Víctor Caamaño: “Repetiría pacto, pero o ‘voume co PP’ é inaceptable e é preciso un obxectivo común”

Víctor Caamaño: “Repetiría pacto, pero o ‘voume co PP’ é inaceptable e é preciso un obxectivo común”
_MG_3069_13551401

Estas serán as cuartas eleccións para Víctor Caamaño, pero non pensa na retirada se non en implantar o “proxecto integral” que o BNG ten para Cambados. Para iso rodeouse dun equipo con “experiencia política e organizativa” e calquera deles, “podería sustituírme en calquera circunstancia”, asegura. Orgulloso do papel dos nacionalistas no cuatripartito, asegura que, de repetir socios, habería que cambiar moitas cousas. O prioritario: “Plantexar un proxecto común de goberno” e priorizalo por enriba de “egos” partidistas. E tamén traballar a lealdade porque algúns socios “non estiveron á altura das circunstancias”, engade.

O BNG pagou un alto prezo polo pacto, renunciando a unha reivindicación histórica como a peonalización de Fefiñáns, aínda que ao final se fixo. Mereceu a pena?

Si, mereceu a pena romper cunha rutina de 28 anos e moitos vicios e o papel do BNG foi imprescindible para que saira adiante respectando os resultados electorais e para que aguantara. Non saímos disparando na prensa e actuamos para baixar egos e poñer os intereses dos veciños por diante dos partidistas.

Entón reeditaría o pacto?

Si, pero con outras circunstancias e condicións de partida. Estes anos tamén nos serviron a todos para aprender sobre o funcionamento e problemas que poden ter gobernos deste estilo.

Unha cuestión irrenunciable?

En principio non temos liñas vermellas, pero a ver o que realmente quere negociar o resto, e hai que respectar determinadas cousas.

Como cales? 

Primeiro plantexar un obxectivo común de goberno e darlle prioridade, non deixar que cada un se adique exclusivamente as súas áreas; non pode haber catro gobernos diferentes, hai que ter valentía para formular proxectos e valoralos entre todos. Hai que mellorar a responsabilidade e a lealdade, respectando o negociado. Ademais houbo un mal reparto, hai que facelo doutro xeito. Collimos unha organización de 28 anos e a estrutura do Concello non era a axeitada. Ás veces solápanse as competencias e acabas batendo á hora de tomar decisións e priorizar. Tamén hai que asumir que non se poden repartir áreas se non hai traballadores para levalas; somos políticos, podes marcar unhas liñas, pero ten que haber técnicos, como en Medio Ambiente: non había ningún e hoxe hai dous. E bueno, non podemos entrar outra vez en “voume co PP”, como estivemos tres anos, é inaceptable. 

Entón houbo un risco real de moción de censura?

Houbo porque unha persoa falou en moitas ocasións de irse, aínda que no último ano houbo un pouco de paz. Non podes ser eficaz se cada dous meses se dan conflitos de que o goberno rompe.

Esa persoa é o socio de Cambados Pode. Á historia pasará a “bronca” pública que lle botou nun pleno pola comisión da Cidade do Viño. Decepcionáronlle outros socios?

A lealdade é importante e houbo máis que non estiveron á altura das circunstancias, a pesar de todo, isto foi o máis grave. Foi unha chamada de atención de que non iamos estar cumprindo os caprichos dunha persoa.

Implantaron a compostaxe, crearon un gran proxecto sobre Cabanillas… Quédalle algunha espiniña?

Quedan cousas pendentes. A parte de problemas políticos houbo administrativos porque o Concello multiplicou a súa actividade e en ocasións colapsou por non ter persoal fixo e estable, principalmente pola falta de estabilidade nos postos de máis peso (Secretaría, Intervención, etc.). Pero para o cidadán é unha vantaxe ter xente desenvolvendo todas ás areas porque antes algunhas eran ficticias. Agora, tampouco ten sentido repartir departamentos sen orzamento e persoal, así que hai que dimensionar os cadros de persoal e facer un cambio radical no modelo orzamentario. Aínda que levanta reticencias, é preciso aumentar partidas prioritarias como a do mantemento dos colexios –teñen 40 anos– e reorganizar Cultura, como xa fixemos en Deportes, e ter técnicos estables en Medio Ambiente porque hai aspectos imprescindibles como a reciclaxe e a compostaxe e recuperar a desembocadura do Umia. 

En materia de participación cidadá fixeron unha importante aposta, pero os consellos parroquiais non saíron adiante. É difícil implicar aos veciños?

Houbo un logro moi importante: a creación do regulamento de participación. O do consellos hai que retomalo e co paso do tempo verase como o que son, organismos para aportar, non para mandar.

Herdaron o proxecto do Saco de Fefiñáns, pero non se alcanzou o saneamento integral. Que sucedeu?

A obra foi imprescindible e as analíticas daban mal de xeito puntual, pero nel desembocan regatos con vertidos doutros concellos onde non podes actuar. Ademais quedaban pendentes obras e, de feito, se fixeron moitas. Recentemente tivemos unha reunión con Augas de Galicia para propoñerlle obras urxentes como a da EDAR do Facho e outros puntos negros que requiren inversións que o Concello non pode asumir e isto afecta ás rías, onde traballa o noso sector produtivo máis importante.

Ademais destas cuestiones nas que veñen incidindo, que propoñen de novo para o próximo mandato?

Precisamos empezar a traballar nun PXOM para o desenvolvemento integral da vila, o proxecto de pobo que o PP deixou no caixón non nos vale. Se peonalizou Fefiñáns –fomos pioneiros, o pedimos por primeira vez no Parlamento en 1996–, pero non vale poñer dúas macetas, é preciso un estudo técnico e facer un proxecto de peonalización. E combinar isto coa desafectación dos terreos portuarios.

É cuarta vez que se presenta, será a última?

Estou nun proxecto político no que creo dende antes de ser militante e o que pase en catro anos, agora dame igual. Este mandato foi importante para coñecer máis o funcionamento do Concello e profundizar na nosa capacidade de xestión. O BNG somos os que temos máis cultura política, no bo sentido de traballar en equipo, honestidade... Iso é unha vantaxe, ademais de que temos un proxecto integral, sabemos a onde queremos chegar en todos os ámbitos, así que máis BNG no Concello lle viría mellor a Cambados.

Na pizarra

Víctor Caamaño escribe a palabra “honestidade” con pulso firme  e determinación. Non é a súa primeira pizarra; leva a docencia no sangue aínda que leva catro anos adicado en exclusiva ao servizo público. Decántase por este valor, como fundamental na política porque “a nivel vital non vexo diferenza. Como persoa é imprescindible e como político tamén. Parece que son diferentes papeis, pero segue sendo o mesmo”, explica.

Mañá en Cambados, entrevista a: Fátima Abal, candidata do PSOE de Cambados

Víctor Caamaño: “Repetiría pacto, pero o ‘voume co PP’ é inaceptable e é preciso un obxectivo común”

Te puede interesar