A dimensión da barbarie

Coincidindo coa celebración popular do Día da Galiza Mártir deste ano, a Fundación Galiza Sempre vén de editar e distribuír de balde na rede de internet, sumada á súa edición física, unha pequena publicación de apenas vinte páxinas, de coidada impresión e inmellorábel acompañamento gráfico, que é un auténtico vademécum do que representou a barbarie fascista das tropas executoras do golpe de estado militar ilexítimo en contra da vontade popular democrática do réxime republicano. Insírese nunha colección que vai xa pola octava entrega, nacida para conmemorar grandes efemérides da historia e do nacionalismo galego; aínda que singularmente o texto que estamos a referir “non lembra unha soa data nin un só nome”; porque “trátase dun recoñecemento colectivo aos centos de mulleres e homes, militantes do nacionalismo galego, que sufrirían todo tipo de represalias, tortura, presión, exilio ou morte a mans do fascismo español após aquel golpe militar”.


Certo, o golpe militar de 1936 vai abrir a porta a un xenocidio contra o corpo social das organizacións democráticas. O movemento nacionalista non foi alleo a este proceso, até o punto de ser sometido a algunha tipoloxía represiva un mínimo de 789 persoas ligadas a este. Precisamente estas cifras dan conta do alcance e da intensidade da represión. Por iso, todas e todos os que aparecen nesta sobra, son. Mais non todos os que foron aparecen nas páxinas to texto. Abofé, non . Agardemos que nun tempo próximo se poda continuar, ampliar e mellorar os estudos feitos até o de agora.


A obra, titulada “Represión contra o nacionalismo” (1936-1949), da que é autor Xosé Ramón Ermida, unha das persoas que máis ten estudado a represión fascista contra o nacionalismo galego con publicacións esenciais na bibliografía especializada, é garante na divulgación do alcance real que tivo a represión franquista no conxunto do nacionalismo galego, rachando deste xeito cos moitos tópico, estudos e prexuízos a respecto do que significou polo horror, morte e terror entre a cidadanía galega, operando cun obxectivo de vítimas perfectamente planificado na súa relación e alcance.


O presidente da Fundación Galiza Sempre, no limiar que precede ao texto do relato, escribe que “pór nome ás patriotas e aos patriotas galego vítimas do fascismo é un acto de xustiza histórica. Durante moitos anos impuxeron unha amnesia colectiva. Querían que non se lembrasen os seus asasinatos máis, sobre todo, querían que non se lembrase por que loitaban as persoas asasinadas. A saber o nome e apelidos dos asasinos, de quen ditou sentenzas de morte en xuízos sumarísimos e das persoas delatoras. A saber a historia das e dos represaliados e das súas familias que, na maioría dos casos, non foron recoñecidas, compensadas nin reparadas durante décadas e, en moitos caos, tampouco aínda hoxe”. Exixencia de verdade, xustizas, e reparación para as vítimas. Moito máis, facer que a súa morte, aldraxe ou escarnio non fose en balde. Facer valer a sentenza da estampa de Castelao: “Non enterrar cadáveres, enterran semente”. Da Galiza Mártir á Ceibe.

A dimensión da barbarie

Te puede interesar