Rosa Castro | “En Meaño fixéronse mal as cousas: Perdéronse axudas e mira que non haberá en que invertir”

Rosa Castro | “En Meaño fixéronse mal as cousas: Perdéronse axudas e mira que non haberá en que invertir”
A alcaldable coa súa escolla entre os valores políticos | mónica ferreirós

Rosa Castro é a candidata coa que o BNG quere volver á Corporación meañesa e facelo con forza. Veciña de Meaño, de 56 anos, traballou toda a vida na conserva e ten tras de si unha longa traxectoria na loita sindical. Afiliada da CIG “de sempre”, estivo nos comités de empresa de Conservas Peña e Alfageme. Unha “loita moi seria e moi longa”, recoñece daqueles anos que encheron páxinas e páxinas dos xornais en Arousa. Tamén é amplo o seu papel no asociacionismo local: Durante anos estivo na ANPA do colexio As Covas e é presidenta das Mulleres Rurais Corazón do Salnés. Esta é a cuarta candidatura na que figura nas listas do Bloque, pero a primeira na que a lidera.

Como é que asume agora o reto de presentarse como alcaldable na localidade?
Este ano na agrupación de Meaño tivemos reunións e nas votacións saín elixida. O grupo comarcal apoiou e a verdade, ilusioneime co proxecto. Temos novas propostas, claras, para que Meaño funcione de xeito diferente: Sempre cara os veciños, ser voceiros das ideas da cidadanía.

Porque, que cre entón que lle falta a Meaño, que propoñen?
Nós non pensamos en edificios faraónicos. Temos que aproveitar o que temos e sacar ideas de aí. Por exemplo, das nosas paisaxes, para facer zonas turísticas. É o caso de Lores, onde temos un entorno moi bonito con paseo fluvial, pero hai que darlle saída a Dena, a Os Pasales. E negociar cos de A Armenteira para darlle tamén saída cara alí, creando un enlace coa Ruta da Pedra e da Auga. Sería un proxecto turístico precioso cara Meaño. Logo temos unha Banda de Música que é un exemplo para toda Galicia e España, que este ano quedamos primeiros a nivel europeo. É unha honra moi grande para Meaño. Entón, si, temos que facer algo para a Unión Musical, porque xa levamos moitos anos co auditorio a voltas. Se nós saímos elixidos, farémolo.

É posible? Porque esta é, xustamente, unha promesa que en campaña se leva escoitando anos e anos en Meaño.
Iso é porque, en ocasións, en lugar de facer as cousas que se presentan nas eleccións, dáselle prioridade a outras. Todo se trata de facelo ben e de organizarse, porque as cousas pódense facer. Ás veces, como se viu, pérdense distintos ingresos e subvencións para Meaño, xustamente, por non organizarse ben e non presentar en tempo as peticións. Hai que ter profesionais e facer as cousas como se teñen que facer.

En 2015 o BNG perdeu a representación na Corporación municipal de Meaño. A que o achacan? Será posible recuperar a presenza no Concello?
Eu penso que si. Hai moitas posibilidades e teño fe niso. Vexo á xente moi involucrada e ao noso grupo moi unido, traballando cunha labor grande para estar aí. A anterior vez, ao presentarse Compromiso por Meaño (que nestes comicios non concurre na vila), dividiuse o voto: E con iso non tivemos representación nin nós, nin eles. Os votos da dereita van para a dereita e os da esquerda, divídense.

O 26-M pode que a cousa ande axustada en Meaño. Se non hai ningunha maioría absoluta e vostedes son peza clave para decantar un goberno, apoiarían aos Independentes, ao PP, negociarían co PSOE?
Iso é algo moi difícil, no que, de momento, non pensamos se absternos ou cal será a nosa posición. Haberá que estudalo moito; haberá que falar. Tentaríase facer un goberno, de calquera xeito, pero si, hai que estudalo moi ben.

Como valora esta último mandato a nivel municipal en Meaño?
Ben, ao non ter representación, tampouco podes estar nos Plenos para seguilo na primeira liña. Polo que se ve, fixéronse cousas, pero puidéronse facer mellor, porque hai moitas carencias. Logo perdéronse subvencións, insisto. E mira que non hai cousas nas que invertir en Meaño, Moitísimas! Eu iso considéroo unha mala xestión.

Rosa Castro | “En Meaño fixéronse mal as cousas: Perdéronse axudas e mira que non haberá en que invertir”

Te puede interesar