Xoan Manuel Vázquez: “Non se pode prometer un centro espacial da NASA en Meis e, veña, a recoller currículos”

Xoan Manuel Vázquez: “Non se pode prometer un centro espacial da NASA en Meis e, veña, a recoller currículos”
_MG_8979_18050914

Xoan Manuel Vázquez foi concelleiro do BNG hai máis dunha década. Aos 48 anos ponse á fronte da lista nacionalista, como alcaldable. Veciño de San Salvador, profesor de Filosofía e escritor de libros da materia para editoriais, reivindica a ensinanza neste eido, ao igual que fixo no Parlamento co grupo “Filosofía Si”, convencido do atractivo da idea de que “hai pensadores que xa pensaron isto antes ca ti”. O seu debut como candidato foi hai uns meses, a carón dun flotador en forma de unicornio, para insistir en que o anunciado parque acuático para a vila non é máis que “fume”.

Ese parque acuático, estalle facendo a campaña ao PP ou ao BNG?

Ogallá, de corazón, que o parque acuático fora unha realidade. Pero en xaneiro, cando o PP o anunciaba para maio-xuño e recollía currículos, nós compareciamos para dicir que era imposible telo no 2019. Non hai inversores. E dos famosos promotores, nos papeis logo resulta que aparece o Concello como tal. Hai que ser realistas, non teñen capacidade para facelo. Só teñen un anteproxecto.

Porén, o goberno popular acusou ao BNG e ao PSOE de torpedear esta iniciativa. 

O BNG no puxo ningunha traba. Fomos os únicos que chamamos a todo o mundo para saber como estaba este proxecto. O que puxo alegacións foi o PSOE, pero en todo caso, foi unha alegación que, se se quere, soluciónase nunha hora. 

E non se quere?

Mira, o alcalde dicía en febreiro que estaba a esperar unha resposta da Xunta. Pero a pregunta, o Concello presentouna o 25 de marzo. Como che van responder se non preguntaches? Non hai nada. É todo fume. Iso si, o BNG comprométese a recoller o anteproxecto e, se hai inversores, que aparezan. O que pasa é que falta incluso un plan de viabilidade para unha infraestrutura que sería de máis de quince millóns de euros. 

Cre que é un proxecto inasumible?

Publicamente é inasumible. Insisto: Só será posible se hai inversores detrás. A ver: É como se eu digo agora que imos facer en Meis a estación da NASA, con 5.000 postos de traballo. Chamo a un arquitecto e dígolle, ‘fainos o anteproxecto’. E el faino. E que teño? Pois iso, un anteproxecto. E como podo eu, con iso, dicirlle á xente que xa o teño, que en dous anos vou abrir en Meis o centro espacial da NASA? E veña, a coller currículos. 

Máis alá do parque acuático, como veu este mandato a nivel local?

Un desgoberno total. Foi un Concello que estivo con un plan de axuste, intervido, por pouco que lle guste esa palabra ao alcalde; os servizos estiveron baixo mínimos; non se fixo nada. Agora que chegan as eleccións e pasa o de sempre: Chapapote polas pistas, unha obra na Praza de España e pouco máis, máis aló das promesas e promesas. Como a da parcelaria, que leva quince anos de demora e vai e reúnese agora cos afectados. Un escándalo, ao igual que o estado do saneamento: Con depuradoras estragadas e o alcalde segue a dicir que funcionan.

Que considera que precisa Meis?

Necesita realismo. Primeiro, ser conscientes de que imos baixar de poboación e de categoría, grazas ás políticas do alcalde. Segundo, saber que para as grandes obras e infraestruturas hai que buscar inversión: Eu estou disposto a reunirme con todas as administracións ou con inversores privados para acadala. Tamén nos comprometemos a ter reunións mensuais por todas as parroquias, para que os veciños digan o que precisan, levantando actas; a poñer en valor as rutas de sendeirismo, para elevalas a categoría internacional e facelas inclusivas para persoas con discapacidade, e aumentar o turismo arredor das igrexas e o patrimonio. Tamén queremos un bibliomóbil interxeracional; o servizo de Xantar na Casa, e, si ou si, un microbús que vertebre as parroquias.  

Se o PP non acada a maioría absoluta e o BNG é clave para un goberno co PSOE, apoiarían aos socialistas?

O BNG asegura que no momento no que haxa o xiro electoral neste concello, que o vai haber, o PP deixa de gobernar Meis. Por hixiene democrática.

Na pizarra

O valor que o candidato elixe foi “moi pensado”. Escribiu “currículo” por catro motivos. Un: Porque o BNG ten “currículo comprobado” na xestión municipal e no seu modelo para concellos rurais. Dous: As persoas da súa lista representan un abano de experiencia: “Albaneis, traballadores do agro, avogadas, sociólogas...” Tres: Polo “currículo pantasma deste Concello, que prometeu, pero non fixo, o tanatorio, a piscina, o parque de lecer, o punto limpo, a planta de biomasa...” E catro: “O máis grave do feito aquí: Recoller currículos para un parque acuático que non existe”. Aínda lle preguntamos se cre obrigado ter currículo para poder adicarse á política. “Non. Calquera pode”, pero iso si, con algo que o avale detrás: “Porque hai moitos paracaidistas políticos que logo levan ao desencanto”.

Mañá en O Salnés, entrevista a: Marta Giráldez, candidata do PSOE de Meis.

Xoan Manuel Vázquez: “Non se pode prometer un centro espacial da NASA en Meis e, veña, a recoller currículos”

Te puede interesar