Os camiños da Gallaecia

én de arrancar FITUR, esa Feira Internacional de Turismo que se celebra en territorio madrileño con propósitos de negocio no ámbito iberoamericano destinada a promocionar marcas, presentar novos produtos, coñecer as últimas tendencias e facer contactos para logo captar clientes; a esas persoas que para simplificar chamamos turistas. Aí, nese foro comercial, andan as e os nosos políticos con animacións multimedia, propaganda en papel, agasallos e convites varios; iso si, cada un á súa maneira coa agravante de saberse insignificantes perante os grandes atractivos concentrados arredor de fortes apostas institucionais e operadores multinacionais que buscan simplificar, para mellor propagar, destinos, propostas e marcas de fácil identificación popular.

Velaí o Camiño de Santiago, iso que para nós é o Xacobeo, alén do súa esencia orixinal de carácter puramente espiritual que aínda se considera Ano Xubilar nas datas en que o día do santo é domingo; con prórroga especial para este ano que andamos, graza especial do papado eclesiástico xustificada no impedimento de actividade que ocasionou a pandemia vírica do Covid-19. Si, camiño, espazo trazado e dispostos para poder ir dun sitio a outro, lugar ou lugares polos que se pasa ao ir dun punto a outro e mesmo un modo de vivir que, curiosidade incluída, pola que identificamos o Camiño de Santiago á Vía Láctea visíbel desde a Terra, razón pola se considerou o antecedente histórico dos modernos GPS como método de orientación por esa grande rúa principal de Europa construída paso a paso por milleiros de peregrinos que foi, e pretende seguir a ser O Camiño xacobeo, un sendeiro infinito. Ese poder de captación pola atracción que aniña na memoria popular das xentes, vén multiplicando rutas alternativas, variantes de todo tipo e acomodacións á carta para sacar proveito á tendencia de sumar saúde e cultura, camiñando.

Por iso, mirándose no espello de Compostela, destino final e cidade que saca a mellor tallada do gasto económico efectuado polos peregrinos, agora Lugo é uns dos promotores da creación dun gran itinerario cultural en torno ao pasado romano de Galiza e o note da actual Portugal, nun proxecto impulsado por este concello, o goberno galego e o Eixo Atlántico, de momento denominado “Circuíto Cultural da Gallaecia”. O propósito é crear o segundo itinerario lúdico e cultural máis importante do noroeste peninsular, despois do Camiño de Santiago.

Un proxecto que fixa dou eixos de actuación. Por unha banda, deseñar un itinerario que conecte e vincule os monumentos e aspectos do pasado romano máis relevantes deste territorio; e por outra beira, o de potenciar e recuperar as vías romanas como elementos de interese turístico, en especial a Vía Nova, que unía Astorga con Braga por terras ourensás. No horizonte, xogan a favor desta nobre causa turística e cultural a posibilidade de contar con fondos europeos de reactivación económica trala pandemia e facer de Braga, capital europea da cultura en 2027. Un bo camiño. Si.

Os camiños da Gallaecia

Te puede interesar