“Xa non se pode entender que o goberno decida en función da cor política de cada veciño”

“Xa non se pode entender que o goberno decida en función da cor política de cada veciño”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-23847ffe_2

David José Castro Mougán ten 43 anos, é viticultor e responsable dunha adega e vive a cabalo entre Besomaño e Barrantes. En 2007, última vez que se presentara Independientes por Ribadumia (IR), concorrera no número sete. Hoxe substitúe como candidato a José Ramón “Nené” Barral, fundador do partido tras a súa marcha da Alcaldía e do PP. Castro Mougán asume o reto de loitar polo bastón de mando logo dun periodo no que a formación decidira non presentarse ás municipais de 2011.

Que cambiou dende hai catro anos para que IR pasase de non presentarse entón a si facelo agora?
Naquel momento entendiamos que non era o mellor intre para facelo. Pero actualmente cremos que si é momento de presentarnos. Houbo unha serie de veciños que así nolo pediron, hai electorado que cre na nosa posición política e entedemos que, marcados pola situación económica, hai que facer un xiro.

Tivo algo que ver que as enquisas deran en 2011 moi bos resultados ao PP en todos os ámbitos e agora baixara esa previsión?
Podería ser un motivo. Pero cremos que non é ese, senón que somos unha opción política distinta á que está neste Concello. Nós somos distintos e podemos recoller todas esas inquedanzas veciñais que entendemos que non se están a respetar.

Vense con máis forza que hai catro ou oito anos?
Nós presentámonos con moita ilusión, para poder cambiar a  maneira de facer as cousas. Cremos que temos que gobernar para todos os veciños, sen mirar as cores políticas que ás veces marcan algunhas decisións.
Cre que o goberno actual mira a cor política dos veciños e decide en función diso?
Si. Non cabe dúbida de que tenden a iso. O que é unha mágoa. Porque podemos entender que hai uns anos se puidese pensar desa forma, pero no futuro e tal e como avanza a sociedade parécenos pouco serio.

Houbo unha negociación avanzada co PSOE para ir xuntos nunha única lista, pero nos últimos intres IR dixo que non. Por que?
É certo. Houbo algunha reunión, aínda que eu non asistín. Ao final non fructificou porque cada un defende as súas ideas, que son moi respetables, pero evidentemente nós temos outra visión.

Esa visión diferente foi no ideolóxico ou á hora de estruturar unha lista?
Creo, polo menos que a min me conste, que non se chegou a falar de estruturar unha lista. Por iso penso que máis ben é ideolóxica.

E entón, que ideoloxía ten IR?
Somos un grupo de veciños que queremos abarcar todas as sensibilidades políticas. Hai que tratar de sumar e entender que todas as ideas son boas.

Pero a quen están máis próximos? Ao PP por seren en orixe unha escisión popular ou ao PSOE por ter negociado con eles?
A nosa candidatura recolle distintas sensibilidades políticas, con xente de diferente pensamento. Iso é o bonito da política, que todas esas sensibilidades creen un proxecto.

Como decide ser candidato?
A maioría do equipo quixo que fora eu e, depois de pensalo, como tamén me gusta a política, aceptei. Pero o máis importante é o grupo: Mozo, con moita ilusión, con experiencia e preparado.

É a primeira vez que se presentan nun escenario de 13 edís e con cinco forzas. Ven partido?
Si. Hai opcións. E o máis ilusionante é que cada día vemos que os veciños apóiannos máis. Había moita xente de Ribadumia que non encaixaba en ningún partido e que se identifica con nós.

Que fixo mal este goberno?
Nós presentámonos coa ilusión de sumar, non de restar. O que está feito, está feito. Haberá cousas que eran prioritarias, outras que non. Faltan redes de pluviais, saneamento, servizos básicos, corrixir deficiencias en estradas... Pero non queremos caer no desprestixio e na crítica: Ribadumia ten un pasado, ten un presente e nós traballamos para o futuro.

E que futuro queren en IR?
O benestar dos veciños. Para logralo ten que haber economía e para esta, creación de postos de traballo. Pero ten que ser emprego estable, serio, evitando a precariedade. Para conseguir todo isto hai que axudar e promover a creación de empresas, apoiando e desenrolando o que xa temos.

“Xa non se pode entender que o goberno decida en función da cor política de cada veciño”

Te puede interesar