“O tema ten unha parte popular e outra lírica, pero está pensado para cantar e para ser recordado”

“O tema ten unha parte popular e outra lírica, pero está pensado para cantar e para ser recordado”
O músico e compositor, ante o piano cedida

Queda só un mes para que todos os cambadeses poidan coñecer como soa a banda sonora que recordará á vila por sempre como Cidade Europea do Viño. Xosé Carlos Seráns (Riveira, 54 anos) converteuse esta pasada fin de semana no gañador do certame para elixir a composición. Músico na Banda de Santiago dende hai trinta anos e con máis de corenta no mundo da música, este recoñecemento non o colle de novo no mundo da composición. Obras súas xa se interpretaron no Certame Provincial de Bandas de Pontevedra e no Certame Galego de Bandas e conta con outras experiencias no seu currículum, como a participación no proxecto “Nosa Clave” para a Banda e coros de Santiago.

Como coñece este certame en Cambados e como decide participar nel?
Pois por un amigo. Temos un grupo de WhatsApp, fíxate como son as cousas, e mandou o enlace da convocatoria. Vino, calculei o tempo e comecei a traballar.

E por onde comezou?
O primeiro foi sentarme frente á letra e ver como poder encauzar a música, que tivese ademáis que ver coa letra. O Concello ofrecía dúas: Unha de Cabanillas e outra popular e eu empreguei ambas, facendo dous temas un pouco contrapostos entre si: Un un algo máis sentido, máis lírico, e outro moito máis festivo, coa letra popular. E parece que ao xurado lle gustou a idea e déronme o premio.

Foi algo menos dun mes de prazo para compoñer música para banda e coro. Un traballo intensivo?
A verdade é que o prazo era un pouquiño corto. Botei o tempo que podía, porque tiña que compaxinalo co meu emprego. Xeralmente adicáballe as tardes. Foi un pouco intensivo, teño que recoñecer, pero tampouco me custou en exceso unha vez que vin o texto. Pero despois hai que cadrar as cousas, porque ti podes ter a mellor idea do mundo, pero se logo non se pode plasmar no papel, ou os músicos non a van entender, ou se a banda non a pode facer... non ten sentido. Hai que ter en conta que vai ser interpretada por unha banda popular e, aínda que os rapaces hoxe están moi ben preparados, ten que ser asequible para eles. Tamén me deu un pouco de traballo facer unha cousa que resulte, pero que ao tempo sexa asequible, que non sexa difícil... Foi un pouquiño difícil conxugar todo iso, pero quedei contento con resultado. E parece que resultou.

É difícil falar dunha música sen escoitala, pero que nos pode adiantar?
O mellor de todo é vir o día 25 do mes que vén a escoitala a Cambados, na estrea. Como é unha obra miña, podería dicir cousas moi bonitas (ri), pero quen ten que xulgar é o público, o pobo a quen vai adicada.

Dixo antes que conxugaba algo popular con algo máis elevado. É unha composición moi complexa?
Non, é moi asequible. Non debemos esquecer que a Festa do Albariño é unha festa multitudinaria, popular. E non podes facer unha cousa moi complexa que a xente non vaia entender. Tampouco pode ser algo moi sinxelo, que diso xa hai moito, pero ten que enganchar á xente.

E tense que poder cantar?
Exactamente. E o que pretendo tamén é que, despois de cantala, que lles quede, que a recorden.

Xa puido interpretala con algún grupo ou banda ou de momento só soou na súa cabeza?
Na miña cabeza, si, pero, afortunadamente, a tecnoloxía moderna ten cousas moi boas e tamén soa no ordenador. Eu era dos que antes escribía a lapis e papel, pero ese era un traballo inmenso, había que borrar e volver corrixir... Agora coa informática as cousas soluciónanse moito. Claro, eu non son dos que lle compón o ordenador, senón que son eu o que lle da a información para que soe. Pero si, a tecnoloxía axuda moitísimo nisto.

Como soubo que gañara?
Chamoume o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal. A verdade é que quedei moi gratamente satisfeito e moi contento. Porque a todo o mundo lle gustan estes pequenos recoñecementos.

Que lle pareceu a iniciativa, en xeral, deste certame?
Coido que cabe felicitar ao Concello de Cambados por este proxecto. Eu son un músico de banda, vivo profesionalmente disto. E que haxa un Concello e un concelleiro valentes, que se decidan a facer unha composición para coro e banda, pois para xente coma vin ten un compoñente de gratitude moi importante, por iso, por pensar nas bandas. n

“O tema ten unha parte popular e outra lírica, pero está pensado para cantar e para ser recordado”

Te puede interesar