Os versos que Manuel María adicou a Cabanillas saen á luz tras un achado medio século máis tarde

Os versos que Manuel María adicou a Cabanillas saen á luz tras un achado medio século máis tarde
Diario de Arousa-2016-05-19-011-c48645ec_1

Probablemente agardou esquecido durante case 60 anos. Foi o poema que Manuel María, a quen este ano lembran as Letras Galegas, adicou ao cambadés Ramón Cabanillas, tras coñecer a noticia do seu pasamento, en novembro de 1959. 
O poeta de Outeiro de Rei, entón recén cumpridos os 30 anos, escribía unha emocionada oda en recordo do “Poeta da Raza” que titulou “Verbas a Don Ramón Cabanillas Morto” e que firmou en “1959, Nadal”. 
Non se tiña constancia da existencia desta creación, inédita pois. Ata onte. En xustiza, ata antonte, o propio 17 de maio. Pasaban as dez da noite desa data tan sinalada cando a neta do inmortal bardo cambadés, Aurora Vidal Cabanillas, “Pitusa”, chamaba por teléfono a José Baamonde, técnico de Cultura no Concello, quen ía ser o encargado de conducir o acto da homenaxe que cada ano fan os escolares da vila ao monumento a Cabanillas na Calzada, tamén como celebración do Día das Letras. 
A chamada, revelaba onte xa para todos Baamonde, estaba cargada de emoción por un achado de última hora, o deste poema, que durmía ata entón entre os papeis relacionados co avó ilustre e que soubo esperar paciente máis de medio século para a descuberta perfecta: A que permitiría a súa lectura o día en que os nomes de Manuel María e o de Ramón Cabanillas se mesturasen na vila do Albariño fronte a centos de escolares e veciños. 
Así, ao mediodía de onte, Baamonde deu lectura ao texto, o tributo viaxeiro do tempo: “Fuches un home sinxelo, sen asomo de mal”, cantou Manuel María ao cambadés: “A túa morte deixounos abraiados, foi a voz de Galicia a que perdemos”.

o pregoeiro do albariño
A relación de Manuel María con Cambados, sen embargo, foi máis aló daquel contacto de admiración co mestre de poetas. De feito, en 1986 visitou a vila para participar como pregoeiro oficial daquela edición da Festa do Albariño, acontecemento do que se conservan algunhas instantáneas que hoxe adquiren tintes históricos. 
A que acompaña estas páxinas é unha delas: Manuel María, xunto ao entón alcalde de Cambados, Xoán Antonio Pillado, que pechando outro círculo asistía tamén onte aos actos da Calzada e lembraba con nós os recordos daquel acontecemento, para explicar como acabara o autor de “Os Soños na Gaiola” cantando as bondades do viño de O Salnés.
“Manuel María xa estivera en Cambados antes. No 1976, no centenario de Cabanillas, viñera para dar unha conferencia. Eu tamén o coñecía anteriormente, tamén pola relación de estar no mesmo partido, pero non só por iso”. “El acabou vindo como pregoeiro pola súa calidade literaria”, como demostrou no seu discurso, que tamén se conserva e do que onte se leron algúns anacos. “Recordo que fora relacionando aos grandes autores galegos con diferentes viños. Coido que el tamén merecería que lle puxeran a un viño o nome del”.

irmandades da fala
Centos de alumnos dos colexios de Cambados completaron este mércores a homenaxe frente ao monumento a Cabanillas, coa lectura de poemas e actuacións musicais, unha festa da cultura galega que este ano tivo tamén outro recordo especial, o que se adicou ao centenario da creación das Irmandades da Fala, tal data coma onte, en A Coruña, e nas que o poeta de Fefiñáns tivo un papel clave.
Os concelleiros Víctor Caamaño, Xurxo Charlín e Tino Cordal representaron ao Concello na colocación dos ramos na tradicional ofrenda floral na Calzada, xunto á citada Aurora Vidal Cabanillas, nun acto cuxas futuras reedicións anuais teñen difícil volver a xuntar máis efemérides e chiscadelas históricas.

Os versos que Manuel María adicou a Cabanillas saen á luz tras un achado medio século máis tarde

Te puede interesar