lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Carta de simpatía (o non) o Vigo

Hoxe é sábado, 24 de setembro. Non, non é que estea optando a un premio ao Peor Comezo de Artigo no Ideal en 2022. Non vai diso. Simplemente recalco a data en vista da súa importancia no que lles vou a contar. Porque quería falarlles de Vigo. Pero resulta que en días como este a miña opinión pode cambiar radicalmente segundo o instante no que me lean. Así que transmito as dúas opcións, con cadanseu horario. Así que se hoxe teñen o detalle de atender a esta columna antes das seis da tarde, deben saber que considero que Vigo é xunto á Coruña a cidade motor de Galicia, e que ambas deben ir da man para liderar este país desde a visión de progreso que representan, que desgrazadamente ten moito menos peso do que merece nunha  autonomía centralista e conservadora como é a nosa. 
 

Pero, teño que confesarlles que a partir das seis da tarde estarei convencido de que foi mala cousa que Vigo (do latín Vicus: aldea) se convertise nunha urbe, que ademais non achega máis que sopor e desgraza. Esta opinión poderá durar entre tres e dez horas, depende. En concreto, depende dun balón. 
 

Todo isto, como xa deducirían, ten relación co partido de rivalidade -ou derbi accidental- que disputa hoxe en Balaídos o filial do Celta contra o meu amado Deportivo. Por iso, malia que en realidade a miña posición fixa sobre a cidade olívica vén sendo a primeira, durante o tempo de duración dos efectos futbolísticos é a segunda a que me posúe, entre a brincadeira e o convencemento. Trátase dun transtorno transitorio, dun pecado do que arrepentirse? Para nada. Son plenamente consciente do feito, que acepto con soflama e felicidade. Divírteme. Considéroo procedente. Moito máis que o santurronismo. 
 

Afortunadamente, o 99 por cento das persoas sabemos distinguir a rivalidade da violencia. Somos conscientes de que certos partidos provocan sentimentos anómalos, pero moito máis naturais que os daqueles que pasan o día propagando as súas propias virtudes mentres lle crece o nariz. Os seareiros sen complexos aceptamos con honestidade o noso carácter humano e polo tanto falible, e temos a intelixencia de encamiñalo de forma organizada, sentimental e comunitaria arredor dunhas cores. Asumindo que o fútbol é parte imprescindible da vida, pero non é a vida. 
 

A rivalidade entre Dépor e Celta é unha das meirandes demostracións de galeguismo popular que existen. Con todo, hoxe volverán ao primeiro plano os puritanos que culparán a branquiazuis e celestes de todos os males da Galiza, regresarán os pelmas a soltar tópicos contra o localismo (só permitido se é rural e/ou compostelán) e a favor dunha unidade de país que estes partidos acaban reforzando en vez de rachar, un feito que poderían comprobar só con apearse un anaco dos seus altares de superioridade moral. Pero iso non o farán. Hai quen é triste antes e despois das seis da tarde.

Carta de simpatía (o non) o Vigo

Te puede interesar