Xironsa ultima o seu festival de agosto con Sonoro Maxín, Treixadura e outros artistas confirmados

Xironsa ultima o seu festival de agosto con Sonoro Maxín, Treixadura e outros artistas confirmados
Algúns dos compoñentes de Treixadura que actuará nesta nova edición do Festival Xironsa | cedida

A Asociación Cultural Xironsa celebrará en agosto o seu festival e xa conta con algúns dos grupos que a acompañarán nesta edición que será, se cabe, aínda máis especial pois a entidade cumpre 25 anos de existencia. Entre os participantes estarán Treixadura, Leilía, O Sonoro Maxín ou Xurxo Souto, entre outros. Ademais haberá actividades especialmente pensadas para os cativos e a segunda edición da Feira de Artesáns, na que se poden anotar os interesados.
O festival terá lugar os días 25 e 26 de agosto, na Praza da Seca, en Corvillón, e a asociación xa avanzou a maior parte da súa programación tras outras celebracións especiais para conmemorar esta efeméride. Unha das máis destacadas foi a gala onde reuniu a ex profesores e ex alumnos para gozar da xornada coa música e facer unha homenaxe ao cura José Crespo e a Montse Prado, precursores da asociación e que foron nomeados socios de honor. .
Detalles
O festival tamén leva uns anos celebrándose –dezasete en concreto– e xa é un referente na axenda de eventos do verán nos que a tradición galega está moi presente en todos os actos a través de diferentes manifestacións culturais, destacando a música. En esta edición contará co polifacético Xurxo Souto que ofrecerá un monólogo con actuación musical para promocionar o seu libro “Contos do mar de Irlanda”. Tamén estará O Sonoro Maxín; a suma das bandas Lamatumbá e Cinnamon Gum que xa ten percorrido centos de escenarios en solitario ou en compañía de artistas como Manu Cha, Syrano, etc.
O son das pandereteiras chegará da man das compoñentes de Leilía que destacan pola súa “aposta pioneira e atrevida”, segundo contan desde a organización. Tamén participarán Abobriga, 11 amantes da música tradicional que “nos deleitarán coa súas versións”; o Cuarteto Caramuxo que, entre outros galardóns, foi Premio Martín Códax 2014 na categoría de Folque; e Treixadura que é un dos grupos de referencia con más de dúas décadas de produción musical traducida en seis traballos discográficos e unha variada gama de colaboracións.
Durante todos estes anos, Xironsa creou escola e tamén estará presente no festival e máis concretamente coa actuación de Boudebou Gaiteiros. Trátase dun grupo de catro rapaces que saíron das súas aulas, “onde se formaron como músicos e conseguiron consolidarse dentro do panorama musical tradicional en toda a nosa contorna”, segundo a entidade. As mesmas fontes destacaron que teñen por obxectivo fomentar a música tradicional, os instrumentos asociados e dende unha perspectiva actual, pero “sen olvidar as súas orixes”.

Versións blues e soul
O programa tamén contará coa proposta de Blues do País e O Sindicato da Verbena, as bandas nas que militan Bieitta James e Pepe King e que transforman temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas.
Os máis pequenos tamén terán os seus momentos con Rudie Dudi que ofrecerá o seu espectáculo interactivo e familiar “Clowntaminación”. Tamén haberá maxia co Mago Dani García e outras sorpresas aínda por desvelar. De feito, a programación aínda non está pechada e espérase algunha confirmación máis nos próximos días. Ademais segue aberta a inscripción á Feira de Artesáns, que foi unha das novidades introducida o ano pasado neste evento.

Xironsa ultima o seu festival de agosto con Sonoro Maxín, Treixadura e outros artistas confirmados

Te puede interesar