Premios, canto e poemas encherán hoxe de actos O Salnés polas Letras Galegas a pesar de varias suspensións por chuvia

Premios, canto e poemas encherán hoxe de actos  O Salnés polas Letras Galegas a pesar de varias suspensións por chuvia
O auditorio ribadumiense volverá acoller hoxe a entrega dos galardóns da vila | m. ferreirós

Os concellos da comarca de O Salnés programan hoxe unha intensa axenda de actos con motivo do Día das Letras Galegas. Haberá de todo, dende entrega de premios, en Ribadumia, a concertos en Meaño. Outras citas, en Ribadumia e en A Illa, pospóñense, a causa da chuvia.

Así pois, en Ribadumia a programación comenzará ás 9 de mañá, co Torneo Letras Galegas do Umia, no campo de fútbol de A Bouza. Unha hora despois, o da Senra acollerá a presentación doutro evento deportivo, “V KeeperCampAzero”, un campus para porteiros. A festa da bicicleta, que en principio ía ter lugar hoxe, posponse debido á previsión de chuvia. Será o 26 de xuño.

Pola tarde, ás 17 horas será turno dun Concurso de Debuxo, que terá lugar na casa de cultura a carón da Carballeira. Finalmente, o acto central, será ás oito da tarde, no auditorio municipal Santa Baia, coa quinta edición da Gala Ribadumienses en Prol do Galego. Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonista á asociación Cultural Añoranza, premiada pola promoción do “uso do galego tanto nas súas actuacións como noutras actividades, promocións de actos, etc”, xustifica o Concello. Os asistentes á cita poderán desfrutar tamén do concerto a cargo do dúo de Meis “As Lembranzas”, que presentarán o disco “Gaela”.

En Vilanova de Arousa, este 17 de maio na horna de Florencio Delgado Gurriarán celebrarase cun acto do programa autonómico “Ler Conta Moito”. Será unha sesión de “Biblio Canta”, que se levará a carón da biblioteca Irmás Camba, a partires das 18 horas. En caso de chuvia, será na igrexa de A Pastoriza.

Meaño organiza para hoxe un concerto das Letras Galegas, cos nenos da Escola de Música. Tamén terá lugar a entrega de agasallos dun concurso de murais, debuxos e relatos e está prevista a actuación da asociación cultural Penaguda. Será no centro social de Dena, a partires das 12:30 do mediodía.

En Meis, o Concello opta por un concurso de poesía, que alcanza a súa segunda edición. Hai dúas categorías, a de infantil, para nenos de 6 a 14 anos, e a de xuvenil e adultos, de 15 anos adiante. A temática é libre e o prazo de entrega de traballos abreu onte e así permanecerá ata o 27 de maio. Os interesados deberán remitir os seus poemas ao enderezo electrónico omix@meis.gal, indicando o título da poesía, os datos persoais do autor, co nome e enderezo, así como a idade e un número de teléfono de contacto. Todos os traballos verán a luz no Facebook do Concello de Meis, onde tamén poden verse as bases íntegras e a composición do xurado. Este dará a coñecer o veredicto o 1 de xuño. Os premios, un por categoría, serán vales de 50 euros para gastar na Libería Nobel de Vilagarcía.

En Cambados a ofrenda floral a mediodía en A Calzada mantense, pero o concerto posterior da Banda de Castrelo vai para o auditorio.

Finalmente, en A Illa de Arousa decidíase onte cancelar o evento previsto hoxe en O Xufre, co inicio da tempada da navegación tradicional, debido á previsión de mal tempo. O acto quedou fixado para o sábado, ás 11 horas.

No caso de Meaño e A Illa, os programas proseguirán en vindeiros días, con outras paradas. Por exemplo, a peza de teatro “A Caixa sen Pandora” que Teatro dos Ghazafelhos levará á casa de cultura de Meaño o vindeiro domingo, día 22, ás 19 horas. Ou tamén as varias presentacións literarias previstos no municipio insular: Día 19 con “100 Anos de Salitre nas Mans”, de Juan Otero; o día 26, con “O cantar das Conserveiras”, con Xurxo Souto, e o 31 de maio, con “Unha Mente que Voa - Unha Mirada á Evolución da Linguaxe”, con Xurxo Mariño. As tres citas serán ás 20 horas, na nova biblioteca na Casa de Goday. O programa isleño complétase co concerto de “Quilma”, previsto o día 28, ás 21 horas, no auditorio. 

Premios, canto e poemas encherán hoxe de actos O Salnés polas Letras Galegas a pesar de varias suspensións por chuvia

Te puede interesar