“O PP pide o voto prometendo a certos veciños empregos na Pousada. Admiten enchufes”

“O PP pide o voto prometendo a certos veciños empregos na Pousada. Admiten enchufes”
Copia de Diario de Arousa-2015-05-08-011-2fc62739

José Ramón González acaba de cumprir 33 anos, é técnico superior en Artes Gráficas e veciño de Pontearnelas. Foi o número 2 do PSOE de Antonio Pereira en 2011 e portavoz durante este mandato. Agora da o salto como alcaldable.

Tras catro anos como voceiro, ser agora candidato era algo agardado?
Cando entramos en 2011 foi logo de moitos anos sen representación na Corporación e estabamos un pouco fóra de onda. Durante esta lexislatura, os que estabamos en primeira liña fomos collendo coñecementos e por isto esta foi agora unha candidatura unánime.

O PSOE negociou cos independentes. Que pasou para que ao final non prosperase o de ir nunha lista conxunta?
Eles preguntáronnos por esa posibilidade e nós dixemos que nunca iamos deixar diluir as siglas do PSOE. Pero que se eles estaban dispostos a participar no noso proxecto, estariamos encantados, porque eramos conscientes de que moita xente nos independentes era socialista e así votaba nas autonómicas ou nas eleccións xerais. Estaba todo falado e pactado, pero certa xente dentro do outro grupo non o veu así, era máis afín ás ideas do PP e botaron abaixo esa posible fusión.

Foi entón máis un desencontro no ideolóxico.
Independientes por Ribadumia (IR) ten dúas caras: A cidadá e a de dereitas. Houbo catro ou cinco persoas que non transixiron no pacto.

En 2011 IR non se presentara e foi o intre no que o PSOE entrou na Corporación. Agora que volve esa forza, temen perder edís?
Non creo. Está claro que parte do electorado de ambos partidos noutras ocasións foi común. Pero despois de que IR abandonara aos seus votantes en 2011 moita xente deuse de conta de que quen estivo aí sempre fomos nós.

Nun escenario de posibles pactos, con quen si e con quen nunca falarían?
A nosa intención é sacar maioría absoluta. Agora, no suposto de poder formar un goberno sen o PP e con partidos afíns ideoloxicamente que queiran pactar con nós, estamos abertos ao diálogo.

Despois dun mandato na Corporación e ver o Concello dende dentro, cambiou a súa opinión sobre o goberno popular?
Antes de 2011 o que sabiamos era pola prensa e como veciños. Agora que si temos datos de primeira man, dámonos de conta de que a cousa non é que fose mala: É peor.

Por que?
Daste de conta de como fan as cousas. Por exemplo, violando acordos plenarios.

Algún descontento tamén a nivel infraestruturas?
O PP vende agora, nos últimos vinte días de gobermo, que vai solucionar os problemas no colexio de Barrantes, problemas que levan aí desde que o PP goberna. É triste.
Como é o programa do PSOE?
Ao revés que outros partidos, nós fixemos un moi concreto. Levamos un plan de reciclaxe-compostaxe. Tamén unha caixa de financiamento local, que é unha banca pública sufragada polo Concello para darlle crédito á xente que queira poñerse a traballar en Ribadumia, con interese cero e dous anos de carencia. E logo un plan de emprego que saca persoas directamente do paro. Ás empresas que contraten xente de Ribadumia, o Concello págalle os custes laborais, de contratación e Seguridade Social.

Semellante ao que aplica desde hai anos o PSOE en A Illa, entón.
Claro. Son proxectos que levamos contrastados e iniciativas que poden facerse cos remanentes económicos que quedan, en lugar de investilos en máis campos de fútbol.

Entendo que non son do seu agrado obras como ese terreo deportivo ou a da Pousada...
Ribadumia ten cinco mil habitantes e catro campos de fútbol, de medio millón de euros cada un. De seguir esa proporción, Vilagarcía, coa poboación que ten, debería ter 28: É algo surrealista. En canto á Pousada, úsana como reclamo electoral. É certo que contratarán xente, pero seguramente con procedementos de dubidosa lexitimidade. Este proxecto vai prexudicar a todo o sector hostaleiro, cun presuposto con cartos públicos que se triplicou e en favor dunha empresa privada dun colega de Rajoy.

Dubidosa lexitimidade, di?
Temos clarísimo que están indo polas casas pedindo xa o voto (a entrevista fíxose antes do inicio oficial da campaña) e ofrecendo un posto de traballo na Pousada. E eu pregúntome: Se o procedemento, teoricamente, é aberto, a través dun concurso público e con competencia curricular dos candidatos: Como eles están a ofrecer a tal veciño un posto na Pousada? Están eles mesmos delatando que vai haber enchufes. O cal non é nada novo, fixérono toda a vida.

“O PP pide o voto prometendo a certos veciños empregos na Pousada. Admiten enchufes”

Te puede interesar