A forza dun furacán

Aforza dun furacán, é para este caso, metáfora da vida; especialmente da dinámica do mundo da política, da economía e da sociedade no seu repto actual. E dos efectos que motivan dinámicas que teñen unha orixe, desenvolven unha traxectoria e causan efectos irreversíbeis que, sendo imposíbel a súa derrota no mundo da natureza e dos seus patróns climáticos, sen embargo si é opción alternativa mudalos nos ámbitos das vidas humanas; e ser cambiados no camiño da súa evolución.

 

Daquela, lembremos que metáfora e un tropo que consiste en presentar como idénticos dous termos distintos entre os que o emisor establece unha identidade baseada na semellanza; sabendo que a palabra tropo indica unha figura retórica que consiste no emprego dunha palabra ou expresión nun sentido que non é o habitual ou normal, senón figurado. Polo tanto, a forza dun furacán, nesta reflexión non ten a ver coa noticia de actualidade dos efectos que o último destes fenómenos destrutivos está a producir na área do Mar Caribe, especialmente no seu paso por Cuba e Florida.

 

Iso si, reparemos na dinámica simbólica deste fenómeno atmosférico. Os furacáns están entre os desastres naturais máis devastadores e cada ano danse unha manchea destes sucesos climáticos, con efectos que varían de leves ata moi graves, causando milleiros de vítimas fatais e danos materiais millonarios. Resultando naturais estes fenómenos climáticos, nos derradeiros anos está a verse a modificación do seu patrón climático co incremento dos de máis forza, indiscutíbel causa da emerxencia climática que se está a producir polo efecto perverso do actual modelo de industrialización capitalista e da inanición dos gobernos diante do desastre planetario inminente.

 

Que causa un furacán?. Para que se produza unha tormenta tropical que suba a intensidade ata transformase nun furacán, debe unirse unha serie de factores climáticos que posibilitan a formación destes. Aínda coa súa semellanza aos tifóns orientais, estes ciclóns que reinan preto, e aínda dentro, da costa e da terra interior galega, nacen nas zonas tropicais atlánticas, mesmo sucedendo ás tormentas da costa africana, e aliméntanse coa alta temperatura do mar, máis grande a medida do incremento medio que está a sumar graos, formando unha espiral que se alimenta a si mesma. Ao antedito proceso engádese a corrente de ventos ecuatoriais que chocan co aire quente, facendo que suba aínda máis e arrefríese creando remuíños altamente cargados con auga, virando a grande velocidade que logo van guindar á poboación, batendo con todo o está no seu paso. Catastrófico.

A forza dun furacán

Te puede interesar