un modelo máis sustentable que Sogama.

Meis é a única vila na que non aparecen partidos novos. Aquí non hai indignados?
É que a xente que pode estar en desacordo coas políticas do PP e do PSOE, en Meis están no BNG.

E haberá dabondo para un cambio político?
Cada vez máis xente nos chama cabreada co goberno. Así que agardamos que si.

“O PP comete un delito co censo, nós denunciámolo e cúlpannos a nós por iso”

Te puede interesar