Vilagarcía dignifica a historia e cultura galegas cunha nova edición do Folk no Alobre

Vilagarcía dignifica a historia e cultura galegas cunha nova edición do Folk no Alobre

A recuperación da típica romaría galega e urbana é o principal obxectivo da Asociación Pésdebarro á hora de pór en marcha a segunda edición da iniciativa Folk no Alobre. Trátase dunha proposta musical que, por segundo ano consecutivo, se desenvolverá nas inmediacións do parque Valdés Bermejo para convertilo nun espazo para o intercambio xeracional, a aprendizaxe da cultura galega e, sobre todo, para a diversión sen límites. As actividades presentáronse onte na parte baixa deste parque vilagarcián, xusto no escenario no que se desenvolverá o programa este mesmo domingo.
Amplio programa
O certo é que as actividades do segundo Folk no Alobre empezarán ao fío das once da mañá cunha visita guiada que partirá do convento de Vista Alegre e que percorrerá tanto o Castro Alobre como o propio Valdés Bermejo.
Ás doce do mediodía empezará o obradoiro de construción de instrumentos de cana con Xosé Lois Lucio. Será a oportunidade de facer xoguetes con material medioambientalmente sostible e, ao mesmo tempo, recuperar aqueles que estaban esquecidos na memoria.
O xantar converterá ao Valdés Bermejo nun gran picnic. Comezará ás dúas da tarde coa animación de Cé Orquestra Pantasma. Cada participante poderá levar a súa comida, dado que a organización habilita mesas e sillas. De todos xeitos tamén haberá un bar para aqueles que prefiran non levar de xantar.
Ás catro da tarde comezará o obradoiro de danzas do mundo con Rocío García. Os concertos comezarán ás seis da tarde coas actuacións de Os demos da petaca, Ardentía, Tres pesos e Tanto nos ten. A cita festiva prolongarase ata as doce da noite, dado que o público é fundamentalmente familiar. l

Vilagarcía dignifica a historia e cultura galegas cunha nova edición do Folk no Alobre

Te puede interesar