A sardiña en salazón ao estilo tradicional revive en Moreiras

A sardiña en salazón ao estilo tradicional revive en Moreiras
Imágenes de diferentes partes del proceso y del público asistente | cedidas

A Asociación de Amigos da Salgadeira de Moreiras celebrou onte a segunda parte do proceso de elaboración artesanal da sardiña en salazón, denominada “cargar o morto”, recuperando desta maneira o estilo que se empregaba hai 200 anos para a conservación do peixe.


O Almacén Vello de Punta Moreiras foi o lugar escollido para recrear este proceso, que comezou o pasado 4 de agosto co primeiro paso da salga, coñecido como ‘facer a chanca’. Esta primeira parte consiste en poñer a sardiña en salmoira líquida nunhas pías de pedra, onde quedou almacenada durante 15 días.


Transcorrido ese tempo, a asociación procedeu onte á retirada das sardiñas da salmoira para lavalas, secalas e introducilas nunhas caixas de madeira chamadas tabais. Nestes recipientes son colocadas de maneira circular con forma de roseta para metelas na prensa ata o día seguinte.


O obxectivo deste prensado é quitarlles a graxa para evitar a putrefacción. Segundo explica o presidente da Asociación Amigos da Salgadeira de Moreiras, Miguel Ángel Pérez, “con este método de conservación aumenta a durabilidade, que pode ser de varios meses. Hai que ter en conta que as salgadeiras da zona abastecían a toda España e enviábanse as sardiñas a ultramar, cando as viaxes en barco ata Amércia duraban entre 40 e 50 días”.


Recuperar a tradición

Pérez sinala que esta actividade ten o obxectivo de recuperar a tradición. “Queremos contribuír a que as salgadeiras de Moreiras non morran”. Así, indica que tamén tratan de buscar “material novo para expoñer, a creación dun fondo documental e facer actividades que estean relacionadas coa salazón”.


Deste xeito, o presidente da entidade considera que a reprodución deste método artesanal “posiblemente sexa a actividade máis vistosa porque se recrea este proceso, que implicaba varios oficios”. Pérez lembra que “temos feito a recreación da chegada da dorna á salazón coas sardiñas”.


Ademais de manter viva a historia e a tradición, o presidente dos Amigos da Salgadeira recalca “a importancia que esta actividade tivo na nosa costa, non só en O Grove, onde chegou a haber 26 salazóns, senón en boa parte de Galicia. En toda a zona das Rías Baixas foi moi relevante”.


Unha vez finalizado o proceso, as sardiñas serán empregadas para algunha degustación ou facer algún agasallo. Pérez lembra que “houbo épocas en que a final de temporada facíamos unha comida coa apertura dos tabais, pero coa pandemia houbo que deixar esa parte e, de momento, non a volvemos retomar”.


En calquera caso, o presidente da asociación asegura que están abertos a peticións para que a xente interesada probe a sardiña en salazón para trasldarse así dous séculos atrás e poder revivir un pedazo da historia das salgadeiras mecas.

A sardiña en salazón ao estilo tradicional revive en Moreiras

Te puede interesar