Valentín Otero | “A miña recuperación foi un milagro. As posibilidades eran pequenas”

Valentín Otero |  “A miña recuperación foi un milagro. As posibilidades eran pequenas”
Valentín Otero na súa vivenda do Mosteiro, en Meis | mónica ferreirós

A Valentín Otero entrecórtaselle a voz cando, respondendo ao teléfono, apunta que acaba de chegar á súa casa do Mosteiro, no concello de Meis. De 60 anos de idade e cunha enerxía que desborda el é un dos nomes que se atopan detrás das 117 altas que se teñen dado xa na área sanitaria Pontevedra-O Salnés a pacientes infectados polo Covid-19. Valentín recoñece que o camiño para a recuperación foi “duro”. 

Como e cando foron eses primeiros síntomas que o alertaron de que algo non ía ben?

Empecei a atoparme mal, con febre, e decidín chamar ao teléfono da Xunta activado para o tema do coronavirus. Alí dixéronme que tiña que falar co centro de saúde. De primeiras estaba na casa tratándome con paracetamol e con outra medicación que me deron. Días despois púxenme peor e xa me levaron a Montecelo. Primeiro estiven un par de días en planta, pero empecei con problemas respiratorios graves, cunha neumonía bilateral, e iso implicou que perdese toda a capacidade para respirar. Fun directo á UCI donde estiven en coma inducido 12 días.
 
Como se sentía fisicamente en todo este tempo? Era consciente do que estaba pasando? 

Durante o proceso de sedación... buf... vives nun mundo que non ten nada que ver coa realidade e iso faite levar a mundos e sitios realmente complicados. Para min foi a parte máis difícil de todas, poder superar iso e saír daí. Despois na parte clínica todo o traballo que fixeron os profesionais é para resaltar. Mellor imposible.

Momentos difíciles nos que non se ten a un familiar ao lado...

En serio que no, non tiña á miña familia, pero o persoal do Hospital Montecelo fíxome sentir como se estivera rodeado dos meus. Cando empecei a ter coñecemento xa falaba a través do wasap ou facía algunha videochamada.

Como vive a familia todo ese proceso?

Pois como podes supoñer, con moita preocupación. Eu estiven máis alá que aquí. Diría que a palabra correcta para definir o que sentiron foi desesperación. É unha situación que ninguén esperaba, nin eu mesmo. De feito non teño nin idea de donde puiden coller o bicho.

Que lle diría á xente que está loitando nestes momentos contra o coronavirus?

Pois que vaia ao médico canto antes se se atopa mal, que non espere moito. Eu estiven en coma inducido, na UCI. Podo dicir que é complicado, pero hai que loitar. Hai que loitar contra este puñetero virus porque se pode curar, pero hai que collelo a tempo. Eu non quero ser un heroe, porque non o son, pero hai que confiar e poñerse en mans dos profesionais. Agora teño que esperar unha semana aislado a que me fagan o PCR e logo poderei saír, porque se supón que estarei inmunizado.

Valentín Otero | “A miña recuperación foi un milagro. As posibilidades eran pequenas”

Te puede interesar