Reportaxe | A Illa acolle a estrea arousana da primeira adaptación teatral ao galego de Valle-Inclán

Reportaxe | A Illa acolle a estrea arousana da primeira adaptación teatral ao galego de Valle-Inclán
Josito Porto e Quico Cadaval presentaron onte o cartel da función prevista este venres na vila insular | gonzalo salgado

Vai ser a primeira vez que o teatro de Valle-Inclán fale en galego, de forma oficial. Quico Cadaval rodeáse para tal xesta dun elenco de grandes actores galegos e é claro no porqué agora desta innovación no idioma. “Simplemente, había unha anomalía. E era que había uns dereitos que non o permitían. Pero eses dereitos acabaron e estivemos rápidos para ser os primeiros”.

Cos oitenta anos do pasamento de Valle, a súa obra pasou a dominio público e Excéntricas presenta agora a súa revisión de “A Cabeza do Dragón”. Os isleños poderán desfrutar dela este venres, no auditorio da vila, a partir 21 horas, con entradas a 7 euros na billeteira e a 5 en venda anticipada no Bar Museo e nas Loterías.

Crítica moi actual
Baixo a apariencia dun conto infantil, a obra agocha una visión crítica, satírica e con moito do esperpento valleinclaniano sobre a sociedade española de 1910. E Josito Porto, un dos actores, subliñaba onte que tamén é un retrato bastante certeiro do que acontece hoxe no Estado.

“Hai frases de Valle-Inclán nesta obra que a xente pregunta se llas metemos nós polo medio”. Unha delas, “só no Congreso fan grazas as paiasadas”, outra sobre a de novos casos que acaban no penal de Soto de Real e aínda máis sobre as relacións da monarquía con bandidos nas que moitos continúan a ver paralelismos. “Todo é de 1910”.

“Un pouco de maldade”
Cadaval confesou que na escolla desta obra en concreto para a primeira adaptación ao galego do vilanovés máis internacional “houbo un pouco de maldade, porque moitos téñena por unha obra menor”. Para él, porén, reflicte unha “sátira á monarquía” e mesmo “ao centro da cultura europea” de plena actualidade, que volve pór hoxe a esta obra na polémica que o teatro, como arte, tenta xerar.

Tamén hai carambola histórica, explicaba Faber, productor cultural, posto que cando se cumplen vinte anos da independencia isleña, regresan dous artistas que foran, respectivamente, o primeiro e o terceiro en actuar na Illa separada xa de Vilanova: O propio Cadaval e Josito Porto. Riveirense un, vilagarcián o outro, será esta unha representación “claramente arousana”, con música orixinal baixo a dirección, tamén, do boirense Diego García. E sobre o texto dun Valle-Inclán que “por non polemizar, imos dicir que naceu aquí nun radio de dez quilómetros”, ironizaba Cadaval sobre as vellas polémicas entre Vilanova e A Pobra.
Completan o elenco María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. O alcalde, Carlos Iglesias, e a edil de Cultura, Rosi Viana, agradeceron a aposta do grupo por elixir A Illa, lugar que espera “toda a ilusión” no equipo.

Reportaxe | A Illa acolle a estrea arousana da primeira adaptación teatral ao galego de Valle-Inclán

Te puede interesar