Hai pleno

Se algo amosou o último pleno da corporación Vilagarcía é que hai partido. Se esta fora unha crónica futbolística, escribiría que a primeira parte do encontro foi vibrante, cun acoso constante á portería -defendida polo goberno local- protagonizado pola oposición de esquerdas. Diríamos que a voceira de Podemos, María de la O Fernández, foi quen repartiu xogo. Non en van ao inicio do pleno debatéronse dúas mocións coa participación da veciñanza a solicitude de Podemos. A primeira foi unha moción en defensa dos dereitos laborais do Servizo de Atención no Fogar. Tratouse a precariedade que caracteriza a este sector feminizado, pero tamén a vulneración dos dereitos das traballadoras por parte de Aralia, empresa que xestiona este servizo en Vilagarcía. Marisol Gómez Fernández púxolle voz e dignidade ás reivindicacións das súas compañeiras. Interpelou en varias ocasións á Concelleira de Servizos Sociais, Tania García, e ao Alcalde, a quen lle recriminou que tivera que intervir a oposición-neste caso Podemos-para que Alberto Varela escoitara ás traballadoras. A situación do SAF ben merece unha crónica á parte, pero, para quen queira ler, tamén foi ben relatada por este mesmo medio.


Tras a exposición de Marisol, veu un intenso intercambio entre oposición e Goberno Local, pero foi durante unha dura réplica de María de la O Fernández que subiu o ton, acusando a Tania García de terxiversar e mentir ao afirmar que Podemos votara a favor do prego de condicións do SAF- cando este se votou en outubro de 2018, meses antes de que esta formación entrara na corporación en maio de 2019-. Gol por toda a escuadra. Nese momento a portavoz do goberno abandonou o corpo a corpo e pasou a argumentar o voto final do PSOE, quen pretendía eliminar o punto sobre a municipalización. Asistencia a Alberto Varela quen amagou o tiro ante unha oposición que se mantivo firme. A moción foi aprobada coa abstención do Goberno Local.


Sen embargo, esta non é unha crónica futbolística, como moito unha crónica plenaria dunha sesión que comezou moi tensa para toda a corporación, a excepción da voceira do BNG que segue sen dignarse a asistir. A continuación tivo lugar a exposición por parte de Cándido Meixide das mocións de Esperta Vilaxoán sobre saneamento e seguridade viaria en varias rúas. Esta vez o debate acendeuse cando o Goberno Local sinalou que votaría a favor das mocións a condición de retirar os puntos relativos á inclusión das partidas económicas nos orzamentos de 2022. A escusa foi a suposta imposibilidade de mover unha coma dos orzamentos, o que enfadou a oposición que a día de hoxe non coñece unha soa letra deses orzamentos escritos na rocha. Tamén, porque os acordos plenarios sen dotación económica acaba por levalos o vento.


Neste punto houbo un encontronazo entre Juan Fajardo e Tania García. Aquí o estilo foi máis de barra de bar que de sesión plenaria. Chegando incluso a falarse dunha publicación no facebook do primeiro sobre a retirada da cruz da Igrexa. Algo que revolveu á veciñanza que reclamaba que alí se estaba a falar de Vilaxoán e pedían centrar o debate. Algo que habitualmente encárgase o Alcalde de recordar cando son os voceiros da oposición os que se extralimitan. Finalmente a moción foi rexeitada cos 12 votos en contra dos concelleiros do PSOE, provocando a frustración e o enfado de Esperta Vilaxoán mentres saían do pleno.


Despois tratáronse a ampliación da EDAR, a reforma laboral-curiosamente o BNG anda promovendo concentracións pero non está para debatela no pleno-, o pavillón de Bamio e cuestións varias, pero foi marchar a veciñanza do salón de plenos e os ánimos do Goberno Local relaxarse, polo que a segunda metade transcorreu tranquila, como un rondo nun adestramento.


Polo visto este xoves, tras dous anos coas sesións plenarias baleiras por mor da COVID calquera diría que a este goberno cústalle volver a enfrontarse á veciñanza que lle molesta como unha pedra no zapato. Estamos ante unha maioría absoluta de manual.


* Voceira de Podemos Galicia e membro de Podemos- Marea da Vila

Hai pleno

Te puede interesar