Reportaxe | O Plan Integrado de Emprego colocou á metade dos alumnos desde comezos do verán

Reportaxe | O Plan Integrado de Emprego colocou á metade dos alumnos desde comezos do verán
Unha das accións inclúe preservación dixital e 3D de documentos históricos ou antigos |

O Programa Integrado Emprega Salnés VI, que apoia a Xunta coa colaboración da Mancomunidade do Salnés,  xa conseguiu preto do 53 % da inserción laboral dos 85 alumnos e alumnas participantes, segundo os datos a 30 de xuño. 
A iniciativa, que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 204.000 euros, segue desenvolvéndose na actualidade polo que a inserción laboral poderá aumentar nas próximas semanas. 
Dos 85 alumnos e alumnas que participan, un 35,2 % son desempregados menores de 30 anos con baixa cualificación; un 17,6 % son desempregados menores de 30 anos en xeral; e un 14,1 % son mulleres desempregadas. 
A Administración autonómica, a través de Emprega Salnés VI, ofrece aos participantes un servizo individualizado de orientación e formación coa finalidade de elaborar itinerarios personalizados para incrementar as súas oportunidades laborais. Ofrécese formación transversal (preparación de entrevistas de traballo, formación en riscos laborais, inglés, manexo de ferramentas TIC, portais de emprego e redes sociais e técnicas de motivación), así como formación especializada. 
Neste caso, impártese cualificación en materias específicas de innovación como son cursos sobre manexo de drons, impresión 3D e realidade virtual, dixitalización e xestión documental e uso de redes sociais para o emprego. Tamén se ofrece formación en informática, técnicas de venta, manipulador de alimentos, creación de empresas, elaboración de blogs, contabilidade e en seguridade e manexo de carretilla elevadora, entre outros. 
O programa inclúe, ademais, prácticas laborais en empresas da contorna. 
Na convocatoria actual dos Programas Integrados de Emprego 2017-2018, que rematará en novembro, están a participar en toda Galicia 4.337 alumnos, dos que preto do 40 % acadaron ata o de agora a súa inserción no mercado laboral (1.683 persoas), segundo os datos a 30 de xuño, polo que esta cifra poderase incrementar cos contratos que se levaron a cabo en xullo e ao longo deste mes de agosto. 

A partir de setembro
A nova edición dos programas integrados de emprego para os anos 2018 e 2019 arrancará no mes de setembro. Promovidos por concellos e por entidades sen ánimo de lucro, a administración autonómica prevé a participación de 4.300 persoas desempregadas en 43 programas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais a través de actuacións encamiñadas á especialización e ao desenvolvemento de medidas que combinen orientación e asesoramento con formación e prácticas. 
A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa, que vai dirixida á administración local e ás entidades sen ánimo de lucro, aumentando nun 15 % o orzamento, polo que investirá un total de 10,9 millóns de euros entre 2018 e 2019 para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, os beneficiarios destas axudas recibirán 2.500 euros por cada persoa participante no programa, o que supón un 4 % máis con respecto a edicións anteriores. 
Coa iniciativa, priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. 

Muller
Así mesmo, e ao igual que na pasada edición, da que forma parte Emprega Salnés VI, resérvase orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación, un 18,3 % do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. 
Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal. 
Os programas integrados de emprego, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35 % dos seus participantes, é dicir, máis de 1.500. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Reportaxe | O Plan Integrado de Emprego colocou á metade dos alumnos desde comezos do verán

Te puede interesar