Reportaxe | Enórmic Banda cumpre 13 + 5 anos de talento dende os pupitres

Reportaxe | Enórmic Banda cumpre 13 + 5 anos de talento dende os pupitres
Un momento da presentación do último número da revista de historietas Enórmic Banda | gonzalo salgado

Enórmic Banda presentou onte o seu número 13 + 5 con 25 novas historietas en galego creadas polos novos talentos que veñen pisando forte dende as aulas dos institutos do Salnés, a fonte da que bebe esta revista nacida no 1996 para fomentar o uso do galego entre os máis mozos empregando o cómic, un formato atrativo, “co que se sentiran identificados”, explica Isabel González, vinculada ao proxecto desde o inicio. A profesora do IES Bouza Brey forma parte da coordinadora de equipos de Dinamización Lingüística que alumou a iniciativa, e con tanto éxito, que quedou bautizada para sempre. “Recibimos unha avalancha de traballos e quedou enorme, de aí vén o nome”, explica. 

O nivel mantívose ata 2005, cando se produxo unha baixada de participación e houbo un parón de catro anos, pero seguía habendo rapaces con interese pola banda deseñada e González remexeu para resucitala ou como ela di: “Rompínlle a cabeza a Fernando Arenaz”; un activo artista e profesor que “foi un puntal durante varios cursos”. Aos profesores dalles traballo, González non o oculta (a coordinación, o contacto cos colaboradores, coa imprenta...) pero pronto o esquece porque “ten tan boa acollida”... Con todo, hai un momento que evitarían: a selección dos traballos. Para facerse unha idea, este ano, tras a preselección nos institutos –son 12 IES–, quedaron preto de 100 e só se publicaron 25. “É doloroso porque quedan fóra cousas moi riquiñas, pero o orzamento tampouco da para facer unha revista enorme”, conta a docente. De feito, non se descarta artellar algún modo para, en futuras edicións, exhibir aos finalistas aproveitando, por exemplo, o blog da revista. Con todo, os participantes suspiran polo papel e quen llo ía dicir aos promotores cando comezaron. “Pensabamos que o libro electrónico, internet... sustituiría algún día ao papel, pero non, e este nenos, que son nativos dixitais, seguen a pedir papel, comprenden que son dúas realidades diferentes e non excluíntes. Gústalle ter a revista, levala, tocala...”, relata a docente.  

A coordinadora edita mil exemplares que distribúe polos centros participantes como é o Faro das Lúas, que onte acolleu a presentación deste número cosa presenza dos alumnos seleccionados e, por primeira vez, sen os colaboradores. Anénoma de Río (o nome artístico de Aldara Álvarez), que firma as tapas cunha ilustración moi xuvenil, está en época de exames, e o filólogo nipón Takekazu Asaka, profesor de Filología Románica naUniversidade de Tsudajuku, autor do limiar, no que fala do seu primeiro contacto co galego, non vén por estas terras ata o verán. Enórmic tamén é historia viva da cultura saliniense. Polas súas páxinas pasaron outros convidados de luxo; xornalistas, artistas, escritores como Domingo Tabuyo e Saúl Otero (firmaron o primeiro número), o finado e entusiasta biógrafo de Cabanillas, Luis Rey, Luis Davila, Susana Sánchez Aríns... E moitos máis. Pero tamén regresaron alumnos para os que este proxecto foi un primeiro escaparate (Antón Romero, Miguel Pérez Ramudo e Héctor Quintela) e haberá máis. 
En 18 anos, cambiaron as técnicas e os temas, pero seguen a ser 35 páxinas cheas de talento.

Reportaxe | Enórmic Banda cumpre 13 + 5 anos de talento dende os pupitres

Te puede interesar