O goberno das fotos de comida basura

|

O goberno municipal de Vilagarcía sofre do famosísimo efecto das fotos dos menús de comida basura. Nas imaxes parecen dignas de comerse e logo chega a pregunta preventiva: Que se sabe ben? Obviamente nin sabe nin alimenta. O goberno de Alberto Varela é esa mesma foto: verniz de imaxe pero nin sabe nin nutre.

Vilagarcía está envolta nunha espiral inversora sen precedentes: recibe a chuvia de millóns de euros procedentes da Deputación, do Estado e da Unión Europea, pero padece un curioso efecto paralizante. 


Cantos máis cartos recibe menos capaz é de xestionalos. É como un barco pequeno enfrontado a unha onda moi grande. Esta parálise significa, sobre todo, unha cousa: o goberno é incapaz de trasladar estas millonarias inversións ao benestar da cidadanía. Non é capaz de establecer unha estratexia para os sectores chave do municipio e tampouco é capaz de darlle unha xestión eficaz a eses cartos. O dramático é que os cartos están aí.


Este goberno dispón do maior orzamento da historia municipal. Tanto é así que na compra dos aparcamentos do Ramal vai gastar máis cartos que todo o goberno de Fole dispuxo nos seus catro anos. Unha das grandes excusas da vida política municipal é non ter cartos. Pero o goberno de Alberto Varela non ten ese problema, ten xusto o problema contrario, ten os cartos pero non sabe que facer con eles para que a cidadanía de Vilagarcía poida vivir agora mellor e a cidade estea preparada para o futuro. Varela e o seu goberno toman a decisión de novos ricos e esquecen as necesidades reais da cidade e da súa veciñanza.


Vilagarcía debe ser un concello agradable para vivir, bonito e con personalidade propia. Non hai dúbida sobre isto aínda que o goberno municipal non teña tan claro que significan estes adxectivos en termos urbanísticos. Pero, sobre todo, o alcalde esquece que non hai concello agradable nin atractivo sen emprego, cualidade de vida e un equilibro social xusto. Non o sabe e tampouco sabe que facer para conseguilo. Porque os datos non son optimistas: Vilagarcía ocupa o posto 110 de todo os concellos de Galicia en renda disponible por habitante, é dicir estamos na cola da riqueza do país.


Vilagarcía foi incapaz de atraer nos dez últimos anos ningunha empresa que poida xerar economía práctica e postos de traballo pero, sobre todo, continúamos a cabeza do desemprego na comarca. Din os datos: hoxe un de cada dous parados do Salnés é de Vilagarcía.


O urxente para a cidade, moito antes que as decisións urbanísticas, é evitar que esta sexa unha nova década perdida no económico para Vilagarcía. Porque, ademais, hai unhas inversións que non poden ser tiradas como quen bota auga ao mar. Hai que entender desde o concello que mesmo antes de peatonalizar cómpre mellorar as condicións de vida da cidadanía castigada por dúas crises consecutivas e cun futuro que por moito cemento que se poña non mellora.


O goberno municipal ten a disposición unhas inversións importantes para facer cambiar a dinámica de Vilagarcía nesta década: de recuperar benestar e de investir en facer a cidade máis atractiva e convertela na cidade máis envexada de Galicia. Hai unha posibilidade real de facelo, pero é imprescindible que o goberno municipal entenda que tirar os cartos en botar máis cemento non é o que nin a xente nin Vilagarcía están necesitando.

O goberno das fotos de comida basura