jueves 19.09.2019

Tino Cordal | “A nosa presenza conseguiu o cambio tras 28 anos do PP e queremos consolidalo”

CANDIDATO DE SOMOS CAMBADOS Tino Cordal concorre as urnas como garante para “consolidar” o cambio logrado en 2015, porque “foi a nosa presenza a que o conseguiu”, defende. As políticas sociais seguirán a ser unha das “pedras angulares” con especial atención aos veciños máis desfavorecidos e ao crecemento demográfico

O candidato de Somos Cambados á Alcaldía, Tino Cordal  | gonzalo salgado
O candidato de Somos Cambados á Alcaldía, Tino Cordal | gonzalo salgado

No 2015, Somos Cambados estivo a piques de lograr o tercer concelleiro e xunto ao seu líder, Tino Cordal, pasará de novo polas urnas co obxectivo de “gañar” a Alcaldía e “consolidar o cambio” iniciado hai catro anos, tras 28 anos de “absolutismo do PP”, sinala o alcaldable. De feito, defende que foi posible grazas a súa irrupción na escena política e notouse, sinaladamente, en materia social e xestión económica. “Haberá un antes e un despois coa chegada de Somos ao goberno”, suliña. Na súa candidatura repite Xurxo Charlín e súmase xente moza con “capacidade, honrada e traballadora, que non busca un salario nin un posto” porque o movemento crece, “e de maneira espectacular”, afirma.

Hai catro anos presentáronse como unha plataforma especialmente sensible cos máis desfavorecidos. Cumpriron as expectativas creadas?
Sen dúbida. En xestión económica e en política social, haberá un antes e un despois coa chegada de Somos ao goberno. Cumpriuse o 80% do programa e nesta materia, todo o prometido. Fixemos un forte esforzo e é o máis salientable deste goberno e do mandato porque incrementamos o gasto social nun 60% cunha ambiciosa política (novo plan de emerxencia social, creación dun banco de alimentos, bonificacións, etc.). Estamos moi satisfeitos.

Algo do que se sinta especialmente orgulloso?
En xeral de toda a política social e en concreto da posta en funcionamiento do centro de día. Foi probablemente o asunto que máis tempo me consumiu e o resultado é moi satisfactorio. Tamén da defensa da sanidade pública. A pesar de que non depende de nós, conseguimos concienciar á cidadanía da importancia de defender este dereito básico para mantelo porque se non, vai ver como o perde pouco a pouco, como leva facendo a Xunta e o PP na última década. Fíxose unha manifestación cun millar de persoas, algo sen precedentes na historia de Cambados. 

Quedou pendente traer a sede da DO Rías Baixas. A pesar dos moitos apoios recabados tamén hai moita resistencia, pero volve ao seu programa. Aínda cre que é factible?
Igual que no centro de día e a atención sanitaria gustaríame ter tido máis apoio doutras organizacións e partidos, sinaladamente do PP. O único que fixo foi criticar, e defender os dereitos sociais, cuestións  coma estas, de interese común para os veciños independentemente de a quen voten, non deben ser unha cuestión ideolóxica nin de partidos. Coa sede do Consello o noso obxectivo é que antes de rematar o convenio co Concello de Pontevedra, no 2028, haxa un acordo para trasladala a Cambados. Son tantas as razóns para que estea aquí e non en Pontevedra, que non ten nada que ver co albariño, que me parece unha inxustiza histórica, que quedaría reparada, ademais de contribuír a dinamizar a economía local, e ademais é algo insólito. Gustaríanos ter contado con outros apoios, pero bueno, Somos non se debe nin recibe ordes de ninguén, así que seguiremos pelexando co opoio ou non doutras forzas.

O seu socio de Pode ameazou en varias ocasións con romper por “intromisións” de Somos más súas competencias. Teñen algo do que arrepentirse?
Non é certo ata o punto de que agora, todo o que reflectimos nos nosos folletos electorais, é traballo realizado por Somos dentro das súas competencias.

Estamos en tempos de coalición. Repetiría socios?
Non quero poñer o carro diante dos bois, presentámonos co obxectivo de gañar e si, parece claro que haberá que negociar de novo, pero Somos sempre estivo a disposición de conformar gobernos que pensen nos veciños. Cando nacemos, hai catro anos, o obxectivo era cambiar 28 anos de goberno absolutista do PP e queremos consolidar ese cambio porque foi a nosa presenza a que o conseguiu, a que logrou que se removera o escenario político de tres partidos. Loitamos dende antes da investidura e despois, dende o primeiro día estivemos a disposición dos veciños pa. Non nos agarramos a ter un salario, nin un cargo porque a xente de Somos non está en política para iso, senón para traballar sen pedir nada a cambio.

Entre as súas propostas están crear un plan de natalidade é outro de retorno de mozos emigrados. Parece moi ambicioso.
Ao igual que pasa noutras localidades, Cambados non acaba de medrar. Temos que lograr que xente nova se instale e cree unha familia na vila e preciamos un plan para incentivalos con medidas como conceder 1.000 euros por fillo durante, en principio, dous anos. Tamén queremos ampliar a gardería municipal con prazas suficientes e, de feito, xa hai aprobada unha reforma por iniciativa de Somos; e que as familias sen recursos poidan ter outro tipo de apoios como dentista e oculista gratuítos. E o plan de retorno incluiría facilidades para que regresen os moitísimos mozos que emigraron porque aquí non tiñan traballo, por exemplo, en materia de emprendemento, como xa fixemos. É ambicioso, pero de novo a política social e en materia demográfica para consolidar un Cambados de futuro, que é o noso lema, van ser pedras angulares do noso programa de goberno. 

E en materia económica, que destacaría?
O traballo do concelleiro Xurxo Charlín foi excelente. Saneou as contas, reduciu a débeda en máis de 1,6 millóns, fixo a maior baixada de impostos da historia, conseguiu bonificacións para máis de 2.000 familias... Ademais de que reducimos o desemprego en máis de 600 persoas. 

Somos tivo un papel activo?
E que Somos tivo un papel activo na promoción económica e só hai que ver o polígono. Estaba desatendido, parecía unha selva, e fíxose un importante esforzo por enchelo e por impulsar precisamente a creación de emprego. Os concellos non teñen competencias directas, pero si temos un papel relevante á hora de habilitar mecanismos para favorecela.

E para o sector do mar?
En todo momento apoiamos as súas reivindicacións, pero ademais promocionamos Cambados e nos plantexamos facer unha feira de produtos anual e nacional para consolidar o traballo dos traballadores e das empresas.

Comentarios