Da infalibilidade

ai quen pensa que con, simplemente, darlle a volta á páxina, todo empeza de novo e non hai pasado nin presente que quede reflexado en ningures. Nin compromisos previos que obriguen a nada. Feijoo é un destes seres. Está convencido de que antes del non existiu máis que o diluvio universal, e que como xa este deixou o mundo limpo, el quedou libre de calquera compromiso ou atadura. Dende que a Casa Real puxo de moda terminoloxías tipo cese temporal da convivencia, moitas cousas mudaron de forma, pero non de fondo. Aínda así  algún confunde a árbore coas froitas. Mudar a denominación non evita que un ruptura, deixe de ser unha ruptura. Feijoo segue a demostrar que de fiable ten moi pouco ou case nada, ao negar o compromiso pechado, entre Sánchez e Casado, no tema da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial. Esta negación obrigou a Casado a saír do seu retiro forzoso para aseverar o que todo o mundo, menos Feijoo, sabía. Que realmente había un pacto para acabar con esta anomalía democrática da (non) renovación, que incumpre cun mandato constitucional. Pretendeu agocharse detrás da imaxe dun Casado a quen, dende a sombra, axudou a defenestrar. E quedou, novamente, en evidencia. Casado non lle debe nada a Feijoo, ao contrario. Feijoo, vestíndose da finxida moderación que lle conceden, axudou a facilitarlle o camiño a Ayuso tirando a pedra e agochando a man. Errare humanum est. O don da infalibilidade non o ten nin o Papa Francisco, pero moito menos Feijoo a quen ese camiño doado ata a Moncloa, que lle auguraban os de sempre, se lle está tornando  abrupto e excesivo. Debería lembrarse daquilo de que nada é tan doado como parece, ou de que se algo pode ir mal, irá mal.


Procedes do verso inesperado –dixo El– dos arcanos sagrados que crean a beleza. Tes a secreta intimidade dun latido...

 

Da infalibilidade

Te puede interesar