Vilanova - “A xente non se dá conta do que pasa en Vilanova? Ou dáse e cando vai votar pode o medo?”

Vilanova - “A xente non se dá conta do que pasa en Vilanova? Ou dáse e cando vai votar pode o medo?”
Diario de Arousa-2015-05-19-013-6823229d

Paula Villanueva é veciña de Tremoedo, de 36 anos, licenciada en Dereito. Agora é ademais candidata á Alcaldía polo BNG, tomando o relevo á cabeza da formación a Carmela Alfonso.

Como chega vostede a ser a nova cara do Bloque na vila?
Bueno, eu xa era militante do BNG desde hai anos e fora nalgunhas listas. Este ano facía falla un relevo e pensouse que eu podería afrontalo: Unha persoa nova, muller, preocupada polo Concello... Aínda que Carmela Alfonso deixou o listón moi alto.

Deu guerra, iso é certo.
Si. Coido que tanto ela como Juan Luis Nogueira fixérono moi ben,  como o resto do equipo, con sinceridade, transparencia e ganas de mellorar. Por iso estou contenta de estar onde estou.

Porén, ao BNG custoulle como nunca pechar a lista.
Si. Porque hai medo para aparecer nela. Hai xente que di que si, que te apoia, pero que na lista non pode ir. Así que imaxina para ser candidato, que é a cara, a imaxe...

Pero medo por que?
Porque se teñen traballo, teñen medo a perdelo; se non teñen, teñen medo a non poder conseguilo...

Entendo que fala de supostas represalias do PP desde o goberno?
O voto é secreto. Pero o PP leva moito control sobre os votantes: Quen vai votar, que fan, que non fan... Ese control, ao final, o que fai é que a xente se asuste. E máis, porque os veciños ven como se trata aos que non son partidarios do PP.

Entón coida que se da un trato diferente aos veciños en función das súas simpatías políticas?
Si, claro. Ti vas facer calquera xestión ao Concello e vano mover todo dependendo de que partido sexas.

Pero vostede si deu un paso adiante, a oposición segue a presentarse...
Eu decidín presentarme, tal vez, pola educación que recibín. E porque o do medo, sinceramente e a estas alturas, dame moita, moita pena. Podo entendelo, tal vez, na xente maior, da época da posguerra, que pasou moita fame. Pero a xente nova... Dóeme moito. Non se dan conta de que aquí non hai traballo, que a vila está a morrer?

Pois aquí os resultados electorais son claros. Aplastantes.
É moi difícil cambialos, si. E vai selo aínda máis. Porque, vale, é estupendo desde o punto de vista do pluralismo que aparezan novas forzas políticas contra o PP, todas de esquerdas. Pero é que así a esquerda divídese, así que ao final iso é xenial para o PP, cuns votantes moi fieis.

Porque a xente de Podemos falou co BNG para unha posible lista común, pero ao final apareceu outra candidatura, Gañemos. Por que non foi posible o acordo?
Porque o que non se pode é vender fume e cousas irreais. Hai que ver cales son os problemas aquí e buscar xeitos de arranxalos. Nós queremos gobernar con transparencia e coa verdade por diante. E niso chocouse. Ademais nós queremos estar gobernados pola nosa terra e non que nos manden directrices desde Madrid. Por iso somos o Bloque Nacionalista Galego.

E imaxino que o BNG tampouco aprobará as obras e proxectos que está a desenrolar o grupo popular.
Sempre digo que debería haber eleccións cada dous anos e non cada catro, para que así se fixeran cousas. Ou polo menos para que puxeran carteis de “estamos en construcción”, que é o que fan.

Electoralismo?
Claro. O spa ese de O Terrón... E que o levan prometendo desde hai vinte anos! A miña pregunta é: Pero a xente, realmente, non se dá conta? Ou daste conta e cando vas votar pode o medo? Non se pode vivir con medo.

E que ten pensado o BNG para Vilanova no programa?
Reactivar a economía local e o emprego a través do chan industrial. Porque temos un polígono en Baión que está abandonado. E o de Tremoedo xa é un caso aparte. Nós propoñemos naves en aluguer para captar empresas que traian empregos, axudar a sociedades que contraten a desempregados, con bonificacións fiscais, e queremos promover axudas á formación. O turismo tamén ten que ser prioritario e o das bandeiras azuis é que me cae a alma aos pés: Temos moitos areais, pero somos o único concello que non ten ningún destes distintivos... E a xente escapa de Vilanova. Logo precisamos un centro de día e mellorar todos os colexios e avenidas, pero non só en Vilanova, tamén nas parroquias. n

Vilanova - “A xente non se dá conta do que pasa en Vilanova? Ou dáse e cando vai votar pode o medo?”

Te puede interesar