Contubernio dos deturpadores

Se xuntamos o substantivo masculino contubernio, expresión da unión de persoas con fins pouco lícitos, co verbo transitivo deturpar; e dicir, facer que unha cousa perda a súa forma orixinal alterando a súa estrutura ou características, o resultado define ao papel ignominioso dos promotores dese reincidente “Foro La Toja” que, un ano máis, anuncia a súa celebración violando as normas legais en vigor sobre o correcto uso do topónimo, agravado polo feito de que alén da presenza de cargos públicos internacionais, estatais e galegos, este Foro conta cunha importante achega de diñeiro público, o que habería de obrigar a manter un maior nivel de exixencia e respecto pola lingua e cultura do lugar onde se vai desenvolver e garantir o cumprimento escrupuloso da lexislación.


Daquela é bo lembrar que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística recolle no artigo 10 que os “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”. Co fin de cumprir esta obriga, a Xunta, publicou o Decreto 189/2003, do 6 de febreiro; o Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro; o Decreto 332/1996, do 26 de xullo, e o Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación das provincial galegas. Onde aparecen as formas toponímicas xenuínas oficiais, tal como nos lembra a campaña impulsada por A Mesa pola Normalización Lingüística, co manifesto “A Toxa polo seu nome”; por respecto, por memoria e por lei. Nada menos. É o xusto.


Alertan que “o uso público e reiterado das formas toponímicas deturpada non só e demostrativo do interese por eliminar calquera vestixio e mostra da presenza social da lingua propia de Galiza, mesmo sendo unha lingua viva e de amplo uso, senón tamén da impunidade coa se actúa para contravir o indicado na lexislación a este respecto”; engadindo que “resulta especialmente preocupante que este atentado contra a dignidade do pobo galego e da súa lingua e cultura teña apoio explícito de representantes de organismos e institución cuxa primeira obriga é garantir o respecto pola lei, mesmo destinando fondos públicos á súa celebración”. Un aldraxe indignante.


Polo tanto, tendo lingua propia, e coa dignidade que nos asiste, é de xustiza reclamar que por entidades que aproveitan recursos públicos, directos ou inducidos, se faga uso correcto da toponimia. Ademais, estudos sociolingüísticos aseguran que esta forma é máis relevante na súa proxección social. A teimosía en facer uso deturpado do topónimo e causa dabondo para mobilizarse. Para que, xefes de estado e goberno, en activo ou xa pasados de moda, titulares de ministerios e consellerías, rexedores municipais e outros cargos institucionais, sumando tamén empresariado e outras persoas participantes neste encontro de elites proclamado como “Foro La Toja”, saiban que o lugar onde se celebra é A Toxa. Si, así, A Toxa. Coa única forma toponímica que debe utilizarse, por lei, por memoria e por respecto. A cita: o 29 de setembro ás 17 horas. 

Contubernio dos deturpadores

Te puede interesar