Vilanova - “O PP leva os mesmos proxectos en todas as eleccións: O cartel de O Terrón xa perdeu ata a cor”

Vilanova - “O PP leva os mesmos proxectos en todas as eleccións: O cartel de O Terrón xa perdeu ata a cor”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-67b57513

Francisco Javier Dios ten 44 anos e é veciño de Vilanova. Ten experiencia na asesoría de empresas e na banca e, aínda que sempre desde a esquerda, confésase novo na política: Nunca fora en listas e é afiliado do PSOE desde xaneiro. Hoxe é candidato á Alcaldía.

A súa chegada ao PSOE como candidato levantou malestar, porque o actual portavoz, José Luis Tourís, sabíase alcaldable.
Iso foi un malentendido, nada máis. Desde o PSOE sempre quixeron levar unha persoa nova. Xa no 2011, tras as eleccións, dixéronme que querían renovar o partido, se podían contar comigo e eu dixen que si. Sempre mantiven o contacto, pero non me metín ata agora.

E por que agora?
Xa no 2011, co Movemento 15-M, participei nalgunha manifestación. Éntrache a vena de querer cambiar isto e a única forma de facelo é mollarse.

Hai indignados en Vilanova?
Hai descontento. Iso danos forza para seguir traballando. Pero non nos confiamos.

O que fora anterior candidato do PSOE en 2011 e actual secretario, Jorge María López, ao final non foi edil. Se vostede non sae elixido alcalde tampouco quedará de líder da oposición?
Espero que si. O tema de Jorge María López foi que el é funcionario e non era compatible unha cousa coa a outra. Se saíra elixido alcalde podería pedir a excedencia no seu posto. Pero o líder da oposición non ten soldo no Concello: Traballa e perde cartos. E el ten familia...

Ao PSOE custoulle arrincar esta lexislatura en Vilanova? Ao comezo tivo varios portavoces en poucos meses e o BNG foi máis activo nos Plenos...
Eu non o vivín. Pero o que se propuxo nesta lexislatura, por responsabilidade, foi aguantar os plenos completos. Porque noutros mandatos, ao facer unha oposición como se debe facer, botaban fóra aos concelleiros e non os informaban. Así que a proposta de permanecer nos plenos para enterarse de todo, valeu máis... Gonzalo Durán fai o que quere. É o seu cortixo, fai e desfai sen consultar, sen ter en conta as necesidades da xente.

Se vostede queda na oposición, darase máis guerra?
Se podemos, si. Se o PP non saca maioría absoluta, e niso confiamos, haberá cambio ou ben unha boa oposición.

O PSOE xogou unha baza forte nestes anos, coa denuncia de 61 contratos no Concello supostamente irregulares. Pero o xulgado arquivou o asunto. Unha batalla perdida?
Son cousas da Xustiza. Que lle vas facer. Se presentas unha denuncia sobre unhas contratacións, con informes técnicos que avalaban que eran ilegais e se arquiva... Aí nós xa non podemos facer máis.
Estes días volveron á carga, criticando que os proxectos das grandes obras na vila os redacten arquitectos familiares de membros do goberno. Irán ante a Xustiza?
Non acabará en tribunais.

Pero se o fan público, entendo que terán reparos. Éticos?
Non sabemos se é legal. Pero dende logo ético non é. Por iso se denunciou publicamente: Para que a xente saiba o que hai.

A débeda de Vilanova é das máis altas porcentualmente. Teñen algunha proposta para baixala?
A redución de gastos correntes, a optimización do consumo, como o eléctrico... Baixar gastos e non subir impostos, como o catastrazo que queren facer aquí. E saír da recadación a través do ORAL, que  leva o 5% en cada recibo.

O candidato do PP e alcalde acusounos de levar nos folletos electorais a finalización e inauguración de obras proxectadas ou iniciadas polos populares.
Claro. É certo. Levámolas no programa porque son obras que deberían levar moitos anos feitas. Durán lévaas todos os anos no programa e nunca as fai, comézaas a quince días das eleccións, nalgúns casos só con carteis. E se non, o do talaso de O Terrón: Menos mal que o cartel é forte, porque xa leva máis de dez anos alí. O malo é que xa non ten cor... Por iso nós si nos comprometemos a facelas e a acabalas.

E aparte disto, que leva o PSOE no programa?
Queremos centralizar empresas do sector nun polígono do Mar, preto de Tragove, no que sería máis sinxelo evitar verquidos. Tamén unha lonxa agrícola para dar saída á horta. En turismo, recuperar a Romaría Internacional, desestacionalizar a través de Julio Camba e Valle-Inclán e rematar o paseo das  Sinas a Cambados. Queremos facer cursos de idiomas en intercambios con estranxeiros. E potenciar o polígono de Baión, case baleiro, con incentivos ás empresas. n

Vilanova - “O PP leva os mesmos proxectos en todas as eleccións: O cartel de O Terrón xa perdeu ata a cor”

Te puede interesar